Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Racista

10:00 23/04/2009

Anda montando balbordo a clase dirixente de Occidente porque no cumio mundial sobre o racismo, que se desenvolve en Suiza, o presidente do Irán, Mahmud Ahmadineyad, argumentou que a invasión israelí de Palestina e a súa actitude cara os cidadáns de orixe árabe tiña un carácter racista. Realmente, cada vez que Ahmadineyad fala, os politicamente correctos de Europa e Estados Unidos poñen as mans na cabeza porque di cousas inadmisibles sobre o Estado hebreo.

Non teño ningún tipo de admiración por Ahmadineyad. Posiblemente, o réxime que el comanda é o máis oposto ao que eu puidera defender. A mestura entre Estado e relixión islámica, o rexeitamento das minorías como os curdos ou afirmar, como fixo el, que en Irán “non hai homosexuais”, convérteno na antítese do que eu quixera como gobernante.

Pero a súa actitude fronte ao que se denomina comunidade internacional paréceme defendíbel. A min préstame que alguén saque peito ante os Estados Unidos e reivindique o seu dereito á investigación nuclear. Non quero armas nucleares en ningunha parte, pero tampouco apoiarei xamais que aqueles que as teñen deban decidir quen forma parte do clube.

Apoio o dereito de Israel a existires. Reivindico o dereito de Palestina a non ser borrada do mapa e ter o seu propio Estado. E si, eu tamén creo que Israel é un Estado racista. Igual queima lembrar isto, pero alí non ten os mesmos dereitos un cidadán árabe-israelí que un xudeu-israelí. Israel emprega o racismo de xeito sistemático nos territorios ocupados, quizais non como unha forma de impoñer unha orixe racial sobre outra, pero si na práctica eliminando dereitos básicos entre a poboación que non é puramente hebrea.

O Presidente do Irán será moi malo e seguramente as súas intervencións non contribúen á estabilidade entre os pobos, pero é capaz alguén de lembrar cando foi a última vez que Irán comezou unha guerra? Seguro que non moitos. No caso de Israel, a última aínda rematou hai catro meses. Non penso que Ahmadineyad sexa peor cousa que Lieberman.

4.33/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións