Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Vale a pena votar o 7 de xuño?

09:30 30/05/2009

Para moitos a U.E. ten un grande déficit político, democrático, para outros chégalles que sexa só un mercado e farán todo o posible para que sexa así. Complexa e burocrática, mentres exista, afecta ás nosas vidas aínda que miremos para outro lado e aínda que pareza que non existe cando non hai eleccións.

Pouco se fala e discútese sobre Europa mesmo cando hai eleccións. Os medios de comunicación con máis influencia social só nos informan esporádicamente, nin sequera contan cunha sección para iso. Pouca idea temos do que se debate alí, no Parlamento Europeo,  e sobre os acordos dos órganos decisorios por máis que moitas das competencias que tiñan os Estados sexan exercidas pola U.E. e por máis que nalgúns aspectos relevantes sexan incapaces de adoptar medidas conxuntas.

Dá a impresión de que hai un enorme interese de que non nos informemos, aínda cando - chegado o momento- reclámennos o voto.  Os que estamos no ámbito da universidade algo coñecemos sobre o Espazo Europeo de Educación Superior  (Plan Bolonia) que, por certo, se nos dicía que iamos moi atrasados e agora resulta que somos dos primeiros. A parte disto, coñecemos o intento de aprobación da directiva de ampliación a 65 horas laborais - que finalmente foi rexeitada- e pouco máis.

¿Quen coñece o informe Auken? Ese informe aprobado o 26 de marzo de 2009,  polo P.E., con 349 votos a favor, 110 en contra e 114 abstencións, sobre o impacto da urbanización extensiva en España, que critica de xeito demoledor as actuacións urbanísticas locais e autonómicas e recrimina, tamén, ao goberno estatal que ten competencias ambientais e no marco xeral da lei do chan. Aínda que critica o urbanismo do mediterráneo - particularmente, as súas consideracións e resolucións afectan a todas as administracións e ben serve de instrumento preventivo cara ás accións urbanísticas que puidesen levarse a cabo aquí. Esixe eliminar a figura do "axente urbanizador" e alude ao papel que  arquitectos,  avogados, e outros profesionais tiveron en todo o proceso.

Por uns motivos o PP e por ¿outros? motivos o PSOE, os representantes de ambos os dous partidos votaron en contra. Nin que dicir ten, ademais, que o candidato do PP que encabeza a lista, Sr. Maior Orejaa, votou sistematicamente en contra de calquera medida progresista que o Parlamento considerara.

Segue o PP ocultando as súas propostas económicas e sociais. No apartado do seu programa,"Podemos superar a crise (pp.12-22)", ademais de criticar a política socialista, propón unha fiscalidade máis moderada, flexible e moderna. Para coñecer as súas intencións hai que botar unha ollada ao libro de Aznar "España pode saír da crise". Xusto todo o que conduciu á crise e ao retroceso social de Europa.

4,33/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións