Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Medo eu?

09:47 27/02/2009

“Se non tomas todo o caldo vaite vir buscar o home do saco. Pero nós non temos medo!” cantan os arroutados Ruxe Ruxe nunha das súas cancións que máis me emocionan. Isto do medo éche unha cousa ben revirada, porque hai veces nas que un debería sentirse seguro e, sabe Deus por que razón, éntralle a cagarría; e no caso oposto, nunha situación a priori de inseguridade resulta que a mente traballa arreo e funcionas a fume de carozo. Vén isto polas eleccións do domingo, que penso eu que teñen a todos os candidatos con suores fríos.

Imos ver: ten medo Rajoy porque se tira malos resultados en Euskadi e en Galiza pode ter menos futuro ca Francisco Correa coma empresario. Ten medo Zapatero porque hai catro meses contaba con consolidar a Xunta e poñer a Patxi López en Ajuria Enea e igual non sae ningunha das dúas. Ten medo o PNV porque leva gobernando case trinta anos e pode perder o poder. Ten medo o BNG porque é posible que o traballo que lle custou chegar á Xunta se esmoreza en catro anos. Ten medo Núñez Feijoo porque a Cope, El Mundo, ABC e La Razón estano poñendo de Presidente antes de ir votar, e igual resulta que confunden desexos e realidade.

Ten medo Touriño porque quizais tiña razón José Blanco cando lle pediu adiantar as eleccións, e ten medo Blanco porque a ver como lles explica aos de Ferraz que na súa terra a cousa non lles funciona. Ten medo Quintana porque o seu liderado quedaría tocado se o BNG non se consolida. Ten medo a esquerda abertzale porque cando se conten os votos nulos é posible que os números non dean, e que haxa cada vez menos xente aprobando as cousas que fai ETA. Ten medo Eusko Alkartasuna a un baixón en representantes agora que concorren en solitario. Tamén ten medo Rosa Díez, porque mira que poñer a parir todos os días a vascos e galegos por falar no seu idioma e que logo non te voten, manda truco. Tamén sei que algunhas empresas privadas teñen medo porque é posible que se acabe o choio.

Ten medo Urkullu de ser o primeiro presidente do PNV co partido na oposición, e teno Patxi López de perder a mellor oportunidade da historia do socialismo vasco para derrotar aos abertzales. Ándache igual Basagoiti, porque se saca menos votos ca San Gil a viraxe no PP vasco quedará cunha saúde moi feble. Teño medo eu, de ter que aturar catro anos máis a Galicia Bilingüe cada día nos medios que din defender a liberdade (que defenderemos os máis? A ditadura?).

En fin, que dirán o que queiran, pero ningún destes dorme tranquilo ata o domingo. Mais a cousas sonche así, amigo, a San Andrés de Teixido vai de morto o que non vai de vivo. Que vaian abrindo a capela que vai ter visitas esa noite…

4,32/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións