Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

O Athletic

10:30 06/03/2009

Asisto, á hora de escribir este artigo, a unha noite máxica. Se cadra inesquecible en Bilbao e en Euskadi enteira. Non é o feito de que Patxi López vaia ser lehendakari a pesar de perder as eleccións, acho que iso causará menos entusiasmo, é a fazaña que acaba de acadar o Athletic de Bilbao ao chegar á final de Copa 24 anos despois da última vez. E non me refiro en exclusiva ao éxito deportivo que supón para un conxunto conformado só con xogadores da canteira, falo da explosión popular que vive Bilbao –e o País no seu conxunto- tras xerarse unha comuñón indescritible entre seareiros e xogadores.

Se es vasco hai moitas posibilidades de que sexas do Athletic. Se es de Bilbao non podes ser doutra cousa. O Athletic é unha relixión, é un sentimento, unha identidade; é posible que non gostes do fútbol pero que sexas do Athletic. Falamos do único fenómeno social capaz de congregar ricos e pobres, esquerdas ou dereitas, só vascos ou vascoespañois, nenos e vellos, catedráticos ou peóns. Non hai nada que unifique o pobo coma este equipo. Quizais pode resultar difícil de comprender a súa filosofía de xogar só con vascos de nación e xogadores formados en Lezama, pero esa é a súa identidade e a especificade que fai este equipo único no mundo. As novas no Marca non deberían ser “Barça e Madrid gañan”, senón, o “Athletic segue en primeira un ano máis sen fichar estranxeiros”. E xa van 77.

Ninguén discute nin se atreve a reprantexarse esta filosofía que contén moitos riscos (Anson non para de repetir que é o único equipo que xoga con 11 españois). A Real Sociedad rachouna hai vinte anos e agora está na Segunda División. Xogar con foráneos non é garantía de gañar máis títulos, pero arriscarse a manter firme a tradición fai tremer a nave. Nos últimos cinco anos o Athletic estivo dúas veces a piques de baixar, pero outros dous anos xogou en Europa. O ano que vén voltará á UEFA grazas a estar na Final da Copa. Que me conten o que queiran. Esta noite deulle unha malleira, como diría Rajoy, ao Sevilla, que viña co seu Presidente Del Nido dicindo que ían xantar o león “da cabeza ao rabo”. Acabou escoitando no palco como San Mamés, 40 mil gorxas a todo tren, lle cantaba: “Cómeme el rabo, Del Nido…”.

A cidade está a estas horas de troula a tope. E asegúrovos que non son recén chegados, como acontece noutros casos cando equipos medios trunfan, e aparecen novos seareiros que desaparecen ao día seguinte. Estes soñan co equipo, teñen a camiseta, o autocolante no coche, engalanaron a cidade de vermello e branco desde hai cinco días porque esta competición, a Copa, é a súa. Enchen o campo cada domingo aínda que estean abaixo na táboa. Yeste, Llorente, Amorebieta, Iraizoz… Todos eles aldeaniños, deron unha lección de xogo a Kanoute, Adriano ou Renato. Sei dun caso dun rapaz que foi pai hoxe mesmo e que estivo en San Mamés para non perderse isto. Hai outras anécdotas semellantes de persoas que soñaban desde hai anos con este partido. E como se desquitaron. Pode semellar esaxerado invadir o campo e encher as rúas para homenaxear uns xogadores que aínda non gañaron nada, só (case nada) lograron chegar a unha final. Pero isto haino que vivir para comprendelo.

Non hai seareiros coma estes, por algo lle chaman a Catedral do fútbol. Un non pode máis que amosar simpatía. Un equipo, un sentimento, unha paixón e un grupo de afeccionados dignos de admiración. Non se lle chama “o Bilbao”. É o Athletic. Non hai cousa igual.

4,73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións