Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Segregando

09:55 29/05/2009

Ás veces leo cousas escritas en Galiza que me fan pensar que en realidade eu non nacín en Galiza senón que nacín na Galicia de Ucraína. E que As Pontes non está na Coruña senón que está noutro lugar do globo ou nun universo paralelo, e que hai outra vila que se chama As Pontes por aí adiante onde o conflito lingüístico existe. Porque doutra maneira non hai quen me explique como se poden dicir as cousas que eu leo este días e, o peor de todo, que ninguén diga nada.

Resulta que hai quen cre que temos un problema entre dous idiomas que consiste fundamentalmente en que o galego está sobredimensionado no ensino e na administración. Tamén se afirma que a esixencia da lingua galega corta a posibilidade de obter traballo a moitas persoas que por iso deben marchar a outras comunidades autónomas monolingües. Vou dixerindo a poucos que isto non só o pensa Galicia Bilingüe senón que hai outros sectores que o cren.

Suponse que agora ese conflito vai ser resolto polo noso Presidente Núñez Feijoo. Así e todo, temos algún paradoxo, como por exemplo que catro conselleiros do Goberno da Xunta non falen galego. Cando nos atopamos ante situacións deste tipo ninguén ve o conflito lingüístico por ningures: non hai artigos en La Voz de Galicia, Gloria segue estando na ídem e Feijoo non ameaza con ningún decreto. Hai sectores con patente de corso. Débeche de ser cousa da liberdade de eleccións lingüística. Hai catro máximos representantes do País que descoñecen a lingua propia de Galiza. Heino dicir eu xa que ninguén o quere dicir: hai catro conselleiros que incumpren o Estatuto no seu artigo 5: “A lingua propia de Galicia é o galego. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”.

O Estatuto tamén di que ninguén pode ser discriminado por motivo lingüístico e eu non o vou facer. Pero non podo consentir que se estea alentando un estado de opinión contrario a un dos meus idiomas empregando altofalantes poderosos non só de Madrid, senón do mesmo País. Hai días que leo cousas contra o Correlingua, outros queren segregar aos nenos por aulas nas que se fale só nunha lingua (segregamos o Consello de Goberno da Xunta tamén?), logo vén un señor que di estar apuntado nunha asociación de pais e declara que “no hace falta estudiar Matemáticas en gallego para saber gallego”; fíltrase que non será preciso que os doutores do SERGAS entendan debidamente aos pacientes que falen en galego para manter a súa praza; o Presidente la Real Academia acusa a determinados sectores de esaxerar sobre o deterioro que sofre o galego‚Ķ

Home, eu non sei que pensan disto PSdeG e BNG. Un pode perder as eleccións pero non creo que deba avergoñarse do que é. Se o novo goberno quere medrar a costa de destruir o galego e a convivencia normal entre falantes que existe no País no que eu creo que nacín, que o faga, pero quen leva loitando décadas por un modelo lingüístico xusto ten que parar isto. Hai certas cousas que non se poden permitir. Digo eu, mais igual excédome.

4.84/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións