Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Brasil e nós

14:28 18/12/2009

O Brasil presidido por Luiz Inácio Lula da Silva, e governado por unha coalición dirixida polo Partido dos Traballhadores, atrai a atención de todos. Tanto pola sua politica interna, combinando a seriedade e intelixencia na administración do Estado, o impulso ao desenvolvimento económico, a proteción da sua natureza extraordinaria e os programas de inclusión e proteción social e contra a marxinación, como pola sua surpreendente presenza exterior, tanto en Latinoamérica como nos demais continentes. Brasil é considerado como un dos componentes privilexiados dun mundo que for alleo ao hexemonismo político e económico, sendo o seu Presidente a voz máis saliente entre governantes que loitan contra a pobreza. Contando con instituicións inequívocamente democráticas -malia a sua dimensión xeográfica e a complexidade da sua estrutura federal- pratica unha política internacional singularmente independente. Mantén unha relación excelente coa Unión Europea, ten un bó entendimento cos EEUU, facéndose respeitar na relación privilexiada cos Estados de Latinoamérica, incluida Cuba e desde logo Venezuela, e cos paises africanos, conservando toda a sua liberdade para tratar con paises como Iran ou para compor con China, a Federación Rusa e a India o rostro das potencias emerxentes.

Criticado e visto con desconfianza ao principio do primeiro mandato presidencial de Lula, Brasil recebe neste momento unha atención especial e positiva de medios de comunicación -de Le Monde a The Economist e de The New York Times a El País-, que se definen por liñas editoriais non concordantes co pensamento político do antigo operario e sindicalista de São Paulo. Relatando o seu despegue político e económico, distíngueno de potencias consolidadas como China, India ou Rusia, quer polo carácter do seu sistema democrático, quer pola carencia de problemas nacionais internos ou pola diversidade da súa estrutura económica, facendo fincapé neste caso na política social e ambiental prevista a propósito da imensa riqueza petrolífera encontrada frente ás súas costas. Atribuíronlle un papel central na resolución na cimeira de Copenhaguen sobre o cambio climático, considerando que ía cumprir unha función de ponte entre os Estados industrializados e os paises en desenvolvimento, intervindo decisivamente en problemas centrais como a redución da emisão de gases de efeito invernadeiro, a axuda financiera aos paises menos desenvolvidos ou pobres, a extensión do protocolo de Kioto a novos paises ou a conservación das florestas tropicais, cooperando coas posicións da Unión Europea e dos paises menos desenvolvimos e superando as dificuldades colocadas por EEUU e China.

Sen prexuizo da importancia política, social e cultural de todos os demais Estados do subcontinente, Brasil supón entre eles a referencia máis destacada, defendendo a unidade e a independencia de todos. Con perto de 200 millóns de habitantes, converte ao portugués na lingua máis falada en América do Sur, negando a identificación exclusivista e interesada do subcontinente co castelám e o hispanismo.

Os brasileiros teñen á lingua chegada de Portugal como o fundamento central do seu carácter nacional. Nós podemos afirmar que a lingua que falan é a mesma que a galega. Malia as diferenzas e os matices, tan galego é o portugués do Brasil como castelán o español de México. Para o comprobalo non hai máis que estar en Río ou en Recife e conversar coa xente ou ouvir estes días algún discurso de Lula en Copenhaguen.

Cada vez son máis fortes as voces que en Galiza recoñecen esta realidade afortunada. Non só entre que partillan a idea da converxencia das normas ortográficas oficiais do galego e as do portugués, senón tamén entre os que praticando a norma oficial en Galiza e facendo fincapé nas diferenzas, xa non defenden un propósito diverxente senón o entendimento cos que a través do portugués teñen por sua, alén do Miño e do mar, unha lingua nacida en Galiza.

Non existe nengunha outra nación sen Estado no mundo que depois de ver negada a súa lingua durante séculos a conserve tan viva internamente e a enxergue tan estendida e arrequecida en todos os continentes.

4.26/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións