Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Se a campaña electoral fose como as teleseries!

12:25 21/02/2009

Cambiaron a campaña na rúa polo espectáculo virtual con efectos especiais -iso si, a medida que pasan os días incrementan a rodaxe en exteriores.

Cambiaron a campaña na rúa polo espectáculo virtual con efectos especiais -iso si, a medida que pasan os días incrementan a rodaxe en exteriores-. Xa só os pequenos partidos políticos manteñen a antiga tradición de "pegada de carteis" na rúa, sen grandes escenarios e rodeados duns puñados de simpatizantes. Os grandes partidos que optan a gobernar fixéronse "modernos", e ricos, diría tamén.

Utilizar todos eses recursos e técnicas ao estilo "Hollywood" sae moi custoso. Non obstante, o debate electoral que xorde dese espectáculo é machaconamente aburrido. Controlado por expertos en técnicas de persuasión, limítase a unhas cantas cuestións escollidas por eles, que nos lanzan na esperanza de que respondamos aos seus sinais. Poida que conten con expertos en efectos especiais e saiban reproducir escenografías exitosas pero nada comparable aos guións dalgunhas excelentes series americanas ou nada que ver cos bos monologos de Buenafuente. Porque se o que se nos ofrece é espectáculo, polo menos que teña calidade.

E é con ese espectáculo (campaña electoral) co que pretenden resolver o paradoxo que crearon e que C. Crouch resume nos seguintes termos: mentres gobernan queren unha cidadanía pasiva, acrítica coas súas decisións, mentres en bambalinas negocian coas élites que representan os intereses das empresas pero, chegado o momento, atérralles que nos lles votes, que lles ignoren, ante o cal adoitan reaccionar con medidas como ampliar o horario dos colexios electorais, ampliar o prazo do voto por correo, defender o voto por internet, ou, que poidan votar, se fai falta, sen identificarse, fóra de urna, etc., algunhas das cales son sobradamente coñecidas por todos nós.

O líder como home feito a si mesmo
A pesar de non ser un sistema electoral presidencialista, enxálzase a figura do líder para que canalice e concentre todas as enerxías do partido respectivo. O líder chega a crer que é un home especial, feito a si mesmo, cun carisma natural e cre que o resultado - cando lle favorece- é obra súa- non do partido e os seus votantes. Pásalle o que aos ricos. Como dixo Bill Gates nunha ocasión cando se pronunciou a favor de que se mantivese o imposto de sucesións: "Non hai o que se chama un home feito a si mesmo. Todo home de negocios, para gañar diñeiro, utilizou a vasta infraestrutura que os contribuíntes pagaron. Débenlles moitísimo e deberían devolvérlleso". Os líderes, como os ricos, tamén se esquecen que o seu liderado débenllo aos seus votantes e aos afiliados dos seus partidos.

Agora que temen perder, da noite á mañá, o seu carisma natural - que será culpa, agora si, do partido e dos votantes- e os partidos a súa posición de goberno, a poxa de promesas ira crecendo no medio da retahíla do Vota, Vota, Vota!

Moitos terán que facer un esforzo para atopar as súas propias razóns para votar, se non lles chegan as que lles ofrecen. Hai moitas opcións dentro da esquerda. Se algúns non atopan razóns de peso para votar ao PSde G ou ao BNG, ¿por que non conceder unha oportunidade a algún dos outros partidos de esquerda?. ¿Ou só se pode ver un partido se xoga o Real Madrid, o Barca ou o Depor?. Ás veces fano de pena e a Liga sálvana mais humildes contendentes.

5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións