Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

SGAE

11:11 17/04/2009

Excelentísima Ángeles González Sinde. Efectivamente, son unhas iniciais que inclúen unha mensaxe oculta, subliminal. E.A.G.S. Se facemos como aqueles cregos que aseguraban que as cancións de Rock eran en realidade mensaxes satánicas se as letras eran reproducidas de xeito inverso, e reviramos as letras tiramos, xustamente, SGAE. Dá algo que roer a cousa, non? Descubriumo un bo amigo e a verdade é que non se me pasou a sorpresa aínda.

É a nova ministra española de Cultura unha enviada da SGAE? Se lembramos as súas declaracións máis sonadas, é evidente que nos atopamos ante unha muller que defende os dereitos de autor e que loita contra as descargas gratuítas (polo de agora son gratuítas e non ilegais, como se empeñan en dicir algúns). González Sinde asegurou que hai que loitar para que “as descargas da rede non fagan desaparecer o sector do cine, porque hai milleiros de postos de traballo en xogo”.

Eu non son autor e máis ben estou contra as imposicións da SGAE que se legalizaron nestes últimos anos coa escusa da defensa dos dereitos dos creadores (por exemplo, o famoso canon), pero vexo necesario que se regule xa este tema das descargas da rede. Lembro, cando era cativo, unha poderosa campaña publicitaria en contra da piratería literaria. Daquela comezábase a espallar a moda de fotocopiar os libros. Cada vez se mercaban menos, pero aqueles anuncios que advertían do risco da desaparición do sector deron efecto. A industria literaria diversificouse, apareceu o libro de peto, as diversas edicións axustadas a todos os niveis adquisitivos pero, sobre todo, o libro como produto de consumo gañou respecto entre o consumidor.

Non sei por que pero iso non ocorre nin coa música nin co cine. As tendas de discos nas que mercaba as xoias que hoxe decoran o meu estante pecharon porque hoxe só mercamos discos os frikis. Para que mercar se se pode baixar gratis? Pois non. Non é o mesmo un libro fotocopiado ca unha edición especial cos detalles que o fan único. Non é o mesmo un disco decorado a rotulador ca unha obra que inclúe as letras, a capa e as fotos que lle dan unha globalidade. Non é o mesmo un .mp3 ca unha peza co seu son íntegro. Non e milleiros de veces non!

Observei con certa simpatía o proxecto que Sarkozy quixo aprobar e que consistía en cortar o servizo de Internet a quen descargara contidos repetidamente da rede sen respectar os dereitos de autor. Por que se hai que pagar pola luz ou polo leite non hai que pagar polos temas que compoñen os músicos?

Resúltame curioso como hai súper-rebeldes-internautas que berran contra os beneficios da industria musical ou cinematográfica e, ao tempo, engordan as contas de Telefónica ou France Telecom contratando megas e megas de capacidade para descargar contidos que, na maioría das ocasións, nin sequera chegan a ver ou escoitar con atención. Só baixar para ter, coma se fora un supermercado gratis.
Abusa a SGAE? Coido que si, xa o dixen antes. Abusamos os internautas? É posible que tamén. Creo firmemente que é necesario regular este espazo. Non sei o fará a Ministra SGAE, pero hai que facelo.

2.71/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións