Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

"¡ Boberías!"

09:00 06/06/2009

Así cualificou Esperanza a Aguirre, presidenta da comunidade de Madrid, as preocupacións que moitas persoas expresan sobre os problemas do medio ambiente e o cambio climático.

Pertinaz negación de moitos políticos que non queren entrar no debate que suscitan os informes e indicadores proporcionados por científicos e expertos. Como a avestruz que esconde a cabeza, négase o problema e en paz.

Cada vez un maior número de cidadáns ímonos sensibilizando sobre as consecuencias da intervención irreflexiva e voraz sobre a natureza. É certo, non obstante, que iso aínda non supuxo un cambio importante de actitude que afecte aos estilos de vida. Pouco a pouco algo avanzamos pero demasiado lento. Faise necesaria a promoción dunha educación ambiental para tomar conciencia deses problemas e ir actuando en consecuencia. Na medida en que cambiemos a nosa actitude teremos maior capacidade de esixir aos nosos gobernantes a adopción de medidas.

Un informe recente do RACC (Real Automóbil Club de Cataluña) titulado "Automóbil e medio ambiente" pon en evidencia as limitacións da sensibilidade sobre estas cuestións como o cambio climático. Por exemplo, o 80% dos entrevistados ( de ámbito estatal) afirman mostrar "moita" ou bastante preocupación polo medio ambiente pero só o 20,5% se informa acerca dos danos que ao medio ambiente poden causar os modelos de coches que lle interesaban.

Mortes prematuras

En España os 25 millóns de automóbiles producen o 11% de emisións de CO2, sendo a principal fonte de contaminación atmosférica da cidade e é responsable de 16.000 mortes prematuras (370.000 no ano 2000 na U.E), máis que as que producen os accidentes de tráfico.

Galicia conta cunha taxa de 0,52 turismos por habitante en 2007, algo superior á media estatal (0,47). O problema non é só elixir vehículos, dentro dos que ofrece o mercado, con menos niveis de contaminación, senón reducir o uso do automóbil particular, completándoo con outros medios de desprazamento, incluíndo, cando é posible, con camiñar.

Fai falta unha aposta decidida por parte dos gobernos para reducir este tipo de contaminación, creando estacións intermodais e mellorando os transportes públicos. O ferrocarril apenas supón unha pequena parte do transporte de viaxeiros ( non chega ao 5%). E a planificación deste no futuro, en Galicia, non vai modificar a situación.

Cidades medianas e pequenas como as que temos aquí vanse convertendo en inhabitables polo tráfico que teñen que soportar, co conseguinte gasto en combustible, máis contaminación, mais ruído, etc. e maior perda de tempo. A miúdo é consecuencia da irresponsable actuación das administracións (concesión de licenzas para grandes superficies comerciais sen planificación previa de viais que faciliten os fluxos de persoas que atraerá, novas urbanizacións,...), e, tamén, no costume arraigado nas últimas décadas de coller o coche para percorrer calquera distancia por pequena que sexa.

4,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións