Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

O ingreso de dona Micaela na Asemblea Celestial Riopratense

16:45 24/03/2010

O director da Radio do Ceo consultou aos membros da Asemblea Celestial da Emigración Riopratense para ver se hai unanimidade en admitir a dona Micaela Souto Portela [A Coruña,12-II-1920-Porto Williams,10-II-2010] no seo dunha entidade que está formada só polos emigrantes que loitaron en calquera das dúas beiras do Prata. Houbo acordo e por tanto a trasmisión en directo do evento chegará ao curruncho chileno onde agora mesmo están tomando un viño con empanadiñas Pablo Neruda e Gabriela Mistral. Os encargados da recepción son o ferrolán Antonio Soto Canalejo e o sadense Ramón Suárez Picallo. Os dous tiveron boa relación con Chile e son vellos amigos das gaivotas de Chiloé.

Antonio: Permíteme  prezada Micaela que che exprese o meu recoñecemento polo teu labor de forte compromiso cultural coa nosa terra desde Chile. Xa sabes que este país ---unha longa língua   sudamericana de miles de quilómetros--- é para min moi especial. Foi o meu acougo e refuxio cando as tropas do tenente coronel Varela viñan camiño da estancia patagónica La Anita para fusilarme.  Se me salvei foi pola insistencia duns bos compañeiros chilotas que me convenceron de fuxir a través da cadea montañosa dos Andes. Nunca pensei en residir nas terras dos heroicos mapuches pero a vida dá moitas voltas.

    Micaela: Graciñas, Antonio. Para min é moito honor ser recibida polo heroe das xustas e reivindicativas loitas da Patagonia Rebelde. Foi moi duro ler as páxinas de Osvaldo Bayer sobre a represión e a matanza de 1500 traballadores que soamente pedían unhas mellores condicións laborais. Tamén vin a película na que o noso Tacholas fai un papel soberbio. Para min, ti es un exemplo de xenerosidade e deberías ter unha homenaxe anual en Río Gallegos e outra en Ferrol. Poida que sexas a viva representación do expresado polo meu admirado Charles Chaplin: “É bo ir á loita con determinación, apertar a vida con paixón, perder con clase e vencer con ousadía”.

    Ramón: Sexas benvida Micaela ao seo desta Asemblea Riopratense. Cando o mestre don Luís Seoane me comentou sobre o teu ingreso manifestei que ti es tamén riopratense en espírito e  forza sentimental. Ademais, coido que estarás un pouco orfa aquí enriba xa que agás o pai de Edmundo Moure Rojas case non tes amizades galegas. Con nós estarás en familia. Aínda que eu non tiven unhas vivencias épicas coma as de Antonio son tamén un firme defensor do xeito chileno de entender a vida. Os meus anos de xornalista na capital chilena coa Ventana de papel sempre aberta foron moi positivos. 

    Micaela: Síntome abraiada. Tes que entender Ramón que ti fuches un dos grandes persoeiros da Galicia do século vinte. Un activo deputado elixido polo pobo galego, brillante orador e  grandísimo xornalista. Eu pola contra, ben pouquiña cousa son. Claro que tamén me considero riopratense xa que cheguei ao porto de Bos Aires no ano 1937 e teño ben presente o inesquecible cruce dos Andes naquel famoso ferrocarril trasandino. Non sei se son unha meica de Chiloé ou soamente a filla de Baldomero Souto. Non sei moi ben onde pasaron os meus case noventa anos de aló debaixo. Hai veces que mirando ao mar penso nas festas enriba do caleuche.  Outras veces soño que teño un violín na man ---o de meu pai--- e toco fermosas melodías ao pé do cruceiro ferrolán no que unha unha maña do inverno de 1937 apareceu morto.

    Antonio: Se che son sincero, benquerida Micaela, non podo queixarme de nada xa que o meu humilde labor sindical na Patagonia foi lembrado polos historiadores como un fito fundacional nunha Arxentina en proceso de edificación. Por se fora pouco levan o meu nome unha de Ferrol e unha praza de El Calafate. Sen esquecer as páxinas do egrexio  Bayer nas que se recolle a miña traxectoria sobre a base dunha rigorosa análise histórica. Pola miña banda, non me caen os aneis ao confesarche
que son un dos teus admiradores máis fieis. Para min es o vivo exemplo de que a realidade máxica existe. A vila de San Bernardo e a túa vella casona chea de árbores na que atendías aos teus seareiros son dignas da pluma de Manuel Rivas. O teu oficio de Parasicóloga Experta encherá páxinas de boa literatura sempre e cando se saiba entrar no teu rico mundo de  lendas Norte-Sur. Para iso coido que ninguén mellor que o autor de “Os libros arden mal”.


    Micaela: Poida que non sexa para tanto. Sodes moi xenerosos pero non vexo ningún interese na miña vida. Fun unha rapaza emigrante de 14 anos que cruzou o mar xunto coa súa nai viúva e dúas irmás. Se vimos ata Chile foi porque tiñamos uns curmáns do meu pai. Certo que despois da viaxe digamos que dobrei  a miña idade porque o salto ademais de inesperado foi xigantesco. Dun mes para outro a nena que desexaba unha saia de branco percal para as festas de María Pita pasou a ser unha especie de sombra morriñenta sen corpo físico. 

    Ramón: Entendo que te sintas un pouco sorprendida pero nesta Asemblea Celestial ingresan os que foron bos e xenerosose ti estás ateigada de honradez e sentimento. A min a túa faciana mística non me interesa, xa o sabes, pero si quero que os teus escritos filolóxicos sexan divulgados. Hai que poñerse ao choio. Se me autorizas falarei con Edmundo Moure Rojas. O escritor da Touza de Vilaquinte fixo un louvable esforzo coas miñas notas xornalísticas chilenas sendo ademais un moi bo amigo teu. Supoño que aceptará encantado poñerse axiña coa recompilación dos interesantes inéditos. Logo xa haberá tempo para as edicións nas que participará o mecenas familiar, Mario, sempre  aberto ao que sexa irmandade cultural entre Galicia e Chile.

    Antonio: Hai en nós experiencias semellantes partindo de que somos fillos dunha mesma terra. Somos compañeiros de morriñas. Cada un ao seu xeito pero lonxe da parroquia. Non sei...pero cada vez me parece máis real que o paso por debaixo é un moi breve limiar aos chanzos celestiais. Quixera manterme rexo coma Ramón e seguir convencido do meu axeitado proceder pero non son quen de facelo. Pídoche axuda Micaela xa que vivín coa conciencia intranquila porque a inxusta matanza dos meus compañeiros da “Sociedad Obrera de Río Gallegos” pétame nas costas e queimame no corazón. Teño diante dos meus ollos a cara de cada un dos fusilados. Nin puiden berrar nin sentirme en paz cando o alemán Kurt Gustav Wilckens fixo xustiza executando ao sanguinario vilán Héctor Benigno Varela o 27 de xaneiro de 1923 en Bos Aires.

    Micaela: Podes contar coa miña máis solidaria colaboración. Estou ás ordes e axudarei no que poida. Antes de  falar con devagar podo adiantarche que recoñecer erros é a mellor das medicinas. O meu tratamento serán as palabras acompañadas con viño quente porque son seguidora da recomendación do mestre Rivas de que coa friaxe que vai, o que fai falta  é viño quente. A miña apócema especial  leva unha porcentaxe de lírica [poemas] e outra de épica [viño] que varía segundo sexa o paciente. No teu caso coido que aumentarei a dose de viño quente en consideración ao teu pasado de home de acción. Non sei se por aquí darei conseguido o tinto que viña utilizando que é da zona de Temuco pero senón probarei cun mencía da ribeira de Mourelos [O Saviñao].

3.86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...