Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Xogando coas cousas de comer

09:34 26/05/2009

Gañadas as recentes eleicións polo Partido Popular e chegados ao Governo precisaron pouco tempo para por boca do seu Presidente anunciar medidas como as de reducir o nível dos impostos, seica para impulsionar a demanda.

Desbaratar a perspectiva dun grupo lácteo galego. Sementar dúbidas a conta da política medio-ambiental, particularmente no que ten a ver coa privilexiada costa deste país. Manter no limbo a decisión sobre o plano da enerxía eólica. Pór en causa a construción dun novo hospital e abanear o sistema público de saúde, favorecendo a privatización. Ou anular disposicións destinadas á normalización do uso do galego como língua propria. Vindo da política retrógrada do PP español, as decisións tomadas en Galiza inscrébense nunha deriva que leva a substituir o carácter expansivo dun Estatuto de nacionalidade por un ruin de deputación provincial.    

En Galiza a autonomía política tira o seu sentido se responde a un proxecto nacional. Cando o groso da política fiscal está dominada polo Estado desde Madrid, non é reducindo os cativos impostos praticados polo poder autonómico onde se encontran solucións para os problemas económicos do país, senón na reclamación da plena competencia fiscal, na consciencia de que a economía galega dá para muito máis que para manter o Orzamento proprio. Non se pode mirar para outro lado no problema lácteo, pois para alén das competencias que se teñan, a resolución frente a todos os demais poderes é deber do Governo galego. Merece un castigo político deixar o inapreciábel patrimonio ambiental e económico do país do mar, a chuva, o vento e o sol nas mans tan voraces como empobrecedoras dos especuladores ou usalo como pago do clientelismo político. Constitui unha senrazón que ainda agora, depois dun século de expolio, as decisións sobre a produción enerxética posan submeterse a intereses espúrios. É inadmísibel que a fundamentral competencia na sanidade sexa utilizada en beneficio dos que pretenden facer da saúde un negocio privado, tentando derramar unha conquista social tan determinante como o carácter público e universal do sistema sanitario. Constitui un desprezo ao país sentar no Governo galego persoas que non queren falar a língua propria e nacional de Galiza, unha língua que ademais, non habería que lembrarllo aos que governan, é oficial por Lei. Podería ser ministro en Madrid alguén que “en uso da súa liberdade” non fale castelán?.

O anuncio de desatinos non fixo máis que comezar. Sabemos que o que veña será igual. Cando a nosa a sociedade está máis preparada que nunca para asumir o autogoverno, con este Governo o rebento de autonomía política de que dispomos está en perigo de sofrer unha culpábel banalización.

4,4/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións