Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Abuso e tortura de menores

13:46 17/12/2009

Amnistia Internacional denunciou o maltrato ao que se ven sometidos moitos nenos e adolescentes nos Centros de Menores, levados alí por trastornos de conduta ou por encontrarse en situacións de exclusión social.

Esta denuncia súmase a outras realizadas pola Comisión española de Axuda ao Refuxiado (sinala que o 40% sufriu trato negativo e inclusa tortura) ou polo propio Defensor do Pobo, Enrique Múgica, que presentou un informe ao Congreso dos Deputados sinalando a realidade extremadamente dura e dolorosa que viven estes rapaces nos devanditos centros.

Nos diferentes informes faise referencia aos abusos, malos tratos, illamento ou medicación forzosa como practicas non excepcionais senón estendidas. A miúdo péchanos e íllanos en celas sen ventilación nin comunicación ao exterior.

Algúns destes comportamentos lembran os descritos por Ch. Dickens en moitas das súas novelas nas que realizaba unha dura crítica social, ás veces con humor e ironía, nun Londres da era vitoriana. Pero agora estamos no século XXI, nun lugar que se supón avanzado e desenvolvido.

Son un elo feble da sociedade, tan feble que non interesan a case ninguén, nin sequera como noticia. Non teñen tampouco dereito ao voto, son menores de 18 anos. Pertencen a inmensa maioría a sectores sociais con escasos recursos económicos e sociais.

Como é posible que estean en tal desamparo?. Non os protexen as leis. Nin se lle aplica o enorme interese aparente que a sociedade ten nos menores. Eles están excluídos, pertencen a outra categoría. Porén, o Estado, as administracións públicas, destinan ao seu coidado unha cantidade de diñeiro moi respectable, 3.800€ por persoa. Que ocorre realmente con ese diñeiro?.

Estes centros son tutelados polas Comunidades Autónomas. Independentemente da cor do goberno de cada unha delas, optaron por conceder a xestión a centros privados, moitos deles en forma de fundacións. Dos 58 que parece que existen (ata os datos non están claros), só catro son públicos Unha maneira de desembarazarse do problema e telos apartados, fóra da ollada pública.

A iniciativa privada

A que se destína ese diñeiro?. A salarios dos educadores (parece polos testemuños dalgúns deles que aguantan con dificultade moito tempo nese posto de traballo), a alimentación, a mellora dos equipamentos e infraestruturas, etc.? . Polas denuncias realizadas non parece que sexa así. Habería que facer auditorías e as administracións deberían dar conta detallada aos cidadáns/as do emprego dese diñeiro e dos cumprimentos dos obxectivos “terapéuticos”.

Algúns pensarán que é un mal exemplo de xestión privada, unha excepción.  Pola contra, trátase de algo consubstancial á mesma, que se evidencia máis claramente en casos como estes, ocultos e apartados da ollada pública, na que a fronteira entre entidades lucrativas e non lucrativas se difumina. E a responsabilidade pública fai deixazón das súas funcións, mediante a aplicación dos principios de subsidiaridade e externalización, delegando noutros as súas funcións que quedan a mercede das forzas de mercado. Foron abandonados á iniciativa privada.

4,85/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións