Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

As primarias demócratas en EEUU

11:30 13/06/2008

Rematadas as primarias das eleicións presidenciais de EEUU pode considerarse cunha certa perspectiva a orientación que tomou desde o principio a campaña do Partido Demócrata, centrada no enfrentamento entre o carácter persoal dos seus principais candidatos, deixando basicamente de lado a dura descualificación que merecían George Bush e os neoconservadores.

Dispondo dun apoio mediático extraordinario, procedente en especial dos medios conservadores, a campaña de Barack Obama colocou desde o primeiro día dicotomías publicitarias que máis que destinadas a apresentar unha alternativa frente aos republicanos estaban fundamentalmente orientadas a inclinar a balanza demócrata en contra de Hillary Rodham Clinton, acurrándoa implicitamente no mesmo terreo que Bush, querendo pechala, situala como defensora dunha política de Washington caduca e a superar, erguéndose o senador por Illinois ou veteranos congresistas que o apoiaron, como Edward Kennedy ou John Kerry, co carácter privilexiado dos que quererían acabar co poder desa capital.

Lanzaron primeiro a disxuntiva entre o cambio e a experiencia, identificando o primeiro termo con Barack Obama e atribuíndolle o segundo a Hillary Rodham. Sendo a senadora allea á introdución deste dilema, apareceu logo a dicotomía entre a raza e o xénero. Máis tarde colocaron a contradición entre o pasado e o futuro. A campaña de Obama -ao tempo que procuraba o apoio de membros do Senado e da Cámara de Representantes, de Governadores ou de dirixentes do Partido Demócrata, que forman parte do establishment e do poder do Estado federal-, adornábase co designio de unir a “demócratas, independentes e republicanos; a ricos e pobres; a mozos e vellos; a brancos, negros, hispanos e nativos americanos”. Argumentaba que frente á decisión de apostar polo pasado ou de facelo polo futuro esas diferenzas non eran relevantes. Reducindo o debate a este xogo dual, tanto se favoreceu a campaña do senador como se obscureceron as cuestións políticas e económicas urxentes.

Afirmábase ao mesmo tempo que Obama, personalidade de méritos evidentes, era o que estaba máis lonxe do poder, cando contaba cos maiores apoios institucionais, mediáticos e partidarios, dispondo de axudas económicas especialmente cuantiosas, moi superiores ás conseguidas por Hillary Rodham, que por outra demonstrou, incluso nos debates públicos co senador de Ilinois, unhas vigorosas e non comúns cualidades persoais.

Ninguneouse o feito de a senadora ter gañado as primarias de Estados nos que, de repetirse o mesmo resultado frente ao candidato republicano, lle darían a Presidencia. Malia que certas capas de brancos votaron abrumadoramente por Barack, cualificouse de comportamento de orixe racista o feito de que certa maioría de brancos apoiasen a Hillary, sen xulgar con ese criterio a realidade de que os votantes negros se decantaron en máis do 90% polo candidato afroamericano, resultando determinantes. Os votos dos homes fóronlle especialmente esquivos á candidata, non faltando exabruptos dialécticos situábeis no territorio da misoxinia.

Intentos de descrédito
Se a isto se soman os inumerábeis e sistemáticos intentos de descrédito da senadora producidos durante toda a campaña, pódese afirmar que presión que sofreu non ten parangón, alcanzando insólitos graos de crueldade verbal. A violencia dialéctica chegou até o ponto de culpala de insinuar a posibilidade do asasinato de Barack Obama cando, defendéndose da sistemática exixencia de retirada, puxo como exemplos da extensión das primarias que o seu home e o mesmo Robert Kennedy -lembrando que este foi asasinado en Juño-, as mantivéran até ese mes. Nen siquer as disculpas pedidas posteriormente polos responsábeis da campaña do senador de Illinois pola interpretación feita inicialmente das declaracións da candidata impediron que ese inxusto e retorto argumento culpabilizador seguira circulando polos medios de comunicación.

Máis que o John McCain, e que os responsábeis da política dos EEUU nos últimos anos, para os formuladores da campaña do seu contrincante Hillary Rodham foi presentada como o inimigo a bater.

Así estabelecida, a campaña deixou de lado os desafíos aos que terá que responder o Goberno dos EEUU tras os desditados períodos da presidencia de George Bush. A política interna ocupou un lugar secundario. Sen que foran consideradas as causas políticas do declive económico relativo dos Estados Unidos, non se entrou como correspondía na necesidade de mellorar os servizos públicos de extensión universal como as pensións públicas, a educación e a sanidade, cuestións nas que o programa de Hillary era o máis progresista e acaido.

Non estiveron no centro do debate as alternativas á política de Bush sobre Iraq, Afganistan, Palestina ou Iran. Só apareceron ao final das primarias, e ainda así sen pasar claramente a primeiro plano. Ignoráronse por completo a marxinación da ONU polo Governo norteamericano, o papel mundial emerxente de China e a India e súa influencia na situación económica mundial, a insoportábel situación de abandono de África e mesmo ben pouco a relación con Latinoamérica, cuestións que non só afectan ás posicións internacionais senón tamén á vida interna dos EEUU. Para os europeos non euroescépticos resaltou ademais a cegueira sobre a relación coa UE, a principal potencia económica mundial e elemento necesario de equilibrio nun mundo inevitabelmente multipolar.
Malia todo, o triunfo de Barack Obama sobre Hillary Rodham Clinton estivo mui lonxe de ser esmagador, tendo mesmo un sentido equívoco. Obama non “arrasou nas primarias” como proclamaba paradigmaticamente unha corresponsal en Nova York no momento en que finalizaba o longo percorrido eleitoral. Ainda vencendo no número de delegados elexidos a realidade foi mui diferente. Basta para compreendelo con evidenciar que os resultados nos últimos quince Estados da campaña foran en nove deles (Texas, Ohio, Rhode Island, Pennsylvania, Indiana, Kentucky, Virxinia do Oeste, Porto Rico e xa no último día, inesperadamente, Dakota do Sur) favorábeis a Hillary Rodham, entanto que Barack Obama gañara en apenas seis: Vermont, Wyoming, Mississipi, Carolina do Norte, Oregon e Montana, Estados menos povoados e decisivos nunhas eleicións presidenciais.

Ciclón Obama?

A idea do triunfo abrumador, ou como se titulou noutros medios da vitoria do “ciclón Obama”, non ten unha base real. Acabada a carreira a diferenza entre os dous candidatos foi só de 125 delegados, o 3,7 % dun total de 3.405, cifra que ainda así se vería mui reducida de contárense na súa totalidade os resultados de Florida e Michigan, amplamente favorábeis a Hillary Rodham, resultados que foran primeiro anulados co argumento de as primarias correspondentes térense celebrado en data diferente da marcada polos dirixentes do Partido Demócrata, para a última hora, e desvirtuando o resultado final do conxunto das primarias, reducir á metade o seu direito ao voto.

Pensando na batalla cos republicanos, no xuizo sobre os resultados non se se pode pasar por alto o feito de que a senadora por Nova York, ainda que por escasa marxe venceu no voto popular, acadando 18 millóns de votos, a cifra máis alta entre as habidas nunhas primarias presidenciais nos EEUU.

Resultou ademais determinante que a vantaxe de Barack Obama se producira en trece dos catorce Estados nos que en lugar de se votar en primarias con urnas abertas todo o día, se celebran os que denominan caucuses, isto é, reunións nos que a final da tarde discuten e votan unha mínima parte dos cidadáns inscritos, normalmente activistas. Preparando especialmente estes caucuses, a campaña de Obama triunfou así en Iowa, Nevada, Alaska, Colorado, Kansas, Minnesota, Dakota do Norte, Nebraska, Washington, Maine, Idaho, Hawai e Wyoming, en tanto que Hillary só o fixo en Novo México. Neles o senador de Illinois conseguiu unha vantaxe en número de Estados que supera a lograda no conxunto dos EEUU e unha diferenza de 139 delegados, maior tamén que a de 125 delegados que permitiu o seu triunfo final. Non pode ser desconsiderada a realidade de que no conxunto dos Estados onde se celebraron auténticas primarias, participando nelas a imensa maioría dos millóns de votantes, foi Hillary Rodham a que se situou en primeiro lugar.

A distorsión producida polo sistema de caucases revelouse en Texas, un Estado onde se utilizan os dous sistemas de votación, pudendo os electores duplicar a seu voto. Hillary Rodham gañou con clareza no voto popular, mais acabou perdendo en delegados a causa dos caucuses celebrados pola tarde, para o que se reservaban un número considerábel dos delegados estatais. En contra da vontade popular expresada nas primarias, foi unha minoría de votantes, en conxunto favorábeis a Obama, a que acabou decidindo o resultado final e o gañador en delegados nun Estado de tanta importancia.

Debe salientarse, asimesmo, que a senadora venceu nas primarias de Estados como Nova York, California, Texas, Ohio, Pennsylvania, Florida ou Masachusetts, situados entre os máis populosos e determinantes nas eleicións presidenciais.

"Hillary can be stopped"
Malia todo isto, o retornelo de que Hillary Rodham debía retirarse para asegurar a unidade do Partido Demócrata perseguiuna durante toda a campaña. Foi expresado antes mesmo de Iowa, onde en forma de caucuses se ía celebrar a primeira votación. Hillary pode ser parada en Iowa (“Hillary can be stopped”) reclamábase de forma significativa nun medio de grande difusión. Despois da votación nese Estado, onde só se xogaron 57 delegados e no que perdeu, e esperando a súa derrota nas primarias seguintes en New Hampshire, que gañou, foi interpelada sobre o o resultado mínimo a obter neste tamén pequeno Estado para evitar unha retirada definitiva. Marcando o terreno de xogo que lle interesaba, John McCain dicía xa nese mesmo momento que el era o máis capaz para derrotar a Barack Obama.

As exixencias de retirada da senadora de Nova York ou as profecías finalmente fallidas sobre a derrota que sofrería en Estados tan importantes como Texas ou California devirían en letanías recorrentes, exacerbándose ao final xustamente cando Hillary se recuperaba vencendo na maioría dos Estados que faltaban, nalgúns deles con maiorías abrumadoras.

Non parecía que ese comportamento respondese ao afán de unir canto antes ao Partido Demócrata en torno dun candidato para non perxudicar as posibilidades deste partido, como se afirmou teimudamente desde a campaña de Obama e tamén nos medios hostís a unha vitora demócrata. Máis ben, coa segura eleición de McCain como candidato dos republicanos, foron estes os que foron colocados nun segundo plano, tendo a permanencia do debate demócrata a virtude de monopolizar a atención da sociedade.

Salientou, por fin, o diferente tratamento dado ao voto dos superdelegados, case 800 membros do Partido Demócrata, que xunto cos delegados elexidos participarán na Convención de agosto en Denver. Cando unha maioría relativa se inclinaba pola senadora, descualificábase toda posibilidade de que pudesen influir no resultado final, marándoos coa pauliña de seren vitalicios e a súa participación de antidemocrática, desconsiderando que na súa maioría son eleitos para as diferentes institucións estatais ou dirixentes do partido. Non obstante, no momento en que unha maioría parcial se foi decantando polo senador de Illinois, o apoio dos superdelegados foi utilizado como argumento decisivo e determinante para proclamar a vitoria: nen Obama, nen Rodham conseguiran directamente o número de delegados necesarios para a alcanzar a maioría.

Por fin. Apesar de ser certo que a condición dos candidatos engadía á campaña un elemento singular e positivo, sendo relevante o carácter afroamericano de Barack, e tamén, e non menos saliente, o de Hillary como muller, antes do comezo das primarias non parecía que a eleición entre a raza e o xénero fose a constituírse como o dilema básico a resolver e menos ainda que isto tendese a esvair a esperanza da derrota da política militarista e ultraliberal de Bush. Despois de todo, se Barack Obama pode ser o primeiro Presidente afroamericano, cousa que en sí mesma sería de aplaudir, ela convertiríase na primeira muller en asumir a Presidencia dos EEUU, un resultado igualmente relevante.

Chegado este momento, pode resultar ilustrativo que mesmo os que apoiaron a Barack Obama tomando a Hillary Rodham como o contrincante principal manifesten que sen o seu concurso a vitoria demócrata -que antes de Iowa se anunciaba a como case segura- corre un grave perigo. Téndose menosprezado os problemas reais en xogo, constituiría un grande fracaso que en lugar de motivar a vitoria de candidatos de cualidades humanas tan singulares como Barack Obama e Hillary Rodham, a campaña desembocase máis unha vez nunha triste e negativa vitoria republicana.

4.32/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións