Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

O que nos vén enriba

11:30 14/04/2008

Estados Unidos camiña cara a unha recesión que terá efectos negativos na economía mundial debido á crise de créditos polo derrube das hipotecas de alto risco; estalarán outras burbullas inmobiliarias en países nos que nos últimos anos se producira un boom no sector de vivenda, entre eles España, onde o mercado inmobiliario entrou en crise.

A confianza dos consumidores debilitouse en Estados Unidos e terá efectos a escala mundial. Os datos do INE e do IGE, veñen, nos últimos meses anunciando ese decaemento. Os informes feitos públicos de practicamente a totalidade de institucións económicas tanto españolas como internacionais sinalan un panorama de desaceleración económico cando, non claramente, de recesión.

Actores da especulación

Resulta chamantivo, cando se producen este tipo de situacións, que os principais actores da especulación e da obtención de diñeiro doado que pregoan ata a saciedade as virtudes do libre mercado, de súbito, atopemos neles os protagonistas demandantes da intervención do Estado. A defensa do mercado autorregulado, nese momento, carece de utilidade e pola contra esixen ás autoridades que interveñan no mercado. Non só se aproveitan dos cidadáns cando elevan os prezos coas súas brutais especulacións, senón que cando as súas ganancias se poñen en perigo pola súa propia avaricia, sen o menor escrúpulo pretenden que o Estado protexa as súas operacións a conta do diñeiro que é de todos.

Pero o asunto non quedaría aí, pasado ese momento volverá o discurso liberal con todo o seu vigor. De feito a campaña do PP realizada nas pasadas eleccións xerais, co cambio de estratexia producido a poñer en primeiro lugar do seu discurso a economía e a inmigración e deixando nun segundo plano elementos que conformaran durante a pasada lexislatura as ideas-forza do seu discurso, o terrorismo de ETA, a reforma do Estatuto catalán e a ruptura de España, anuncia os elementos centrais do discurso que adoptará durante esta lexislatura que será máis nítido coa “liberal” Esperanza Aguirre se se presenta e gaña o Congreso.

O discurso liberal-nacional
Ese discurso "liberal-nacional" afondará, se a crise económica se alonga,(a Xunta de Galicia reduciu en 7 décimas a taxa de crecemento fixada en 2008), en crear unha fractura entre os sectores da poboación máis afectados - máis paro, maior precariedade laboral- cos inmigrantes. Proporán e esixirán unha nova reforma do mercado laboral máis flexible recortando dereitos (recriminarán como excesivo o gasto do subsidio por desemprego), promoverán as rebaixas fiscais e demandarán a privatización de servizos, con novas críticas ao funcionamento das administracións públicas (conviría que os gobernos de esquerda en todos os ámbitos non lle facilitasen munición e fosen escrupulosos coa xestión do diñeiro dos cidadáns).

España segue sete puntos por debaixo da media europea en gasto social; a influencia das formulacións neoliberais, está levando a unha cada vez maior subordinación da política social á política económica, o que supón redución de prestacións sociais e, como sinalou U.Beck, traspásanse os riscos aos individuos. A CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais) demanda unha reforma do sistema de pensións (un mínimo estatal+un plan de pensións individual); a revisión do Pacto de Toledo está á volta da esquina...

Nun contexto de interdependencia económica os axentes económicos son máis poderosos e a capacidade de presión dos grupos empresariais é moito maior. Aínda que o PP presente nestes momentos - perdendo as eleccións- signos de debilidade, non debemos menosprezar a súa capacidade nin a dos poderosos axentes que ten por aliados. Convén que a esquerda, partidos políticos, sindicatos e movementos sociais teñan presente que en situación de crise económica unha ofensiva neoliberal terá un maior impacto na sociedade e pode poñer en perigo as realizacións conseguidas ata agora - por moi limitadas que lle poidan parecer a moitos- e as políticas sociais deseñadas para os próximos anos tanto pola Xunta de Galicia como as comprometidas para esta lexislatura, a realizar polo próximo Goberno de España. Haberemos de estar atentos para evitar eses efectos negativos.

4,46/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións