Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Os emigrantes dicimos non

11:19 07/07/2008

O 18 de xuño o Europarlamento aprobou unha directiva do Retorno que se calamos a boca marcará o futuro das nosas vidas e acabará cos principios democráticos de convivencia que nos definen e polos cales houbo moito que loitar. O sábado 21 de xuño o meu amigo Manuel Rivas escribe no seu ético espazo semanal sobre o que chama a "amnesia retrógrada" da Unión Europea e o seu inxusto discurso contra da inmigración. O Foro Galego de Inmigración xa se manifestou en contra deste erro e promoverá a partir de setembro unha campaña de concienciación social. O domingo 30 rematou en Tucumán (norte arxentino) a reunión do Mercosur cunha declaración unánime dos países que o forman en contra do desprezo co que se trata aos emigrantes sudamericanos.

Comezo hoxe a miña loita contra deste pensamento que intenta negar e prohibir e pechar portas. Non podemos permitir que os buscan un emprego sexan considerados delicuentes por un pequeno grupo de políticos que reciben votos da ignorancia dalgúns dos seus votantes. Se o 90% dos europeos non comunga coa insensatez non hai que deixar que sexan os medos duns irresponsables os que convirtan ao noso fermoso curruncho atlántico nun campo de concentración.

Hai que comezar axiña porque a mentira espállase un millón de veces máis axiña que a verdade. Iso foi sempre. Diante da mentira non hai pensar un minuto porque vai directamente aos pés e non ao cerebro. A mentira di que os de fóra veñen quitarnos os nosos postos de traballo e claro, se non facemos uso do cerebro, queremos dárlles unhas patadas aos intrusos. A intención da mentira é que os traballadores nativos rebaixen as súas actuais rendas xa que senón virán os de fóra a traballar pola metade do salario.

Hai que dar pasos para enfrontarse e gañar a batalla. Nós, os galegos, pobo emigrante onde os haxa somos os abandeirados da solidariedade porque recibimos agarimo en todos e cada un dos vieiros que percorrimos polo mundo adiante. Non somos desagradecidos e temos boa memoria. En todas as aldeas hai quen lembre o ben que nos acolleron na Habana, Bos Aires, Caracas, Montevideo ou Delémont. Non somos xente que sinta ningunha "amnesia retrógrada" porque aínda temos netos que desexan encher de bicos as enrugas da querida avoa Galicia.

Propoño para ir abrindo a campaña e ofrezo os meus servizos para no verán visitar ducias de centros galegos sudamericanos ---alí é inverno--- para que se manifesten antes de que en Madrid o Congreso dos Deputados empece coa tramitación para a reforma da actual lei de Estranxeiría. Os ventos ávregos que veñen de Europa queren unha lei máis dura e restritiva e pero nós somos máis de vento nordés que sopra cando o necesitamos. Penso que temos a forza moral necesaria, avaliada por séculos de diáspora, para dicir non diante das inxustizas e para promover máis dereitos sociais. O avance está na porta aberta aos que sofren dificultades. Os que entran non son estranxeiros senón membros da nosa propia familia.

Quero propoñer tres suxestións: a) unha carta aberta ou artigo de reflexión do presidente da Xunta de Galicia (xa o fixo o presidente de Andalucía) no que o xefe do executivo galego manifeste a súa oposición ao novo texto comunitario; b) unha declaración institucional do Parlamento de Galicia en contra da directiva do Retorno; c) un escrito de todos os centros galegos do mundo dirixido ao presidente Rodríguez Zapatero no que manifesten que non esquecen que tiveron abertas as portas para unha nova vida cando houbo necesidade dun fogar onde quecer ao abeiro das tempestades.

Estou berrando con todas as miñas forzas para que no meu prezado Montevideo saiban que non esquezo aquela escoliña uruguaia na que fixen as primeiras letras. Alí ninguén me marxinou por baixar dun barco e por non saber quen era Xosé Artigas. Lembro aos meus amigos da infancia Claudio, Gildo e Horacio cando desde a radio o locutor Carlos Solé berraba Goool…de Peñarol! e nós coma movidos por un resorte veña a brincar de alegría. Ningún edicto pretoriano da UE vai facer que esqueza que nas beiras riopratenses houbo un oco para min e que Galicia enteira está aberta para que novos nenos berren un gol, sexa do Celta, Deportivo, Pontevedra ou Racing de Ferrol.

3.59/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...