Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Efectivizar o cambio galego

15:01 20/09/2007

Durante os dous primeiros anos sentáronse as bases para producir un cambio real en Galicia e os dous próximos anos que quedan de mandato farase efectivo ese cambio.

Esta é a idea que transmitiu, Anxo Quintana, Vicepresidente de Benestar e Igualdade da Xunta de Galicia nunha entrevista concedida a Radio Líder, días atrás, (e publicada na web de Vicepresidencia) que parece indicar que existe unha clara conciencia de que a cidadanía ou unha parte da cidadanía non percibe con nitidez o cambio prometido.

É certo que se trata dun curto período de tempo, coas súas luces e as súas sombras, do que se fai difícil obter unha valoración global de todo o goberno senón só, parcialmente, de cada departamento.

O cansazo, aburrimento e rexeitamento dunha boa parte da sociedade galega dos gobernos anteriores do PP, deixaba un baleiro que se cubría con enormes expectativas cara á posibilidade dun cambio de goberno que finalmente se produce e que prometía unha dinámica sociopolítica abandeirada por novos valores que se traducirían nunha nova forma de facer política, máis transparente, máis respectuosa e atenta coa cidadanía, máis participativa, menos clientelar e máis xusta, etc.

Valoracións
As valoracións que se están realizando estes días por diversos analistas desde posicións nacionalistas e de esquerda van desde "a democracia mellorou notablemente" ata "non confundir gobernar con ocupar o poder". División de pareceres extrema que, en diversos graos, está presente nas bases sociais que apoiaron, no seu día, ao bipartito e sobre o que depositaron a súa confianza para que se abrise unha nova etapa en Galicia que pouco tivese que ver coa anterior.

Seguramente, a percepción limitada que cada cal ten, poida que nalgúns casos, non coincida co que "din" as enquisas, "que todo vai ben", "que todos imos gañar moitos votos". Como nas eleccións municipais, que -despois- algúns candidatos a Alcalde dalgunhas cidades levaron unha sorpresa, ata algún -por certo, socialista- que preferiu botarlle a culpa ao Presidente Rodríguez Zapatero dos seus inesperados malos resultados

A crítica é boa de seu pois é consubstancial á democracia, atribuír que esta sempre serve ao adversario - aínda que ás veces poida ser así- é un erro, cando non un síntoma autoritario. O contrario diso, o negativo, é o insulto e a descualificación. E ao día de hoxe, ademais dalgún grupo ecoloxista, algunha Plataforma Cidadán, quen exerce a crítica, é un sindicato, a CIG e baixo o meu punto de vista, hónralle, independentemente de que estea de acordo ou non con ela ou de que sexa a súa función máis xenuína. O PP, o que fai, como é a súa obrigación, é oposición.

Coas eleccións xerais á vista, o goberno da Xunta, corre o risco de dar preferencia á propaganda e descoidar de facer efectivo, nestes dous anos que restan de lexislatura, o cambio que o Vicepresidente anunciaba en Radio Líder, que, supomos será, tamén, o de todo o goberno. Posiblemente, sexa neste departamento onde máis se vaia a visualizar, en parte, porque ten avanzados xa algúns proxectos e levou a cabo algunhas medidas sociais importantes. É necesario que o goberno da Xunta sexa capaz de transmitir que se pode plasmar unha nova forma de facer política e que se pode traducir en feitos, en avances sociais concretos, con visión de futuro.

4,13/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións