Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Non será doado

12:30 09/06/2009

Non será doado reemprender o camiño da construción da Unión Europea como un espazo de convivencia interna e como potencia civil no mundo, procurando a xustiza social e a paz.

Os atrancos non se atoparán no Parlamento Europeu, ainda que os deputados integrados no Partido Popular Europeu conten con máis forza relativa, tendo diminuido a do Partido Socialista Europeu. Nen siquer na maior presenza de grupos políticos de extrema direita ou euroescépticos irrecuperábeis. Depois de todo, os grupos progresistas e os demócratas de centro dispoñen de máis deputados que o PPE. O Grupo Verdes-Alianza Libre Europea, no que se integrará no seu momento a deputada do BNG, conseguíu o seu mellor resultado. Se dos Verdes salienta o apoio obtido en Franza, situándose á altura do Partido Socialista e superando entre ambos á direita representada pola UMP, a Alianza Libre Europea terá tantos deputados como na lexislatura 1999-2004 e máis que na que rematou: membro de ALE e querendo a independencia en Europa, o Scottish National Party foi o vencedor na súa nación. Resistiron, ademais, os partidos integrados na Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, entre eles o Bloco de Esquerdas portugués, que pasa de ter un a ter tres representantes, e non baixou o Grupo da Alianza de Demócratas e Liberais de Europa, onde están os deputados de CiU e PNV. Aunando estes resultados e os dos socialistas sería posíbel formar unha maioría democrática e progresista de 293 deputados que superaría aos 263 dos populares, pudendo condicionar a eleición do Presidente da Comisión e do Presidente da Unión de se aprobar o Tratado de Lisboa. 

O problema non está no Parlamento, sempre maís europeista que o Consello Europeu dos Estados, senón na gravísima parálise política provocada en principio pola decisión dos EEUU, co concurso do Reino Unido e o Estado español, de levar a guerra a Iraque e logo manifestada institucionalmente co fracaso na aprobación do Tratado do Proxecto de Tratado Constitucional. Un fracaso que, entorpecendo a construción da UE, favoreceu as posicións conservadoras, neoliberais e euroescépticas cando máis falta facía unha Unión que for quen de facer frente aos problemas da paz no planeta e á resolución da crise financeira e económica mundial parida polo capitalismo salvaxe.  
Na campaña recén rematada, a descarada desvirtuación estatalista dos debates entre o PSOE e o PP, de costas ás grandes cuestións europeas e mundiais, evidenciou a envergadura dos problemas que padecemos. 

4.15/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións