Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Meten medo

09:40 03/01/2008

Cada vez con máis frecuencia a voz da Igrexa que se escoita é a máis dogmática e ultraconservadora ata o punto de afogar o carácter poliédrico que caracterizou esta institución nas últimas décadas do século XX

Resulta difícil de comprender como o discurso tradicionalista de Rouco e moitos outros bispos poida ter un importante número de seguidores. A defensa da familia cristiá fundada na indisoluble unión entre o home e a muller constituíu, nesta ocasión, o motivo manifesto da concentración. Pero, que demandan exactamente?. Hai algunha norma legal que impida que un home e unha muller poidan casar polo rito católico?. Hai algunha lei que impida que un home e unha muller poidan manter a súa convivencia matrimonial durante toda a súa vida?. Non hai ningunha norma que impida realizar o que eles propugnan. Entón, a que tanta historia?. Non será que non lles abonda a liberdade que teñen de elixir o seu propio modo de vida senón que ese modo de vida debe impoñerse a todo o mundo, limitando a liberdade dos demais?. Botan de menos, non cabe a menor dúbida, o franquismo, que impoñía o seu modo de pensar - matrimonio entre o home e a muller para toda a vida.

A única verdadeira
Cando falan de "familia cristiá" están a falar de algo diferente á "familia musulmá" ou "familia xudea"?. Historicamente, as tres relixións, que se consideran cada unha, a única verdadeira, estiveron en conflito permanente, non obstante, teñen as tres a mesma concepción sobre a familia, defenden un mesmo modelo, que é o da familia patriarcal: submisión da muller ao home. Por iso están contra todo aquilo que permita á muller autonomía e liberdade para decidir sobre sí mesma. Por iso defenden un sistema político -autoritario- que estea ao servizo do sistema relixioso, defenden sistemas teocráticos, aínda que falen de democracia, á que odian, igual que odian o termo cidadanía e sempre alentaron a violencia para eliminar as discrepancias (A Inquisición, as Guerras de Relixión, as Cruzadas, etc.).

Tempos escuros
Quérese volver aos tempos escuros: cando unha muller sufría abusos sexuais e violencia, no modelo patriarcal, sempre era sospeitosa porque provocara o home ou se manifestara desobediente. Todo se xustificaba contra ela. Agora, o bispo de Tenerife, Bernardo Álvarez, di dos nenos "se te descoidas, provócante", "pode haber menores que o consintan, e de feito hainos". Para min que ante isto debería actuar a fiscalía.Para entender un pouco o que está a acontecer, voume permitir -agora que nestas datas un pode dispoñer dunhas horas libres- recomendar dúas lecturas, que non están traducidas ao galego. Unha, o autor da cal é un pensador libanés Georges Corm, leva por título "A cuestión relixiosa no século XXI", na que analiza a aparición dos extremismos relixiosos, o xudeu, o cristián e o musulmán e, outra, de Israel Finkelstein e Neil Asher Silberman, o primeiro deles director do Instituto de Arqueoloxía de Tel Aviv - ameazado polos ultraortodoxos xudeus-, leva por título "A Biblia desenterrada", analiza se os feitos da Biblia son constatables historicamente e é un magnífico ensaio sobre a construción da nación xudea.Polo demais, reiterar unha vez máis, a necesidade de acabar cos privilexios que detén a Xerarquía Católica, a moral da cal ameaza os fundamentos da democracia.

4,79/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións