Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

“Non no meu patio traseiro”

15:00 25/05/2008

É unha expresión que se utiliza para referirse á oposición de plataformas e activistas a proxectos dos gobernos que pretenden instalarse en determinados lugares. Vina empregada recentemente nun documento político (usando tamén a expresión en inglés - NIMBY, Not in My Back Yard). Con ela teño a impresión de que o que se pretende é anular a capacidade opositora, sinalando o interese privado que inspira as accións duns (plataformas e activistas) fronte ao interese colectivo e público doutros (gobernos).

Como dicía E.M. Cioran poñémoslle a unha cousa un nome, unha etiqueta e dámoslle así un (simulacro) de sentido. Cando os gobernos son de dereitas - dende sectores da esquerda- lexitímase a sospeita de que a maioría das decisións de aqueles ocultan intereses privados (corporativos, grupos de presión, individuais); cando os gobernos son de esquerda  dende esa cultura próxima ao poder preténdese facer válida aquela vella ecuación de partido=vangarda=proletariado-pobo=goberno= interese colectivo e público. (A miúdo apelan ás enquisas, que se converteron hoxe nun instrumento imprescindible para os gobernantes, para lexitimar a súa causa)

Hai demasiados exemplos na historia recente (dende o socialismo realista dos países do Leste ata as democracias occidentais) de que isto non é así tan sinxelo. A economía, as elites corporativas, grupos de presión de diversa índole, etc, inflúen cada vez máis nas decisións políticas; tampouco se pode pretender que a política quede restrinxida aos partidos e á contenda electoral. O pluralismo político non pode reducirse a unha oposición organizada en partido político senón que inclúe aos movementos, grupos e individuos que denuncian as accións dos gobernos exercendo unha forma de contrapoder.

Frente a fe cultura da transparencia

As accións dos gobernos non son incuestionables nin constitúen un dogma de fe. O desenvolvemento e creación dunha cultura da transparencia convértese, na actualidade, nun elemento fundamental da democracia. Dispoñer da información e datos abondos para que cada cidadán poida avaliar e xulgar por si mesmo. Os medios de comunicación poden exercer un papel importante - moito máis do que fan- pero, grazas a internet, esíxese que a información poida ser accesible a calquera cidadán ou cidadá.

Igual que na loita entre partidos políticos para alcanzar o poder, máis que presentar alternativas, o que  se fai é obstruír o máximo posible ao adversario, ás veces, é certo que tamén plataformas ou grupos utilizan o seu poder de obstrución con certo carácter nihilista ou nostálxico pero isto sucede en paralelo á loita e competencia pura e dura entre partidos para exercer o poder, cada vez máis desideoloxizados: "onde dixen digo, digo Diego". Se digo laico, agora apoio á Igrexa máis que o faría o propio PP confesional, se digo defensa do público, agora interpreto que podo privatizar, etc.

É obvio que non todos os actores teñen a mesma capacidade de contrapoder. Enganaríanse, non obstante, os nosos gobernantes, se interpretan o que cala como que outorga. Algúns autores, como Pierre Rosanvallon, veñen analizando o que denomina "zonas grises" da expresión política, referíndose ao retraemento, a abstención e o silencio. A indiferenza é, non obstante, relativa. A miúdo pode non só facer subir ou baixar os votos a un partido senón gañar ou perder eleccións (Pode verse a análise poselectoral de J. L. de Zarraga, no diario Público, do 22 de mai). Unha maneira de vencer esa indiferencia, conseguindo maior credibilidade, é desenvolvendo unha maior cultura da trasparencia nas institucións e nas decisións políticas.

4,15/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións