Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Trampa de sedución

10:00 21/10/2009

Podería resultar sorprendente, a primeira vista, que responsables de recursos humanos de empresas galegas (véxase La Opinión, do día 18) nos propoñan como ideal o modelo laboral de flexiseguridade (flexicurity) como o aplicado en Dinamarca. Podería ser tentador na medida en que asociamos ao devandito país uns niveis altos de prestacións sociais e de benestar social.

É frecuente esta referencia a Dinamarca como modelo a imitar nos debates sobre o mercado laboral que se levan a cabo no País Vasco e Navarra, aínda que tamén noutros lugares. Resulta máis interesante que as declaracións que fai o presidente da CEOE, o presidente do Banco de España ou algúns organismos internacionais, que seguen formulando as mesmas receitas dende hai anos pero que foron incapaces de preveer a crise económica que algúns deles axudaron a crear. Non obstante, non é que haxa moita distancia entre uns e outros. Apélase a Dinamarca utilizando a carga simbólica como referente de país avanzado socialmente para poñer a énfase exclusivamente nos aspectos que teñen que ver coa reforma laboral, é dicir, na flexibilidade.

Dinamarca e o despedimento libroe
En Dinamarca, o empresario ten a facultade de despedir cando o considere necesario e só require dun preaviso de tres días. É o paradigma do despedimento libre, o que constitúe a envexa e aspiración da nosa clase empresarial. Illan esta característica do seu contexto e convértena en milagrosa obviando todo o demais, as súas características históricas e sociais concretas e pásase por alto o seu fundamente ideolóxico.

A reforma do mercado laboral, que se encadra dentro do concepto de flexiseguridade (ou flexiguridad) que se implanta, en 1994, polo goberno socialdemócrata de Poul Nyrup Rasmussen que se enfrontaba a unha taxa de desemprego do 13%, a un baixo crecemento económico e a un alto endebedamento público, introduce a flexibilidade no mercado laboral compatibilizándoa con altos niveis de protección social, como o subsidio de desemprego que se mantén durante 4 anos co 90% do salario, aínda que se rebaixará á metade, se no prazo de seis meses, o/a desempregado/a non atopa un emprego e non acepta seguir formándose. A semana laboral é de 37 horas, con cinco semanas de vacacións que se foi ampliando ata as seis. A idade de xubilación estableceuse nos 67 anos, aínda que con tendencia a reducila e cunha idade media de retiro que se sitúa en 61 anos. Ademais, conta cunha taxa de actividade de mulleres moi alta (cunha proporción cada vez maior de mulleres que traballan a xornada completa) e que se aproxima á dos homes.

Os salarios son dos máis altos da U.E e teñen unha presión fiscal do 48,5% fronte a un 32,8% de España. A clave do funcionamento do sistema está no permanente diálogo social. No entanto, nos últimos anos viñéronse realizando recortes nas prestacións sociais, sobre todo a partir de 2001 co novo goberno liberal-conservador e, aínda que seguen mantendo unha taxas baixas de paro (2%-3%) dende pouco despois da implantación da reforma, a principal demanda hoxe é volver á seguridade no emprego.

Ese sistema require dun difícil equilibrio e dunha cultura empresarial e do traballo moi diferente á nosa. E xa veremos o exitoso  que será no futuro. Reivindicar un aspecto dese modelo, obviando todo o demais, é só unha trampa de sedución para implantar un sistema xeral de precarización laboral.

A nosa vantaxe competitiva: a calidade da xente.
Moitos dos mozos formados, con alta cualificación, vanse fóra  porque atopan (atopaban) empregos con mellores condicións laborais que aquí. Igual que Robin Sharma (O País, 19/10/09) -ese famoso avogado exitoso que deixou todo e iniciou unha nova vida que lle levou a escribir libros de "autoaxuda" (esa categoría caixón de xastre na que se agrupa todo o que non cabe nas categorías tradicionais)- di sobre a vantaxe competitiva da empresa española, tamén podemos dicir da empresa galega: é a calidade da súa xente.

E vexamos, para maior concreción e elocuencia, que dí dos traballadores e traballadoras galegas unha sociedade como a de Invest in Spain (Xornal. Com, 19/10/09) -para atraer investidores - como vantaxes competitivas: unha baixa conflitividade social, un dos mellores custos laborais de España moi por debaixo da media estatal, disposición ao traballo, identificación coa empresa, capacitación da man de obra, etc. Máis non se pode dicir.

Non será xa hora de empezar a debater - aproveitando as leccións da crise-sobre qué modelo produtivo debemos orientar o noso desenvolvemento e despois exporse a reforma laboral, sobre se é necesaria e sobre qué aspectos modificar, e non facer a inversa tal como se vén facendo; o problema non é o traballador, polo menos, non é nin moito menos o principal problema. ¿Por que será que as principais voces que reclaman o libre despedimento, todos eles, recibirán altas indemnizacións, como o presidente do BBV, que se levará 93 millóns de € ?. Os que teñen contratos blindados, con grandes indemnizacións, pregoan o libre despedimento para os demais. É escandaloso, pero, como di A. Domenech, este adxectivo, con tanto escándalo que hai, xa perdeu todo o seu sentido.

4,91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións