Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Depois da Asemblea

09:50 12/05/2009

A Asemblea Nacional do BNG do 10 de maio rematou coa votación de dúas candidaturas á Comisión Executiva e co discurso do Portavoz Nacional. Habendo catro listas para o Consello Nacional e logo dúas para a Executiva, todo transcorreu de acordo con regras democráticas e mediante o voto secreto dos delegados.

O tenso enfrentamento para a Comisión Executiva, non levou aparellado verdadeiras diferenzas políticas. A  dureza manifestada non respondeu, paradoxalmente, á existencia de posicións e programas alternativos, que non apareceron nen no referente as causas do declinio dos anos pasados, nen sobre o recente fracaso e muito menos a respeito de posicións estratéxicas destinadas a situar ao Bloque en condicións de recuperar e incrementar o apoio social e político da sociedade galega. De facto, os que disputaron o dominio da Executiva aprobaron conxuntamente e sen fisuras o Documento Político da Asemblea, uníndose ademais para derrotaren todo intento de asalto programático á  fortaleza compartillada. O resultado foi un novo reparto do poder entre os grupos que dirixiron o BNG nos ultimos anos desde a organización e o Governo Galego, acaparando agora a representación no Parlamento de Galiza.

As tendencias presentes na Comisión Executiva ignoraron de novo a necesidade imperiosa de reflexionar sobre a Galiza de hoxe e sobre a estrutura interna do BNG, para devir nunha organización unitaria e plural, nacionalista e da esquerda, como condición para sermos compreendidos pola xente e avanzar democraticamente na emancipación nacional e social. 

Contra o demandado sempre desde posicións internas ignoradas nesta  Asemblea, o BNG como tal non fixo ainda unha reflexión sobre as mudanzas políticas, económicas, sociais e culturais que se produciron na sociedade galega nas últimas décadas –unha sociedade máis preparada social e economicamente para o autogoverno e máis consciente que nunca a respeito da cuestión nacional- e sobre a condición política e ideolóxica dun Estado español que nega a plurinacionalidade. O BNG mirou mesmo desde lonxe os problemas mundiais do presente, tan diferentes dos de hai dúas décadas e tan distantes dos da Guerra Fría, afectando profundamente ao papel da UE e dos grandes Estados, á situación de continentes e nacións marxinados e á realidade do socialismo e os direitos humanos e democráticos frente á inhumanidade capitalista.

A Asemblea serviu para elexir unha nova direción. Mais, contando con praticamente os mesmos vimbios que a anterior, non avanzou polo camiño político e programático preciso. Agora ábrese o tempo de acordar. Sería bó facelo sen agardar a novos fracasos; todo sería máis difícil e muito máis arriscado. 

*P.S: No documento político aceptouse por fin unha emenda na que, afirmando o galego como lingua propia e nacional, tamén é intercontinental

4.34/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións