Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

A reforma do Estatuto

10:42 25/04/2010

Presentando un recurso de inconstitucionalidade contra elementos básicos do Estatuto de Autonomía de Cataluña e obstaculizando a renovación do inefábel e escandaloso Tribunal Constitucional, os contrarios á diversidade nacional e cultural perseguen a imposición da idea de España como nación única, atrancándonos no armario sombrío da “indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois”. Os que así pensan non quedan demasiado lonxe de quen no século XIX manifestaba que, de el depender, quitaría os nomes e as demarcacións históricas, “orixe de disputas crueis, puerís e funestas, pois os españois deben ser todos uns”, substituíndoas por “seccións cuadradas e numeradas do territorio”. Nese hermo, só o recoñecimento da existencia de “nacionalidades” introducíu algo de luz en normas que naceron arcaicas e resesas.

Os que negan a diversidade nacional e cultural saben que a interpretación españolista da Constituición non é inevitábel. De facto, no proceso de integración na UE que motivou a transferencia de competencias constitutivas da soberanía absoluta tradicional xa se fixo unha lectura mui distinta. En materias como o control das fronteiras, o espazo económico e a  moeda, o comercio internacional, a xustiza coa presenza do Tribunal de Xustiza da UE, as políticas agraria, pesqueira e medio-ambiental, o recoñecimento de títulos profisionais e universitarios ou elementos da política militar a soberanía absoluta tradicional tornou en soberanía compartillada, situándose nesa perspectiva a fiscalidade e a representación internacional. Non se pode esquecer que nese e noutros asuntos, a lexislación estabelecida polo Parlamento Europeu e o Consello de Ministros da UE está por riba das leis aprobadas nos Estados membros. A respeito da Unión Europea, mesmo cando se trata de cuestións que forman parte do entendimento tradicional da soberanía e da independencia, as instituicións do Estado español interpretaron a  Constituición de forma aberta, sen modificar nen unha coma dos problemáticos artigos que a encabezan.

Porén, frente a Galiza, Euskadi e Cataluña a norma vólvese ríxida, a xeito de muro infranqueábel e arma disuasoria. Tocante ao Estatuto de Cataluña, pode suceder que o Tribunal Constitucional tome a insólita decisión de pór en causa o proceso democrático que, participando todas as instituicións catalás e estatais, culminou nun referendo aprobatorio. O vasco foi rexeitado na porta do Congreso. O novo Estatuto galego nen siquer foi redactado. Os que hoxe governan en Galiza rexeitan a definición como nación e a  independencia no tratamento da língua propria e impeden unha nova consideracion de materias fundamentais, entre elas a presenza na UE e nas relacións internacionais, a ampliación das competencias económicas, financeiras, fiscais ou xudiciais, o governo do espazo marítimo, a estruturación do territorio,  a Administración Local ou a formulación estatutaria de direitos sociais e humanos.

Depois de séculos de negación, a inequívoca tradición institucional e cultural e a defensa dos intereses de Galiza frente á marxinación despertaron no século XIX un movimento nacional galego que, unido aos demócratas republicanos e da esquerda, contribuíu decisivamente a conquistar o Estatuto de Autonomía de 1936, padecendo xuntos e organizándose de novo frente á Ditadura. O Estatuto de 1980 e o recoñecimento constitucional como nacionalidade debense a experiencia histórica e ás mobilizacións de 1977 e 1979. Os compromisos da Transición permitiron o estabelecimento dun certo autogoverno e a criazón dun espazo nacional galego. Logo, a existencia das instituicións autonómicas e o esforzo da sociedade explican os resultados habidos, sen dúbida positivos malia que na maior parte dos trinta anos transcorridos hoube governantes que malgastaron os valiosos instrumentos que a sociedade puxo nas súas mans e ignoraron a definición estatutaria de Galiza como nacionalidade. 

Agora vívese unha situación contraditoria. Se na sociedade galega existe unha maior consciencia de nación e da capacidade económica, social e cultural de que se dispón, governando a esquerda estatal e a nacionalista galega a prática totalidade das cidades, o Governo autonómico interpretase como a barreira defensiva do españolismo. 

A reforma do Estatuto, reforzando as instituicións e as competencias, debe constituirse no obxectivo, quer de todos, quer da alternativa de Governo pendente de formular. A respeito da necesaria definición estatutaria de Galiza como nación, non se pode ignorar na primeira lexislatura o Parlamento aprobou por unanimidade unha Lei de Símbolos que xa o fai. A Lei integrou na nova legalidade un hino que pertencía á tradición democrática do movimento nacional galego. Con el a nación galega é cantada en paz, por todos e sen distinción.

Sabendo que cos bimbios actuais resulta imposíbel conseguir unha reforma do texto constitucional que recolla o carácter plurinacional do Estado, os Estatutos de nación non poden esperar. A cuestión da Constituición resolverase cando os autogovernos nacionais de Galiza, Euskadi e Cataluña foren unha realidade política e material democraticamente imbatíbel. 

4.79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións