Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Desorientación

15:42 10/11/2009

Non habería porqué ter soidades dos primeiros tempos da autonomía cando o Parlamento de Galiza decidiu situar en Santiago de Compostela a sede das instituicións nacentes e aprobou normas como a Lei de Normalización Lingüística e Lei de Símbolos, xa que o país está hoxe muito mellor que daquela, tanto na economía -mais industrializada e internacionalizada que a española- como nas infraestruturas de  comunicación, o ensino -pénsese nas facultades e escolas técnicas superiores que se tiñan ao ver das actuais-, a sanidade ou a cultura e mesmo na consciencia lingüística e nacional. Mais cabe salientar que daquela hoube unha vontade política de traballar en función dos intereses xerais galegos, da que agora estamos faltos.

Abonda con deitar unha mirada arredor para ver a desorientación existente en asuntos tan determinantes como o futuro das Caixas de Aforro, o governo dos portos e dos aeroportos, a política enerxética, a relación entre as tres universidades, o ordenamento territorial e da administración local, o fortalecimento da industria e dos servizos industriais, a potenciación e diversificación da produción agraria e o desenvolvimento rural desde a sabedoría do campesiñado, a harmonía entre as actividades pesqueiras, industriais e de lecer e a conservación das costas e das aguas, a normalización da lingua galega como propria e oficial, a reforma do Estatuto de Autonomía, a emigración e o declinio demográfico. Non é este apenas un problema desta lexislatura, pois o Governo anterior non foi quen de distinguirse como debía no tratamento de asuntos principais como os citados, limitándose a unha administración carente de horizontes transformadores. Porén, o Governo actual, sen ideas sobre praticamente todo e agravando os problemas en vez de de solucionalos, mostra un desleixo desusado. Sen consciencia de país e menos, claro, de nación, prisoneiros dunha mentalidade provinciana, os actuais governantantes son gustantes da para eles tarefa apaixonante de desprezar a lingua galega desde o poder, tratándoa como un raro idioma forasteiro, sen tampouco saberen o inglés que lles serve de artimaña. 

Todas as desfeita lles son poucas. Poden ignorar que na legalidade instituida polo Parlamento de Galiza non se repartíu o territorio do país entre as tres universidades (pudendo a de Vigo estabelecer facultades proprias na Coruña ou a da Coruña en Santiago ou Ourense); paralisan culpabelmente o investimento en parques eólicos, cando chegan a producir 50% da enerxía eléctrica consumida; pretenden a  privatización de parte do sistema de saúde público, un ben que é de todos. Atentos ao que se respira no Madrid que os enamora, a sua actitude raposa na cuestión das Caixas de Aforro é paradigmática. Saben que o Governo do Estado e os poderes económicos e mediáticos da Corte coa concentración das Caixas pretenden fortalecer e consolidar á capital do Manzanares como o antagonista do Estado das autonomías. Non ignoran que o Banco de España trata de domesticar ás entidades financieras de base autonómica que restan para darllas aos banqueiros madrileños. Son do mesmo pau que os que mandan na Comunidade que se desvive por cebar a Caja Madrid, comezando por engolir a Caixa Galicia e a Caja de Ahorros del Mediterráneo, acumulando poder político e financiero frente a toda a Península e en particular contra a perigosa La Caixa, que coidan máis estranxeira que Alemaña. Saben o que queren, toman medidas nesa direción e o manifestan agresivamente.

O Governo Galego non. Co acaido que sería, na certeza de que as outras Caixas estarán aquí, determinar firmemente a fusión das dúas galegas, desde a autoridade política e financiera que a sociedade puxo nas súas mans, nunha Galiza asumida por unha vez como unha grande cidade urbana e rural, tan vasta, diferente e singular como os seus mil catro centos noventaeoito quilómetros de costa, aberta a todos os mares. 

4.69/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións