Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Os europeos e a consciencia da Unión

10:00 02/06/2009

(O texto corresponde a un apartado do capítulo A Europa esperada do libro do autor Europa. O continente pensado, publicado en 2008).

“Resulta evidente a necesidade de incrementar a consciencia social europea sobre o carácter da Unión Europea, condicionada ainda e de modo mui especial polo dominio ideolóxico e informativo dos Estados membros e polos grandes intereses criadores de opinión pública mundial que, con base nos EEUU, non gustan precisamente dos obxectivos da instituición europea.

Frente á aventura da UE, os Estados apresentan ainda dúas caras contraditorias, como  protagonistas e antagonistas do desenvolvimento comunitario. Son eles, compreendidos tamén os poderes civís e mediáticos, os que continuan a fornecer a ideoloxía global, a lectura do que sucede, as percepcións e as interpretacións dos acontecimentos. Son os que troquelan o pensamento político e académico sobre a lexitimidade constitucional e a soberanía, construen as lecturas históricas predominantes e se impoñen como referencia e medida do carácter das instituicións políticas.

Os medios de comunicación dominantes pertecen aos espazos estatais, estando centralizados nas capitais dos Estados, sen que existan ainda canles informativas de atención xeral con presenza en toda a UE e menos en todo o continente. Apesar da presenza do espazo político e económico europeu e de entidades territoriais con unha grande autonomía política e incluso con autogoverno nacional, con línguas proprias e oficiais, os Governos e as demais instituicións dos Estados orixinan conscientemente unha política de comunicación destinada a manter unha identidade exclusivista, facéndoa pasar por nacional, sen que a UE teña, para alén de determinadas directivas, unha política destinada a criar un campo de comunicación común, fundamentado no principio da unidade na diversidade e preparado para expresar a realidade e as posicións fundamentais da Unión. Neste clima, tendo ademais os Governos estatais a tendencia a aproveitarse do bó que chega da UE e a culpabilizala do mao, a información que receben os cidadáns limítase habitualmente a notas burocráticas referentes a medidas ou negociacións en Bruselas sobre normas do mercado común, carentes as noticias de ilusión sobre o carácter e os obxectivos da Unión Europea. Incluso nos Estados favorábeis ao avance da unidade domina unha notábel pasividade e mesmo un certo desleixo informativo sobre a UE, entanto que as  posicións euroescépticas son voceadas agresivamente.

Non se pode ignorar a importancia que ten o antieuropeismo da  imprensa e os medios audiovisuais ingleses, que condicionan as decisións do Governo británico e con elas as do conxunto da UE. Dominados desde o tempo de Margaret Tatcher polo grupo mediático de Robert Murdoch, australiano de cidadanía estadounidense, un 80% dos medios ingleses son furiosamente antieuropeus. Cada novo lider do Reino Unido, sexa do partido laborista, for do conservador, “visita a Robert Murdoch como primeira etapa para conseguir o seu poderoso asentimento”. O empresario sabe que pode  intimidar aos políticos ingleses, séndolle muito máis difícil facelo frente ao poder colectivo da UE. Interrogándose sobre “o odio de Inglaterra a Europa”, Mario Fortunato e Maria Garea encontran unha explicación no tratamento da maioría dos medios de comunicación: “frente á cacofonía de antieuropeismo que define á imprensa do Reino Unido, escreben, non é nada surpreendente que os ingleses sexan tan ignorantes e desconfiados a respeito da idea europea”. Foi en grande medida o euroescepticismo difundido desde os medios ingleses, que tanto determinan as posicións políticas, o que dominou na UE cando unha minoría de Estados negara a ratificación do proxecto de Tratado Constitucional frente a unha maioría que sí o fixera. (Non é só Murdoch, mais este en concreto utiliza xornais como The Sun e News of The World como “as máis contundentes armas políticas: dilles aos seus millóns de lectores como votar, proclama as súas proprias políticas e empreende cruzadas contra os políticos que o desafían”)

Ante a ausencia dun espazo de comunicación europeu con vocación interna e mundial, dase o paradoxo de a sociedade perceber o que ocorre en Europa e no mundo apartir de fontes dominadas por grandes compañías, principalmente estadounidenses, que concentran o poder mundial na imprensa, a televisión ou internet, utilizándoo como instrumento de dominación económica e cultural global. Un poder que para manifestarse sen obstáculos en todo o mundo absorbe crecentemente á empresas hexemónicas noutros sectores, de modo especial ás que posuen unha rede de subministro (electricidade, teléfono, água, gas, ferrocarril, autoestradas), Este é o motivo, di Ulrich Beck, polo cal EEUU puxo todo o seu peso na balanza da desregulación, pensando na globalización da economía e esperando que os máis dos países abran as súas fronteiras ao libre fluxo de información, é dicer, aos xigantes da industria estadounidense do lecer e dos medios de comunicación. Neste sentido -e de acordo con Fernández Buey cando analisa a realidade de que os medios de comunicación son parte do poder-, os produtos culturais mediáticos ocupan o segundo lugar na exportacións dos Estados Unidos, só por debaixo da industria aeroespacial.  

Non é pois estraño que as percepcións dos cidadáns europeus continuen a estar influenciadas por visións do mundo que pretenden ignorar as realidades maís relevantes da UE. Visións que afirman que EEUU, China, India ou Rusia teñen máis poder político que calquer Estado da UE, sen tomaren como referencia o imenso poder real e potencial da Unión no seu conxunto. Difunden a idea da decadencia de Europa, desgaban as conquistas europeas do Estado de benestar, ocultan que a UE é a maior potencia económica mundial, e esquecen que con 492 millóns de habitantes non ten demograficamente por riba máis que a China e a Índia. As informacións que receben os cidadáns europeus anuncian que China vai substituir a Alemaña como terceira potencia mundial, deixando de lado a pertenza xermana a unha unidade política e económica chamada Unión Europea, sen considerar por outra parte que esa noticia necesitaría ser matizada pola evidencia de que, con dados de 2006, a renda por habitante de China é de 1.929 dólares, a da Unión de 29.899 dólares e a alemá de 37.000 dólares.

Este tipo de visións, praticadas coa consciencia da función que cumpren ou respondendo a un acrítico seguidismo ideolóxico, inzan os medios de comunicación europeus: nun dos non infrecuentes conflitos xurdidos a propósito da calidade dos produtos de consumo de orixe chinés exportados a Europa e a EEUU, un medio de comunicación falaba, textualmente, da competencia comercial entre o Estado norteamericano e China como as dúas primeiras entidades económicas do mundo, cando nen Estado norteamericano é a primeira como unidade económica, nen China é a segunda, sendo ademais Xapón a terceira.

Na mesma UE, as informacións dominantes identifican as potencias mundiais pola capacidade militar, reproducindo a ideoloxía militarista esmorecente, e toman a EEUU e China como as potencias do futuro por teren os maiores exércitos sen introduciren nas análises o propósito latente na Unión de ser unha potencia civil mundial. No caso de China desconsideran o feito de que para atinxir o nível económico por habitante da UE necesitaría décadas e décadas, e ignoran tamén que a nova realidade dese Estado continente, como a da India e mañán as de Latinoamérica e África, obrigarán a introducir  nas previsións de crecimento mundiais, e xa non só a nível teórico ou ideolóxico, os problemas referentes ao esgotamento das materias primas e os de conservación da natureza, para non falar da demografía. Resulta tan atrevido como irresponsábel medir todo en termos militares ou non considerar os problemas centrais do desenvolvimento sustentábel que afectarán a todos os paises do mundo.

Xa cansan por tópicas as comparacións entre a Unión Europea e Estados Unidos destinadas a demonstrar a suposta superioridade do sistema económico norteamericano e a necesidade de a Unión Europea mergullarse sen reparos as práticas neoliberalais, desmontando por ineficiente o seu Estado de benestar. É menos frecuente encontrar estudos que defendan a validade do modelo económico e social europeu que encontrar na propria Europa análises que insistan en ideas negativas como a do “pior comportamento económico da UE a respeito dos Estados Unidos nas últimas décadas e na actualidade, así como o seu potencial menor crecimento relativo no medio e mui longo longo prazo”, formulando solicitamente propostas de reforma que a Unión “debería aplicar para mellorar a súa taxa de crecimento futura e os seus níveis de vida e para facer sustentábel a longo prazo o seu modelo social”. Desde este ponto de vista, un autor como Guillermo de la Dehesa conclui que se ben nos anos sesenta e setenta do século XX os Estados europeus tenderon a achegarse relativamente ao nível dos EEUU, ese proceso se detivo desde meados dos setenta e nos oitenta, para invertirse o proceso desde meados dos anos noventa, co resultado dun crecimento per capita lixeiramente maior en Estados Unidos que no conxunto da UE -2,8% frente a 2,2%- e claramente máis rápido que nos Estados máis grandes da UE: o Reino Unido, Italia, Franza e Alemaña.

De la Dehesa non realiza a comparación desde unha perspectiva obxectiva, senón tomando un ponto de vista ideolóxicamente interesado, destinado como é frecuente a defender posicións políticas neoliberais. Condicionado polo prexuizo da superioridade do modelo económico de  EEUU, ao igual que outros muitos autores toma como referencia dados estritamente económicos e conxunturais do conxunto da Unión, eludindo a diversidade de comportamentos existentes no seu seo e pretende ignorar, de modo especial, que dentro da propria Unión Europea existen modelos como os dos Estados escandinavos que poden ser adoptados noutros Estados comunitarios, combinando a mellora do Estado do benestar con crecimentos económicos superiores aos do Estado norteamericano.

A esta mesma conclusión chegan Vicenç Navarro e John Schmitt. Salientan en primeiro lugar o inapropriado de comparar un Estado como o norteamericano, con políticas económicas e fiscais proprias, coa UE dos 15 Estados, que pratican políticas distintas, sabendo por outra parte que o Orzamento da Unión atinxe a pouco máis do 1% do PIB comunitario, entanto que o Orzamento central dos EEUU atinxe o 19% do seu PIB. Demonstran estes autores que o maior crecimento global de Estados Unidos foi en grande medida debido a un máis alto crecimento demográfico. Suliñan que anos oitenta o crecimento per capita da UE foi similar ao de EEUU (1,9%), sendo ademais igual ou superior o de múltiples Estados europeuas: “Austria, 2,1%, Bélxica,  1,9%, Irlanda, 6,6%, Holanda, 2,4%, Portugal, 3% e España, 2,4%”, sendo só lixeiramente inferiores os de Dinamarca e Finlandia. Salientan tamén que no ano 2002 a renda por habitante a prezos de mercado dos EEUU (36.102 dólares), ainda sendo superior á da UE no seu conxunto e inferior á de Estados da UE como Dinamarca, Austria, Suecia, Alemaña e Finlandia, que varian desde os 44.780 dólares do primeiro aos 36.659 dólares do último, correspondendo, por outra banda, a Estados que foron governados por partidos de tradición socialdemócrata, ou por alianzas destes con outros partidos, durante unha boa parte do período transcorrido despois da Segunda Guerra Mundial. Navarro e Schmitt poñen en causa posicións como as De la Dehesa, por outra parte tan frecuentes en medios europeus, cando esquecendo aqueles dados afirma que a o promedio da renda per capita da UE é un 30% inferior á dos EEUU e atribui ademais o resultado “á menor produtividade e ao menor número de horas traballadas na UE dos 15 que nos EEUU”. Mesmo no tocante á produtividade existen Estados da UE: Alemaña, Irlanda, Franza, Italia, Holanda e Bélxica, que teñen un nível máis elevado que o de EEUU, da mesma forma que outros, Irlanda, Holanda, Suecia, Portugal, Dinamarca, Austria e o Reino Unido, con dados de 2002 tiñan taxas de desemprego inferiores ao 5,8% daquel Estado.

E todo isto sen considerar, como é preciso, que o modelo económico e social europeu que, malia todas as súas insuficiencias evita a preocupación recorrente, e mesmo a angustia, que na sociedade estadounidense cria a inseguranza sobre elementos básicos de proteción social: a sanidade, a educación dos fillos, as pensións de xubilación, a intervención ante desgrazas naturais, o funcionamento xeral dos servizos públicos: “en Nova Orleans seguimos sós”, dicía xente da cidade despois de dous anos da catástrofe do furacán Katrina. Con todas as deficiencias que pode haber en Europa, en tanto que na Unión Europea o Estado garante o desfrute deses elementos básicos da vida e da convivencia en EEUU non ocorre así. Os europeus non sempre son conscientes, por exemplo, do imenso valor diferencial do tratamento a unha persoa doente en situación crítica, atendida de imediato onde existe unha sanidade pública de carácter universal, tal como ocorre habitualmente nos paises da Unión, entanto que nos EEUU pode ver como se lle nega o ingreso no hospital se antes non  demostra que pode pagar. 

É frecuente encontrar nos paises europeus tanto na imprensa como en forma de libro, panfletos en contra de Europa e en prol do ultraliberalismo norteamericano. Frente á consciencia do valor da Unión forma parte da sociedade unha poderosa tendencia descalificadora que, co obxectivo de pór en causa o modelo do Estado do benestar, magnifica acriticamente o sistema económico e social de EEUU. “Os europeus traballan sempre menos, toman vacacións maís longas e xubílanse antes. Os americanos(sic) traballan máis anos. En agosto París é unha cidade fantasma, se se excluen os turistas en tanto que no mesmo mes New York non é diferente a calquer outro mes do ano, senón é pola presenza dun número maior de turistas europeus. Estes europeus consideran a seguranza e a estabilidade do emprego como un direito fundamental e unha garantía de felicidade entanto que os americanos están dispostos a suportar os altos e os baixos, as falencias empresariais, a perda do posto de traballo e os períodos de desemprego como un aspecto inevitábel da economía de mercado(…); os europeus consideran a desigualdade un problema fundamental;  en América (sic) a desigualdade está en aumento, mais os americanos parecen dispostos a conviveren con ela. Os europeus cren que non se debe recorrer case nunca ao uso da forza nas relacións internacionais; os americanos creen na utilización relativamente frecuente da forza (…). Os europeus cren que a sociedade determina grande parte do destino do individuo; os americanos cren que o individuo é responsábel do seu proprio destino (…)”.

Estas pérolas, tiradas do libro “Good Bye Europa, Cronache di un declinio economico e politico”, pertencen a unha liña que conta en Europa con apoios de envergadura que non pretenden nen siquer o encontro entre o sistema europeu e o estadounidense, senón a implantación en Europa dunha economía de mercado sen adxectivos –negan mesmo “unha economía social de mercado”-, fundamentada na privatización de todos os servizos sociais conquistados. Se non é así, agoiran, o declinio de Europa estaría asegurado.

De facto muitas destas opinións ademais de ocultaren dados fundamentais e valores significativos da economía e a da sociedade europea, magnifican conxunturas desfavorábeis para a UE dándolle unha dimensión transcendente e tórnan mudas cando a situación mellora, como ocorreu a meados de 2007, co euro a 1,38 dólares, sen perxudicar o crecimento económico -2,7% para a zona euro e 2,1% para os Estados Unidos-, e abarantando ao mesmo tempo o prezo do petróleo medido na moeda norteamericana. A posta en marcha do euro debeu salvar obstáculos formidábeis, entre eles o da criazón sistemática dunha estado de opinión desfavorábel polos que desde EEUU pretendían manter a hexemonía do dolar.

Na súa obra The United States of Europa, The superpower nobody talks about (A superpotencia da que ninguén fala), considerando a dura oposición dos EEUU ao estabelecimento do euro, o xornalista estadounidense J. R. Reid relata como un Henry Kissinger que en 1999 argumentaba en contra da moeda única, aducindo que os povos europeus non a aceitarían, perguntado públicamente en 2002, cando o euro xa estaba na rúa,  que tiña que dicer sobre a manifestación realizada tres anos anos, respondeu con humor e aparente resignación que el normalmente “tiña razón”, mais “nunca dixera que era infalíbel”. Dentro dunha obra de tan suxerente título, chea de aproximacións mui baseadas na vida común, conta como estando en Londres levou a unha filla a un hospital para curarlle unha ferida, estando disposto a pagar unha alta cantidade, como faría en EEUU, véndose surpreendido pola resposta do persoal que os atendeu, lembrándolle orgullosamente que estaba no Servizo Nacional de Saúde e que podía gardar o cheque.

Ten un especial significado político a ignorancia da sociedade europea sobre o traballo do Parlamento Europeu e do Consello de Ministros da UE, chocando coa realidade de proceder da instituición unha parte básica -pénsase que como mínimo o 50%- das leis que afectan á vida dos conxunto dos cidadáns, limitándose nestes caso os Estados, ou as entidades territoriais con competencia sobre as diversas materias, a incorporalas a súa lexislación ou a desenvolvelas regulamentariamente. En materias como medio ambiente, redes de transportes, normas de competencia, política económica e monetaria, comercio interior, comercio internacional, pesca ou agricultura, a lexislación básica procede normalmente da UE, mais resulta frecuente que a aprobación pola Unión de medidas particularmente positivas non a receban os cidadáns mais que no momento en que é aplicada polos Estados. Resulta habitual que a orixe europea das medidas lexislativas se difunda cando estas posan ter un carácter problemático.

Noutro orde de cousas de menor relevancia e sen embargo de igual significación, a xente recebe ainda a noticia de que EEUU, China ou a Federación Rusa superan en número de medallas olímpicas a cada un dos Estados membros da Unión, considerandoos para o reconto de un en un, interpretado isto como un signo do declinio colectivo europeu, cando o conseguido nunha Olimpiada polo conxunto dos paises da Unión supera con muito ao daqueles Estados. Mesmo en canles que teñen a ver coa UE, como a de televisión Euronews, se ben a información sobre o que acontece en Europa está máis presente que nas estatais, a interpretación compararativa do que ocorre, e non só no deporte, ignórase a incorporacíon da Unión Europea como un todo. 

Ecoando diariamente informacións formuladas desde os intereses norteamericanos, encontran facilidades para seren valoradas positivamente noticias como a suposta hexemonía de Boeing frente á europea Airbus, identificando calquer tropezo desta compañía como proba da decadencia de Europa e do seu modelo económico e calando a respeito dos seus éxitos tecnolóxicos e comerciais cando se producen, como ocorreu nos pedidos recebidos en 2007, recuperando o primeiro lugar a compañía europea: no Salón Internacional Aeronáutico de Paris, a europea recebera 425 contratos en firme e 300 opcións, entanto que a norteamericana apenas 41. Xa non se diga das  dificuldades aparecidas para a posta en marcha baixo administración privada do programa de navegación por satelite Galileu como alternativa europea ao estadounidense GPS e ao ruso Glonass, que son calificadas como proba dun fracaso, sen por en primeiro plano que a administración será recuperada pola iniciativa pública, asegurando así a estruturación do programa.

O dominio da ideoloxía estatal tende a agochar mesmo formas de convivencia que teñen un carácter e unha dimensión europea. Constituen de facto unha excepción exposicións como a aparecida no xornal inglés The Independent, tanto máis meritorias canto que se producen alí, na que ainda a risco de “volver loucos aos euroescépticos” enumera as razóns polas que un británico debe amar a Unión Europea. Entre outras, cita o final da guerra entre os Estados da Unión; a democracia florescente en 27 Estados;  a criazón do maior mercado comercial do mundo; o feito de os británicos poderen comprar máis facilmente propriedades no continente; as catro semanas de vacacións para cada traballador; a proibición xeral da pena de morte; a reducida burocracia (en Bruxelas hai 24.000 empregados, menos que na BBC); a axuda gratuita sanitaria para os turistas; a viaxe de Londres a Paris en 2,35 horas no tren Euroestar; a non existencia de controis insuportábeis nas fronteiras, salvo no Reino Unido; as axudas para o desenvolvimento territorial que beneficiaron zonas deprimidas de Gran Bretaña; a lexislación de direitos humanos; o mercado único para os vós que abarataron as viaxes; a seguranza social como exemplo do que facer no Reino Unido; o multilinguísmo; o cosmopolitismo actual dos restaurantes británicos ou a revolución dos gustos británicos pola comida e a cociña.

Nese relato poderían ser incluidas outras razóns, algunhas tan serias como a homologación de titulos profisionais e universitarios, o programa Erasmus, no que a altura de 1007 xa participaran un millóns e meio de estudantes, o recoñecimento de iguais direitos laborais a todos os europeus con independencia do pais onde exerzan a profisión, o direito a votar e ser votado nas eleicións municipais ou o de formar parte das listas as eleicións europeas en calquer Estado da Unión.

As críticas euroescépticas non se limitan a accións referentes a competencias específicas da UE, senón que se estenden a cuestións que son de responsabilidade estatal: “Patética Europa”, títulaba o editorial dun xornal a propósito das dificuldades colocadas pola imigración, dirixindo un duro ataque non só contra a acción da UE senón contra a súa mesma existencia, malia a competencia nese campo pertencer aos Estados. 

Non é infrecuente, que a desinformación sobre a realidade da Unión alcance a cidadáns que demandan a presenza da UE nos problemas internacionais, mui especialmente cando se trata de traballar pola paz e en contra das actitudes militaristas de algunhas potencias, responsabilizando da ausencia á Unión sen consideraren que a omisión é debida á resistencia dos Governos e dos dirixentes estatais que non se resignan a actuar internacionalmente através das instituicións comúns. A contradición entre as ideas estabelecidas e a realidade da Unión toma a miudo outras formas, como a representada polos pacifistas que resignados ante o mantimento dos exércitos estatais reservan en cambio unha posición radicalmente antimilitarista contra a existencia dun exército europeu, mesmo se se constitui con obxectivos e defesa da paz e de axuda frente a grandes catástrofes, mui distantes da dominación ou da agresión unilateral.

En todo o caso, resulta máis que evidente que o debate intelectual europeu sobre os problemas mundiais, e dentro del sobre o papel da UE e de EEUU, está dominado -incluso máis para aceitalas que para combatelas-, polas ondas teóricas sucesivas que proceden de círculos universitarios que traballan en estreita relación coa Administración norteamericana, pretendendo inspirar ou xustificar a estratexia hexemónica dese Estado. Ocorreu isto coas teorías de Francis Fukuyama sobre o fin da historia, aparentemente confirmadas coa queda do Muro de Berlin e abandonadas desde o ataque ás Torres Xémeas de 2001; as de Samuel Huntington, sobre o choque de civizacións propugnando a alianza de protestantes e católicos frente ao Islam e excluindo mesmo de Ocidente a cristiáns ortodoxos europeus ou a hispanos dos EEUU e menosprezando a Europa, de non contar co apoio norteamericano, como “unha península pequena e sen transcendencia, situada no extremo da masa continental euroasiática”;  ou mesmo, no momento da preparación da terríbel traxedia inferida ao povo de de Iraque, as teorías de Robert Kagan sobre o poder do seu país e a debilidade de Europa, un autor a quen -antes de sofrer un absoluto  silencio mediático a consecuencia dos centenares de miles de mortos que provocaron George Bush e as teorías neoconservadoras da guerra unilateral preventiva- lle fora ofrecido na propria Europa un “estatuto de vixencia mundial tan difícil de obter para os ensaistas europeus”.

Entretanto, pensadores europeus como Gilles Kepel, coas súas certeiras análises sobre o mundo musulmán, Jürgen Habermas, Zygmunt Bauman, Tzvetan Todorov ou Josep Fontana, todos con ideas relevantes e duradeiras sobre a Unión e o mundo, son reducidos na propria Europa a un papel académico, sen sairen apenas do ámbito do seu proprio país e carentes de influencia política nos seus Estados e na Unión.

Na imprensa e en medios políticos, económicos e académicos da Unión Europea chegou a dárselle unha grande relevancia a conselleiros neoconservadores do Presidente estadounidense como Richard Perle, que defendía desvergoñadamente a necesidade dos ataques preventivos unilaterais, como o de Iraque, “actuando primeiro para protexer aos cidadáns” de EEUU, sen  contar con unha ONU considerada xa irrelevante, nen ter apoio de Franza e Alemaña e de outros, non fíabeis, “amigos europeus”. Era unha das persoas, que con igual atrevimento e desfazatez, defendían a existencia de armas de destrución masiva en territorio iraquiano: ”Nós temos probas esmagadoras de que Iraque posui armas de destrución masivas. Sen embargo, non as encontraremos até que os iraquianos nos digan onde están. Iraque é un Estado mui grande e non podemos comezar a cavar ao azar –só podemos cavar cando alguén nos diga onde facelo (…). Cremos que hai esas armas e as encontraremos”. Desde a perspectiva de 2007, catro anos despois de seren pronunciadas esas palabras e coñecendo os centos de miles de persoas mortas e asasinadas, os millóns de refuxiados iraquianos, a destrución material e o caos tráxico que sofre Iraque, pódense compreender os gravísimos erros derivados de certa complacencia europea sobre a política dos conservadores estadounidenses e da visión do mundo que os move.

Os comportamentos alienados de certas elites europeas nen siquer se corresponden co sentimento popular. Do 66% en Franza, 60% en Alemaña e o 60% do Estado español ao 42% do Reino Unido e o 31% de Italia, os cidadáns mostran sentimentos desfavorábeis a respeito dos EEUU. 

A ideoloxía dos conservadores estadounidenses e a desinformación sobre a Unión Europea están tamén mui presentes no Estado español, chegando a níveis  surpreendentes. Tomando a información do barómetro do Real Instituto Elcano dedicado á reflexión sobre a UE, Mercedes Odina descobre que a altura de 2003, cando se preparaba o alargamento ao Leste, o 80% dos cidadáns españois era incapaz de identificar a algún dos Estados que se convertirían en novos membros da Unión e o 90% non sabía para que se convocara a Convención, reducíndose ao 1% o número dos coñecedores de que o seu obxecto era elaborar unha Constituición. 

Odina relata tamén unha experiencia persoal de carácter intelectual, sobre a noción de Ocidente existente en medios oficiais españois, que retrata o alleamento e a subordinación de instituicións europeas submisas ao pensamento e a ideoloxía difundida sistematicamente desde instancias norteamericanas. Trátase, en concreto, da definición dese conceito no Dicionario da Real Academia Española. Antes de 1989, para os académicos Ocidente definía o “conxunto das nacións da parte ocidental de Europa e as que xunto cos EEUU apresentan unha agrupación frente a Rusia e os paises comunistas” e tamén o “conxunto de paises de varios continentes, cuxas línguas e culturas teñen a súa orixe en Europa”. Tres anos depois da queda do Muro de Berlin a primeira desas aceicións foi trocada pola de “conxunto de nacións da parte ocidental de Europa”. En 2001 os académicos reduciran todo a unha única acepción que facía desaparecer a Europa: “Ocidente é o conxunto formado por EEUU e diversos paises que comparten basicamente un mesmo sistema social, económico e cultural”. En resposta a unha pregunta de Odina sobre as razóns de tal decisión, a Real Academia contestou que as emendas eran realizadas polos académicos tendo en conta criterios de uso e de autoridade dos testemuños documentais.”

4.33/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións