Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

O cambio

09:25 20/02/2009

Hai cousas que moito dan que roer. Por exemplo, hai uns meses, cando ETA estaba en cesamento do fogo e non cometía atentados, os temas vascos estaban todos os días abrindo os telexornais e ocupando os principais titulares da prensa, e agora que ETA ten ameazadas a milleiros de persoas e que os tribunais ilegalizan todas as opcións da esquerda abertzale que apostan por facer política, semella que ninguén quere decatarse de que a situación social en Euskadi está a ser enormemente convulsa. Debo de ser eu que esaxero coas miñas cousas, pero nin sequera na campaña dá a impresión de que o problema vasco sexa realmente un problema.

As do 1 de marzo serán as primeiras eleccións na historia nas que a esquerda abertzale quedará excluída da cámara, e non por desexo dos votantes, senón dos tribunais que decidiron que a plataforma D3M e Askatasuna son sucesoras de Batasuna e, polo tanto, ilegais. No caso de Askatasuna a sentenza do Tribunal Supremo fixo historia ao considerar este partido continuación de Batasuna, cando en realidade é anterior, pois fundouse no 1998 e só presentou listas no ano 2001, desde entón non se lle coñeceu actividade ningunha. Os maxistrados do Alto Tribunal español asinaron unha sentenza na que confundían varias veces a este partido cun organismo antirrepresivo xa ilegalizado do mesmo nome. Ninguén se escandalizou por iso, que en calquera outro país suporía un serio cuestionamento da imparcialidade dos xuíces.

Hai poucos días o relator da ONU que vixía que na loita contra o terrorismo non se vulneren dereitos e liberdades fundamentais, publicou o seu informe sobre Euskadi, no que advertía de que moitas sentenzas dictadas en España extralimitábanse no concepto de “terrorismo”. Por exemplo, citaba a do sumario 18/98, no que 48 personas foron condenadas por ser de ETA aínda que a ningunha se lle atopara nin unha soa arma. Tamén recomendaba poñer límites á aplicación da Lei de Partidos, porque deixa sen garantías a plataformas políticas que xamais tiveran presenza pública, esmagando o dereito a ser electos por sufraxio libre a moitos que nunca estiveran nas institucións. De nada serviu o aviso nada menos que da ONU: outros 150 cidadáns foron privados dos seus dereitos por ser “de ETA”, mais seguen libres na rúa. Non poden facer política nin ser electos porque son de ETA, pero poden andar libremente e incluso ir votar. Os catedráticos de dereito constitucional españois están a outras cousas, non se decataron.

Neste contexto chegan unhas eleccións que, segundo algúns medios, abrirán a porta ao cambio na lehendakaritza. O PSE pode gañar as eleccións, disque. O PP, partido co que andan as leas os socialistas no resto de Estado, darálles o voto gratis se acadan maioría absoluta entre ámbolos. Euskadi é a única comunidade onde non goberna ningunha das dúas formacións, e semella que se puxeron dacordo para convertila e obxectivo de Estado e acabar, de paso, con Ibarretxe. Pero os cálculos non sempre atinan nin tampouco o CIS detecta o verdadeiro sentir das sociedades.

Algúns políticos abertzales aseguran en baixo que, de gañar a soma de PP e PSE, o seguinte paso na uniformización do Estado será mudar a Lei electoral para reducir o peso dos nacionalistas galeuscanos no Congreso. Outros cren que non chegarán a tanto. Pase o que pase, o Parlamento vasco nacerá mutilado pola ausencia dun sector da sociedade. Incluso hai quen se pregunta, non estarán dando por morto a Ibarretxe antes de tempo?

4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións