Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

¿E os cartos?

14:03 10/10/2007

Plano bucodental para que os nenos e nenas poidan recibir atención gratuita dos dentistas no Sergas. Resposta do PP: ¿De onde van saír os cartos? Plano de vivenda para que se constrúan máis pisos de protección oficial e así a xente nova poida optar a unha vivenda en propiedade ou aluguer lonxe dun mercado libre letal e depredador para unha (quen sabe se máis) xeración de xentes, quizáis as mellor preparadas da nosa historia, prisioneiras da especulación durante trinta ou corenta anos. Resposta do PP: ¿De onde van saír os cartos?

Mil soldados do exército español máis para Afganistán. Resposta do PP: Digan vostedes que están nunha misión de guerra e non humanitaria. Un valado de seis metros nas fronteiras de Ceuta e Melilla para que os parias do século XXI non poidan traballar na España dos dereitos constitucionais. Resposta do PP: fan falla outros tres metros. Escáneres e rádares de alta definición e visión nocturna, ademáis de embarcacións último modelo para interceptar a chegada de inmigrantes vía marítima ás costas andaluzas ou canarias. Resposta do PP: iso é o efecto chamada.

A esquerda ten un problema de comunicación en Galicia e en España: sempre van a rebufo dos debates que propón a dereita. Hoxe son o Rei e as bandeiras, mañá xa terán outro xoguete. Nunca BNG e PSOE son capaces de liderar os debates. Aquí ninguén cuestiona que os centos de millóns que se gastan en deter a inmigración “ilegal” ou en mercar armamento último modelo precisan cartos dos fondos públicos. Amigo, pero se se trata de ofertar dereitos para máis persoas, entón está en perigo o equilibrio presupostario, o superávit e corremos o risco de pagar máis impostos.

A debilidade argumental da esquerda contrasta coa súa capacidade de efectuar reformas. Outro exemplo: la Lei contra a Violencia de Xénero foi a primeira que aprobou Zapatero, con unanimidade a pesar de que ao PP non lle gostaba votar xunto co PSOE. Pois ben, a dereita encargouse de propagar que esa lei é ineficaz porque seguen morrendo mulleres asasinadas polos seus compañeiros. Ben, a ningún dirixente do Goberno español se lle ocorre replicar que xa hai unha lei que prohibe os roubos e aínda así hai quen segue roubando. Falla a lei? Non.

O Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (BNG), sinala que a campaña antiincendios deste ano sáldase cunha reducción de hectáreas queimadas do 90% se o comparamos co periodo 1997-2005. ¿Alguén o sabía? Pois iso.

4,38/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións