Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Chegou o momento do Museo da Emigración Galega

18:47 25/03/2009

Poida que nesta lexislatura teñamos funcionando o Museo da Emigración Galega ou o Espazo Emigrante ou o Centro de Interpretación da Diáspora Galega. O nome non é o importante nin tampouco o lugar onde se estableza. A miña aposta persoal é o aproveitamento dun espazo dentro do futuro complexo cultural do compostelán monte Gaiás. Hai anos, en 1992, defendía a creación dun museo fose en Vigo ou na Coruña coa referencia posta en New York e no seu emblemático edificio da illa de Ellis. Desde aquela ningún responsable de Emigración perdeu un minuto do seu tempo en ler os folios do meu anteproxecto. A idea que por outra parte non ten nada de orixinal recibiu moitas adhesións do exterior e poucas do interior pero non por iso menos valiosas como por exemplo a do escritor Manuel Rivas.

Sempre entendín que o escaso interese por recoñecer aos refundadores de Galicia en América viña dunha eiva do subconsciente que actuaba a xeito de borrador para que no noso disco duro non quedase nada daqueles anos de escuridade. Logo fun dándolle voltas ao asunto e mudei para a tese de don Ramón Piñeiro López. Nas miñas conversas co egrexio filósofo de Láncara funme afacendo ao aspecto sentimental da longa diáspora galega. Os movimentos migratorios en Galicia, ademais de seguir uns patróns sociais, levan dentro unha gran carga sentimental que os fai únicos. Calquera pode entender que non é o mesmo que emigre un pequeno propietario que un traballador por conta allea. A nosa foi unha emigración de donos do seu que recrearon lonxe os usos e costumes da súa parroquia.

Quero e desexo que o novo goberno peche a ferida. Hai que ser agradecido cos que no pasado loitaron por nós e unha boa forma de agradecerlles aos nosos irmáns da diáspora é mediante a súa dignificación. Para que ninguén os poida acusar de nada hai que reformar con urxencia a lei para establecer o voto en urna. O sorriso dos netos da emigración ao sinalar con orgullo o lugar onde naceron os avós non ten prezo. O lume que quece na lareira dos avós é o mellor combustible do mundo porque sae de dentro para fóra. Non podemos estragar o manancial do sentimento por mor de andar detrás duns votiños obtidos mediante unhas prácticas non éticas. Hai que saír do ensarillado que nos atoalla.

Levo anos repetindo que o voto emigrante non é ningún problema como tampouco o é a emigración. Só cando perdemos a memoria vemos negro onde hai branco. A cor branca alumea nos dereitos dos emigrantes e os pequenos cortes de luz que escurecen haberá que arranxalos sen eliminar a fonte de enerxía. Os que saíron fóra teñen os mesmos dereitos que os que quedaron e son a enerxía renovable que necesita Galicia. Non entendo que haxa que penalizalos porque viven en Montevideo e non en Vimianzo. O desacertado manifesto de Se resides, decides parece feito por racistas da ultradereita cando en realidade os seus autores son xente ben intencionada e de boa fe.

Onde está o erro? Que nos está a pasar? A miña condición de neno emigrante faime dono dunha visión menos etnocentrista dos dereitos da diáspora. Durante os meus primeiros cinco anos de vida Galicia era un anaquiño dunha parroquia chamada Santa Baia de Tines. Logo na capital uruguaia aprendín que Galicia era o son dunha gaita e unha língua diferente daquela que eu utilizaba cos meus amigos uruguaios. O meu sentimento de pertenza pouco tiña de relación coa xeografía, algo que por outra banda, esquecera totalmente.
   
Se mantivemos viva a chama do sentimento cando aquí a vida era dura foi porque nunca rompemos o vínculo espiritual coa aldea. Se non era por interese económico entón hai que aceptar ao sentimento ---sexa morriña ou saudade--- como uns dos alicerces ou piares básicos de que contra todos os males temos milleiros de netos que son galegos sen coñecer a terra dos avós. Somos donos dun patrimonio espiritual moi valioso que outros pobos envexan pero temos arroutos suicidas que queren aplicar terapias radicais para sandar enfermidades imaxinarias.

4.56/5 (9 votos)



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...