Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Pequenas/grandes heroínas

14:08 19/07/2007

Hai uns poucos días, nunha televisión local dun grupo de comunicación de tendencia “conservadora”, apareceron catro mozos (dúas mulleres e dous homes, de entre 20 e 30 anos) xunto á presentadora, reivindicando a súa condición gai e lesbiana, falando, con naturalidade, sen acritude, sobre as percepcións sociais en relación á súa identidade sexual.

Deime conta da coraxe que esixía estar alí, na “pantalla”, falando e reivindicando a súa condición sexual, facéndoo público ante unha contorna familiar e social, aínda moi conservador- moi tradicional- que se opón á lei que garante os seus dereitos, como se opuxeron e opón a outras leis parecidas. Contrasta, este comportamento, co de moitos da miña xeración, que, aínda estando desde tempo atrás na loita pola reivindicación dos seus dereitos, moitos/as deles/as gais e lesbianas, tropezan, aínda, con demasiadas barreiras para que a súa identidade sexual poida manifestarse libremente.

Coñezo moitas familias conservadoras que defenden os valores tradicionais da familia patriarcal e que sempre votaron ao PP e vin co paso do tempo como en moitas desas familias, especialmente o pai, foi cambiando o seu comportamento e suavizando o seu discurso a medida que os seus fillos ían gañando a adolescencia e a mocidade; este cambio foi máis pronunciado cando se trataba de fillas: aínda mantendo o discurso tradicional na súa contorna, convertíanse en defensores da igualdade de xénero cando se trataba das relacións da filla, fóra co noivo, nos estudos desta ou despois cando desempeñaba un traballo: o que aplicado á esposa, á cuñada, á sogra, etc., podía atentar contra as esencias da familia, convertíase nunha necesidade e motivo de orgullo para coa súa filla.

Cambian as actitudes dos pais
Os fillos - máis as fillas- cambian as percepcións e actitudes dos pais -aínda que non cambien o seu voto- pero iso posibilita aos poucos que o que parecía difícil de asumir por algúns sectores da poboación se poida converter en “normal”. Igual que ocorreu co divorcio, por exemplo, moitos dos que se opuñan a el, ao cabo dos anos, foron facendo uso dese dereito e outros, aínda que non estean dispostos utilizalo baixo ningunha circunstancia, prefiren que estea aí, non vaia ser que a súa filla, un día, necesite del para liberarse dun marido inapropiado; ata, a acepción a vivir xuntos, en parella, sen que medie institución algunha.

É certo que a valentía que lle atribúo a estes mozos está dentro dun contexto no que a conciencia da nova situación - aprobación da lei- na que se acha a súa “reivindicación”, permítelles- utilizando unha expresión de U. Beck – “maximizar as oportunidades” ; aínda así reflicte un acto de valor para vivir de xeito máis aberto e reflexiva, con máis autonomía e liberdade, a súa condición sexual, fundamental na creación da identidade do individuo.

Aínda que, nunha boa parte da sociedade, existe un forte rexeitamento á homosexualidade, na medida en que se está desligando a sexualidade da reprodución, esta deixando de ser definida e dominada pola heterosexualidad e aos poucos veremos como se vai “normalizando” a situación e ninguén se teña que ver obrigado a ocultar a súa condición sexual e poida desenvolverse con liberdade.

4,31/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións