Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

A volta de Metallica

12:35 15/09/2008

“Non ten sentido agardar polas boas ideas, veñen elas soíñas, como as ganas de mexar” (Lars Ulrich, batería de Metallica)

Sen revisar polo miúdo a blogosfera, aposto a que esta vai ser a primeira crítica do novo disco de Metallica escrita en galego. Sería una boa noticia que me equivocase. Feita esta primeira apreciación inicial, cambio o eixo habitual das miñas impresións en Vieiros para escribir sobre un dos acontecementos musicais do ano: a volta a actualidade dunha das bandas máis importantes do mundo: Metallica. Á hora de escribir estas liñas, “Death Manetic” o novo traballo de estudo dos californianos, xa é número 1 en Inglaterra e varios países latinoamericanos. Quizais facendo boa a cita que abre o artigo, “Death Magnetic” devolve ao Olimpo dos máis grandes a una banda que moitos deron (demos, debería dicir) por morta a nivel compositivo tras varios traballos mediocres ou directamente pésimos.

Porque a verdade é que os Metallica fóronse esvaendo pouco a pouco tras a publicación do arquifamoso “Black Album” en 1991. Os seguintes discos, os “Loads” supuxeron un baixón espectacular na calidade musical do grupo, que foi aminorando ata rematar no atentado auditivo en toda regra que foi “St. Anger”. Alcol, excesos e enfrontamentos persoais conduciron a ese declive que duraba quince anos, que se di de camiño. Só a actividade en directo destes enormes músicos logrou manter acesa a chama de Metallica. Esa etapa quedou perfectamente reflectida no documental “Some kind of monster”, onde unha frase do seu manager explica de xeito definitivo o que supón a fama e a riqueza na vida dunha persoa: “cando tes de todo, que razón hai para erguerse da cama todos os días?”

A saída do baixista Jason Newsted, substituído por Robert Trujillo, meteu novos folgos no seo do grupo, aínda que para entón moitos dos seus fans máis fieis xa decidiran abandonalos. Persoalmente, recuperei a fe neles despois de velos o ano pasado no Festival BBK Live de Bilbao. Aquela noite interpretaron de principio a fin o mítico “Master of puppets” cunha enerxía espectacular. Presentaron unha nova composición titulada “The new song”, e a partir de aí comezaron as especulacións sobre o novo disco.

Finalmente, o venres pasado saíu á rúa “Death Magnetic”, un traballo que según eles é a volta aos oríxenes. Posiblemente sexa así, e a miña primeira reflexión tras varias escoitas é que a estes tipos non se lles olvidou facer boas cancións. É máis, se “Death Magnetic” fose un disco doutro grupo estou seguro de que a prensa especializada diría que é un dos traballos do presente ano. A min écheme igual o que digan os críticos (os que cobran por criticar, quero dicir, que non é o meu caso), porque dende o “Black Album” isto é o mellorciño que fixeron.

É un disco de puro Heavy Metal, que contén moitos elementos das súas gravacións clásicas: as cancións andan polos sete minutos, o que nos devolve aos tempos do “…And justice for all”; Hetfield volve cantar coma os anxos, “All nightmare long” dá a proba diso; Kirk Hammet reatópase consigo mesmo asinando composicións de guitarra moi pegañentas; e ata Lars Ulrich, o único batería que coñezo que toca cada vez peor en lugar de ir mellorando, consegue sacarlle ao seu instrumento un son coma o dos vellos tempos. Emulando ao antes citado “Master of puppets”, inclúe una canción instrumental de nada menos que dez minutos titulada "Suicide & Redemption”, e moito do peso da base rítmica está inspirada na primeira etapa do grupo.

Seguramente, o papel do productor Rick Rubin foi decisivo para sacarlle a Metallica todo o bo que levan dentro, pero eu son dos que opinan que o produtor non pode facer nada se os músicos non son capaces de facer boas cancións. Desta vez, por fin, Metallica conseguíuno. A partir de agora, os fans tradicionais deberiamos volver ao lugar de onde xamais deberamos saír: do colo da banda de Metal máis grande do mundo. Moito desconfiamos das súas posibilidades pero por sorte despexaron as dúbidas. Por sorte para a música, Metallica están aquí, e que sexa por moito tempo. Só falta que veñan o mes vindeiro os AC/DC e que asinen un disco semellante. As nosas cervicais están en perigo!

4,73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións