Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

O acordo necesario

10:00 10/03/2009

Na reflexión a realizar depois dos resultados das eleicións do 1 de marzo, o nacionalismo galego non debería limitarse a remexer nas circunstancias imediatas que conduciron ao fracaso.

É verdade que a crise económica pudo perxudicar ás forzas governantes e que a campaña negativa de determinados medios de comunicación, cada vez máis incompatíbeis co idea de Galiza como nación, deulle azos ao voto conservador e deixou na casa parte do voto nacionalista e da esquerda. Tamén e certo que membros mui salientes do PSOE fixeron causa contra o BNG, sumándose á campaña conservadora e mediática destrutiva en cuestións tan sinaladas como o plano da enerxía eólica ou a normalización do uso a lingua nacional, entanto que o BNG se limitaba a calar en asuntos xestionados polo PSOE que, como a educación, a sanidade, a estruturación do territorio ou o medio ambiente, supuñan a parte do león do orzamento autonómico. Todo iso pudo levar a que o PP recuperase o escano que precisaba para contar con maioría absoluta, mais non dá razón da incapacidade mostrada polas organizacións da esquerda para incrementar a escasa marxe da vitoria de 2005, tanto máis se enfrente tiñan unha mui feble oposición e os cativos argumentos dos conservadores.

En realidade, a razón última da derrota estivo na carencia dun proxecto común. Un problema de solución nada fácil, pois o PSOE non aceitará a formulación dun proxecto nacional entanto que o BNG non recuperar a posición que conquistou nas eleicións de 1997 e 2001, constituíndose así de novo como o principal partido da oposición ou equilibrando a forza relativa entre os votantes da esquerda.

Neste camiño, o Bloque ten que reflexionar sobre as causas do declive desta década, cando a sociedade galega deviña basicamente en urbana e industrial e no momento en que, malia a presión administrativa, ideolóxica e mediática do Estado, se incrementou a consciencia nacional, emerxendo actividades culturais, sociais, medioambientais, civís,…que teñen a Galiza como norte, indo todo de par dun desenvolvimento empresarial e profisional autóctono que pouco ou nada debe á acción directa do governo autónomo, nen ao de Madrid. Ten que interrogarse sobre as razóns que o levaron a mermar cando hai máis nacionalistas galegos que nunca.

É normal que tome sobre si a experiencia da formulación conflitiva dun frente nacional popular frente a outras conceicións, hoxe integradas no Bloque, fundamentadas na necesidade dunha organización unitaria e plural. Mais non pode manter o rumo dos últimos anos, nos que praticou un galeguismo insubstancial e acomodaticio -respondendo as veces a voces que propuñan a conversión do Bloque nun partido centrista- e asumíu como tarefa principal a de ter peso en Madrid, virándolle as costas á dimensión nacional, europea e global da batalla democrática que lle corresponde, tanto no campo político, como no socio-económico e no lingüístico. Debe, en todo o caso, facer o que non realizou depois de 2001, cando era necesario pararse a matinar sobre o camiño andado e sobre realidades da sociedade galega que posibilitaban a formulación de propostas non menos senón máis ambiciosas.

Para o BNG ser compreendido pola sociedade necesita aceitar que o proceso de autodeterminación de Galiza non pasa neste momento pola existencia problemática dun frente interclasista, senón pola hexemonía de forzas democraticas nacionais, correspondéndolle a posición expresa dun nacionalismo democrático de esquerdas, que responda aos valores e intereses das clases populares e presente un programa para toda a sociedade. Manténdose, así e todo, como unha organización plural, de maneira que as posicións internas se manifesten mediante programas alternativos e criando as condicións para a entrada de novos afiliados, tan precisos.

Sei que a mudanza necesaria non pode levarse a cabo máis que através do consenso. Mais creo que se se logra un acordo colectivo, sen exclusións, todo será máis doado do que se posa pensar. Se, pola contra, o Bloque se limitar a unha reflexión que fique na tona das cousas, pretendendo resolver todo como nos anos pasados mediante un voto mecánico e ignorando o que de nós se demanda, corremos o risco de que se avive o proceso de empequenecimento que padecemos. Non se trata apenas das posicións do nacionalismo integrado no BNG, senón da continuidade da batalla histórica pola liberdade e o autogoverno nacional da que formamos parte.

4.31/5 (62 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións