Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

De Beixín a Londres

18:59 25/08/2008

Remataron os Xogos Olímpicos de Beixín do mesmo xeito que comezaron, cunha espectacularidade total, e cun balanzo envexable no que ao exclusivamente deportivo toca. Michael Phelps coroouse como o nadador máis grande da historia, aínda que eu penso que os xuices lle axudaron a gañar unha medalla que debería ser outorgada a un competidor serbio que chegou antes ca el nunha das probas; Bekele deu un verdadeiro recital nas carreiras de 5.000 e 10.000 metros, amosando que os africanos son imparables nas medias e longas distancias e, sobre todo, Usain Bolt abraiou a todo o mundo coas súas tres medallas nos 100 e 200 metros lisos, e na proba de relevos. Foron tres ouros e outros tantos records. O espectáculo que deu na proba dos cen metros é digno de ser repetido unha e outra vez, e deitar a marca que tiña nos douscentos o xenial Michael Johnson séntao no trono dos máis grandes, por riba de Carl Lewis e quizais á altura de Jesse Owens.

A competición olímpica representa como ningunha a superación persoal e o xogo limpo (sempre e cando o teu país sexa poderoso, e nese caso xuices e árbitros, axudaránche), e por iso quixera determe no caso Usaín Bolt. Representaba ao seu país, Xamaica, a pesar de que tivo varias ofertas para marchar aos Estados Unidos, e así gañar máis cartos e ter unha mellor preparación. Pero Bolt preferiu ficar na súa casa, e agora demóstrase que os países pequenos tamén poden gañar, e superar os máis grandes e poderosos. Polo menos, Bolt era quen de escoller se corría coa súa bandeira ou con outra.

Non é ese o caso dos deportistas galegos, que só poden ir a uns Xogos Olímpicos coa bandeira de España, sintan ou non esas cores. Os responsables da delegación española encargáronse de advertir que alí só se ía a facer deporte, e non política, e ameazaron con expulsar a calquera persoa que fixese reclamacións ideolóxicas de calquera clase. O Comité Olímpico Internacional tamén axuda a asentar o statu quo, e colaborou coa China para que nada se movese. Foi un pacto interesado, algo así como “eu miro para outro lado coas túas vulneracións de dereitos e ti controla todo para que ninguén se mova”.

Os deportistas galegos acadaron catro medallas e tres diplomas, a proba de que é posible competir no mundo coa nosa marca diferenciadora, coa nosa identidade galega. Desgrazadamente, iso non se pode facer na actualidade e moitos medios de comunicación radicados no noso país contribúen a perpetuar este estado de cousas. Por exemplo, a información que suministraba a Televisión de Galicia na sección de deportes era cuspida á da Televisión Española. Falábannos dos “nosos representantes” cando se referían a un madrileño que competía en esgrima, ou a unha judoka burgalesa, ofrecían en cabeceira resultados de competicións por equipos nos que non competía ningún galego (baloncesto masculino) e, antes de destacar fazañas como a de Phelps, abrían cun lanzador de peso que é concelleiro do PP e que nin sequera chegou á final. Que lonxe estamos de ver un eido comunicativo exclusivamente galego.

Con estes ingredientes é difícil asentar na cidadanía a idea de que Galicia é competitiva. E tamén creo que moi poucos galegos renunciarían a competir coa súa bandeira se puidesen escoller. As institución do país deberían erguer este facho e demandar a oficialidade. Hai anos era imposible ver á selección galega de fútbol disputar encontros internacionais, hoxe iso é una realidade. Traballemos por completar ese obxectivo.

4,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións