Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Como Lincoln e Mandela

09:00 27/01/2009

O discurso de Barack Obama na inauguración do seu mandato presidencial non foi, nen nesa ocasión podía ser, propriamente programático. Estivo adicando a louvar o carácter do seu povo, apelando á súa hospitalidade,  xenerosidade, valor, fé e determinación, cantando o camiño de prosperidade e liberdade percorrido depois de chegar a aquela a terra cruzando océanos, traballando en condicións de explotación, sofrendo o látigo, superando a guerra civil e a segregación racial, colonizando o Oeste e desembarcando en Normandía, para emerxer máis forte e unido.

Foi un discurso marcado polas visións peculiares do nacionalismo estadounidense, convocando ao espirito de resistencia dun povo guiado pola “promesa de Deus, transmitida de xeración en xeración, de todos sermos iguais, todos sermos libres”, afirmando a grandeza do seu país e situando aos  EEUU como “a máis poderosa nación da Terra”, á que lle correspondería o papel de marcar o camiño nunha “nova era de paz”, na seguranza de que “Deus a chamou para darlle forma a un destino incerto”. Como é habitual nos EEUU, apañou para o seu país o nome do continente que de Alaska á Patagonia pertence a todos os americanos, anunciando o seu propósito de empreender de imediato o traballo para refacer América, palabra esta coa que fecharía a súa oración. 

Non descualificou expresamente o dogmatismo, a arrogancia e a rapina do sistema neoliberal, atribuindo o que chamou a debilidade da economía dos EEUU “á codicia e a irresponsabilidade de algúns”. Considerou que o problema da intervención pública na economía non se centraba en saber se o governo debía ser demasiado grande ou demasiado pequeno (“too big or too small”), senón en comprobar se traballa e axuda ás familias, cria emprego ou favorece salarios decentes, sen anunciar ao mesmo tempo sistemas públicos universais para a sanidade, a educación ou as pensións de xubilación, cuxa carencia angustia a maioría da xente.

Lonxe da louca insolencia ultraliberal e militarista do anterior Presidente e dos neoconservadores, mostróuse pouco explícito sobre a resolución dos problemas criados ou agravados polo Governo de Georges Bush. Confirmou a intención de abandonar a ocupación de Iraque, deixando a responsabilidade nas mans do povo iraquiano, e insistíu na necesidade forxar unha paz “que costará gañar” en Afganistán, ignorando á Palestina ocupada cando a Gaza choida e indefensa acababa de ser bombardeada.

O novo Presidente estadounidense ten a responsabilidade de arranxar os estragos causados polo anterior Presidente, mais non poderá axir desde a pretensión de o seu povo ser o elexido desde o alto para dirixir o mundo. O traballo de “refacer América” que anunciou non pasa pola hexemonía, senón que necesita ineludibelmente da cooperación. Non chega coa necesidade de falar con amigos e inimigos como manifestou.  Tampouco constitue un bó presaxio que no discurso de inauguración, como  na  campaña eleitoral, esquecera a China e India, integradas crecentemente na economía mundial e contando entre os dous Estados con perto da metade da povoación mundial, ao Brasil multiracial, o Estado clave na América do Sur, á Federación Rusa, que se estende por grande parte da Terra e governa recursos naturais extraordinarios, a África, o continente que espera outro futuro superando a pobreza e as consecuencias da colonización e do desgoverno ou ao complexo mundo musulmán desde Indonesia a Marrocos e Nixeria.

Non mencionou á Unión Europea, a primeira potencia económica mundial, posuidora dunha imensa capacidade cultural e, malia todas as merecidas críticas, modelo de convivencia política e social e actor necesario para calquer propósito de avanzar cara un mundo solidario e en paz. Sen a UE, con todas a súa experiencia histórica, os EEUU ficarían desamparados. 

Entretanto, feita a transición e recoñecendo a enorme importancia de un afroamericano ser elexido Presidente dos Estados Unidos, comeza a prática política. Se nese país hai voces informadas que, tendoo apoiado, se perguntan se rematou a lúa de mel de Obama e se interrogan sobre os problemas a enfrentar, nos paises da Unión Europea, e particularmente no Estado español, permanece o esmilagramento, na espera do salvador. Dise que con el comeza o século XXI, que nace unha nova Era. Recolléuse mesmo acriticamente a identificación dun Barack Obama que acaba de nacer á vida política co que foron Abraham Lincoln e Nelson Mandela logo dunha longa experiencia vital recoñecida por veredicto da historia.

Semellan excepcionais as sensatas palabras da chanceler Angela Merkel lembrando que “ningún país en solitario pode resolver os problemas do mundo”.

3.36/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións