Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Camilo Nogueira

A propósito de Ence e Pescanova (e da agresión madrileña a Caixa Galicia)

12:25 03/08/2009

O director da fábrica de Ence en Pontevedra considerou recentemente que non había ningunha razón “técnica nen ambiental” que poder xustificar o traslado do complexo de produción de pasta de papel que ocupa ao longo da Ría o amplo territorio que une a cidade con Marín. Nega con iso evidencias tocantes aos graves problemas no medio ambiente, que afectan á povoación, ás aguas e aos recursos piscícolas da ría, como argumentou sempre a Asociación pola Defensa da Ría e recordou agora o seu voceiro Antón Masa. Os donos da compañía pretenden ignorar a outra razón, decisiva neste momento, que xustifica o traslado: no ano 2018, remata a concesión administrativa do terreo público no que se asenta a factoría.

Enclavada nun espazo marítimo-terrestre privilexiado a poucas centenas de metros do centro de Pontevedra, a factoría tolle drasticamente a natural caida no areal e no mar do impresionante Parque de Lourizán e impede a unión das dúas cidades através dun espazo sen igual. Os proprietarios de Ence, primeiro o Estado e depois accionistas privados, demonizaron sistematicamente as posicións que defendían tanto o desenvolvimento do ciclo produtivo do papel noutro sitio, como o respeito da natureza e un mellor ordenamento urbano nas dúas cidades afectadas.

É hora de que o Governo galego e o Governo estatal anuncien o fin da concesión, apoiando a instalación noutro sitio de Galiza, cumprindo todas as exixencias socio-económicas e ambientais que foren precisas.

O comportamento de Ence vai na onda do praticado por outras empresas públicas instaladas en Galiza como Petroliber (Repsol), Endesa ou Inespal (Alcoa), e por empresas privadas como Fenosa (primeiro galega, logo madrileña e finalmente catalá) ou Iberdrola, que  aproveitándose das vantaxes xeográficas ou de recursos do noso país, tiveron e teñen un comportamento de industrias de enclave sen asumiren ningunha obriga sobre o desenvolvimento en Galiza dos seus ciclos produtivos ou sobre o reinvestimento dos beneficios conseguidos, utilizados en cambio para súa expansión internacional, nun hábito perverso que manteñen.

Frente a esta realidade, tiveron que ser os grupos empresariais autóctonos e algunha relevante empresa multinacional, con cativos apoios das administracións estatal e autonómica, os que levantasen a actual estrutura industrial de Galiza, que pode constituir un fundamento crucial para o desenvovolvimento da economía e da sociedade do país.

Entre eses grupos estivo Pescanova, coa clarividencia fundacional de Xosé Fernández López e Valentín Paz Andrade e a xestión dos seus descendentes. Para xustificar a instalación en Portugal dunha piscifactoria (onde por outra parte xa estaba sendo tratada como unha empresa do país, en parte a causa do se nome galego-portugués) sería bó para todos que agora non insistise en comportarse como aqueloutras compañías e esquecese o despropósito de instalar a próxima no istmo do Cabo de Touriñán, o irmán xémeo do Cabo de Fisterra, un sitio que mais aló da súa xusta integración na Rede Natura, constitui en sí mesmo un territorio de valor inapreciábel para a Costa da Morte e para toda Galiza. Só quen descoñecer aquel sitio ou se cegar por razóns secundarias pode negarse a procurar outro emprazamento para uma nova piscifactoria, posibelmente a poucos quilómetros de distancia.

Coda. Señora Conselleira do Mar: Non negue que contaminan as piscifactorias, como contaminan muitas actividades e suxeitos, entre eles as granxas leiteiras ou nós mesmos. O problema non se resolve con negalo, senón procurando que ocorra o menos posíbel. Non se renda antes de comezar e contribua a procurar outro espazo da mesma costa, afirmando antes que no istmo do Cabo de Touriñan non pode ser. Admitiría unha piscifactoria nas Illas Cíes, en Punta Herminia ou no Cabo de Ortegal?. Lembra os desastres da Lagoa de Antela e a Fervenza do Xallas?. Sabe do regalo para Galiza que supuxo a compra do Invernadeiro?


Engádega deste martes 4 de agosto:

Agresión madrileña a Caixa Galicia
Moi lonxe de Galiza souben do avance da operación contra os intereses galegos perseguida polo Banco de España e Caja Madrid, cos cartos de todos nós, que abocaría á desaparición de Caixa Galicia. Denunciada hai unhas semanas nesta columna cando a operación fora proposta polo responsábel económico do PP estatal e ante o silencio do Goberno, a caixa galega sería utilizada como un instrumento para pór a Caja Madrid riba de La Caixa catalá e a Madrid cima de Cataluña.

De ser levada a cabo, a sociedade galega veríase envolta na vella disputa, tan estranxeira, polo control da caixa madrileña, entre as faccións do PP encabezadas por Aguirre e Gallardón.

Cando a responsabilidade última desta decisión está nas mans de catro galegos: o presidente da Xunta, a vicepresidenta segunda do goberno estatal, o presidente da Confederación Española de Caixas de Aforros e o presidente do Partido Popular español, a anulación de Caixa Galicia constituiría unha agresión institucional e empresarial de consecuencias gravísimas.

Non pode ser posíbel tal ignominia.

4,54/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004. »



Anteriores...