Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Bombardear un campo de concentración

11:30 30/12/2008

“Onde está Abel, teu irmán”

Israel, un Estado economicamente desenvolvido con apoios e influencia directa en países poderosos, moi especialmente nos EEUU. Que se di europeu, participa como tal nos torneos deportivos de Europa e recebe da UE un trato comercial privilexiado. Un Estado constitucionalmente xudeu, argallado riba dun territorio que foi maioritariamente árabe e no que habitan ainda millón e meio de musulmáns. Nese Estado a povoación ignora ou despreza como vive a xente en Palestina, encerrada nun campo de concentración, a un nada de quilómetros de distancia, alén de fronteiras que non deberon existir. Son millóns as persoas que en Cisxordania e Gaza padecen unha situación de apartheid.

Encerrados en Cisxordania por un muro de oito metros de altura, sen teren liberdade para circular pola terra que lles resta; isolados nas cidades e vilas, de Ienin e Qalquilia a Hebrón e Belén, apertados entre a fronteira con Israel e o rio Xordán, para iren a outro lugar a traballar, cultivar os seus campos, asistir a escola ou para visitaren ás familias noutras vilas, os palestinos son humillados en centos de postos de control israelís. Salvo as cidades e as vilas, a terra de Cisxordania está ocupada polo Estado de Israel, e dentro dela vense no alto os asentamentos de xudeus que viven en urbanizacións farturentas pagadas por xente de continentes afastados, chantadas na proximidade de aldeas ou vilas palestinas empobrecidas. En Hebrón, uns centos de xudeus, asentáronse escoltados por 2.000 soldados de Israel, no meio dunha cidade de máis de 150.000 habitantes palestinos que son obxecto de continuas agresións. Os asentamentos xudeus en Cisxordania están unidos por autoestradas, entando que os palestinos teñen que circular por estradas secundarias inzadas de controis armados do exército israelí.

En Gaza a mesma sobrevivencia é un milagre. Millón e meio de persoas malviven con un esforzo atroz, nunha cativa faixa de terra, entre Israel e o mar, lindando abaixo con Exipto. Non son súas nen siquer as ondas que chegan desde o Mediterráneo. Os palestinos por non ter non teñen o direito a sairen de Cisxordania e Gaza. Nos territorios onde moran resulta praticamente imposíbel praticar algunha actividade produtiva relacionada co mundo exterior.

Bombardeando Gaza, o exército de Israel bombardea un campo de concentración. Atacan a xente indefensa que nen siquer ten a posibilidade de fuxir da morte. Estes días mataron a centos de persoas e feriron a muitas máis. Alcanzáronas no meio das nosas festas.

Frente a esta realidade pouco valen outro tipo de argumentos. Sendo certo que de cando en cando se lanzan rockets desde Gaza contra localidades israelís próximas como Sderot, producindo algunha vítima, iso non pode xustificar o bombardeo masivo contra os habitantes dun cárcere colectivo. Estiven non hai muitos meses en Sderot acompañando a unha misión do Parlamento Europeu. Acababa de cair un deses proxectís, por fortuna sen consecuencias persoais. Na mañá do mesmo día, estando a misión en Gaza o exército israeli matara a sete persoas. Nese momento comprobábamos o lamentábel estado dos hospitais do territorio, onde nenos doentes chegaban a morrer por falta de medicinas ou por cortes de electricidade.

En Gaza domina unha organización como Hamás, que non aceita a existencia do Estado de Israel. Non é alleo a esta posición o feito de o Estado de Israel manter unha opresión colonial sobre millóns de palestinos, movido ainda pola idea do Gran Israel, en Xudea, Galilea e Samaria. Israel non aceita nen siquer unha Palestina plenamente independente nos limitados territorios resultantes da guerra de 1967, tal como foi aprobado pola ONU.

Se a división dos palestinos dificulta a procura dunha solución, non se pode esquecer que Israel non aceitou a vitoria parlamentaria de Hamás, un grupo que antes impulsara contra o Al Fatat de Iassir Arafat, nen ocultar que este faleceu depois de vivir encarcerado en condicións inhumanas no pazo presidencial de Ramallah. O proprio descrédito da Al Fatat do Presidente Mahmud Abbas é consecuencia da acción agresiva de Israel e dos EEUU. Os norteamericanos sustentan de facto a ocupación dos territorios palestinos e non axen inequivocamente a favor dun Estado para ese povo, contribuindo así a envenenar o mundo e propiciando a violencia islamista que din combater. A humillación que padecen os palestinos explica mesmo que unha sociedade tan laicizada como a que forman sexa invadida progresivamente por ideas e comportamentos fundamentalistas e por comportamentos contrarios a igualdade de direitos das mulleres.

A responsabilidade do que ocorre en Palestina é en última instancia do Estado de Israel e dos paises que sustentan a súa acción, como os EEUU. Mais tamén o é en grande medida dos Estados da Unión Europea, a Federación Rusa ou os Estados árabes da zona, que non impoñen unha solución xusta a un conflito inficionado.

Ainda que a solución dunha Estado palestino é necesaria e resultará inevitábel, hoxe non existen motivos para a esperanza. A ofensiva do exercito israelí prodúcese no momento das eleicións internas nas que os partidos xogan como sempre a ver quen saca máis peito, quen é máis home, frente aos palestinos e quen conta co apoio dos ultraortodoxos e dos militares. Nos EEUU, que alimentan militar, tecnolóxica e economicamente a Israel, vai asumir a responsabilidade presidencial alguén que xa anunciou que Xerusalém sería a capital dese Estado, sen dar sinais de independizarse do lobby xudeu. A Unión Europea, que fai chegar aos palestinos a principal axuda financeira, especialmente vital en Gaza, podería ter a clave da solución de se atrever a utilizar todo o seu poder político e económico, sen estar submetida aos intereses estratéxicos dos EEUU. En todo o caso, a consciencia dun pasado de crueldade cos xudeus non debería servir nunca máis para xustificar as atrocidades do presente cometidas por Israel contra o povo palestino.

4.85/5 (60 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións