Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Saber perder

10:00 20/03/2009

Unha das acusacións máis comúns entre os partidos despois das eleccións é a que refregan pola cara os gañadores aos perdedores: “Non sabedes perder”. Semella ser un xeito máis ou menos elegante de mofarse do adversario cando un realmente o que quixera sería ir á sede contraria a bailarlles diante da porta horas e horas. Como esta segunda opción estaría mal vista pola cidadanía, os políticos empregan esa frase.

En Euskadi estouna escoitando case a diario contra o PNV. Como ben sabedes, o PNV gobernou sempre neste país, durante a Segunda República, no exilio, e tras a morte de Franco. E non gobernou porque haxa unha ditadura, como din algúns en determinados medios “non nacionalistas”, senón porque o electorado lle deu a confianza unha vez tras outra. Vaise dar a circunstancia histórica, polo tanto, de que o pacto PP+PSE vai levar ao PNV a un lugar onde xamais estivo, na bancada da oposición.

Ningún partido encaixa ben o feito de deixar o poder, iso está claro, pero cando un leva gobernando tanto tempo, o grolo é máis amargo. Ante iso, os socialistas, que aspiraban a gañar as eleccións en número de votos e máis en escanos, e que pasarán aos libros de texto como os segundos en chegar á lehendakaritza, acusan ao PNV de “non saber perder”. Disque andan Urkullu e Ibarretxe moi nerviosos polo feito de deixar os despachos.

Pero claro, hai aquí unha cousa que non encaixa: o PNV non perdeu as eleccións. Máis ben gañounas por cinco escanos, 80.000 votos e 8 puntos porcentuais de diferenza de voto. Sendo isto así, hai que saber perder ou hai que saber gañar? Está claro que non sempre goberna quen máis votos saca, senón quen conta con máis apoios para gobernar, e o PP e máis o PSE xuntan 38 e o PNV só tería o apoio de Aralar (4) e Eusko Alkartasuna e Ezker Batua (1 cada un deles), en total 36.

Visto así, o PNV ten que saber perder. Pero haiche outro conto: se somamos a PNV+EA+Aralar saen 500.000 votos, e se xuntamos os sufraxios de PSE+PP+UPyD temos 485.000. Nótese que non conto nin os de Ezker Batua nin os 100.000 que optaron polo voto nulo ante a ilegalización de quen non reproba a ETA. Quen gaña e quen perde? Como di o compañeiro Deive: “Amigo, aí si que me colliches!”

4.38/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións