Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Don Ramón Piñeiro López na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense

13:16 03/06/2009

Hai uns anos que o director dos medios informativos da Asemblea Celestial, Luís Seoane, propuxo que cada 17 de maio se convide ao homenaxeado ou homenaxeada. Os que acepten non virán para recibir ningún aplauso senón para que poidan desculparse polos erros cometidos. Di Seoane que neste clube de xubilados riopratenses coñecémonos ben todos e non hai lugar para ambicións nin envexas.

A orde de intervencións comeza co convidado, neste 2009 é Ramón Piñeiro López, que presentará un resume dos seus erros e actitudes das cal se arrepinte. Logo os previamente inscritos farán as súas preguntas ou reflexións que se pide sexan concisas porque a comparecencia é trasmitida pola Radio do Ceo. A rolda de intervencións segue a orde alfábetica dos apelidos: 1º) Xosé Abraira; 2º) Xesús Canabal; 3º) Manuel Meilán; 4º) Rodolfo Prada.

    Fala o convidado: Paréceme ben a idea de Luís de vir aquí para intentar facer un exercicio de auto-crítica despois do noso paso pola Terra Nai. Sabedes que levo dentro unha pequena eiva que coido non me deixou ser moi lúcido en moitas das decisións que tiven que tomar. Falo da miña frustración por non obter un título universitario. Certo é que escribín algunha que outra obriña e que me chamaron o filósofo da saudade pero non pasei pola universidade. Grazas ao amigo Emilio puiden impartir clases de verán nos Estados Unidos pero eu non era profesor aínda que os dólares viñan ben para sumar aos ingresos que obtiña a miña querida Isabel. O meu pesar interior fíxome que puxese aos universitarios máis arriba do que realmente estaban. Por iso moitos saíron rás pero eles non tiveron responsabilidade ningunha xa que fun eu ---que teño fama de reflexivo--- o que non soubo diferenciar entre a lealdade ao galeguismo e o interese por ocupar postos de mando.

Abraira: Vexo, Ramón, que coma bo filósofo que ti es andas sempre lonxe do tema que coido nos acupa. Polo menos non viñeches con contos de Armea e de Lugo e de Ánxel Fole. Pero esqueces o máis importante que fixeches mal e fai que hoxe goberne en Galicia o partido dos retrasados. Estou a falar da traizón aos ideais galeguistas ao non abandeirar ao noso heroico partido. Eras ti o que debía dirixir e contralar. Eras ti o que tiñas que poñer a Domingo de candidato á presidencia da Xunta. O lugar de Domingo non era o de senador real e moito menos o de ser o empregado-delegado de Madrid. Foi unha pena…non sei en que carallo estabas pensando.

Canabal: Coincido en que foi un erro a non aposta polo Partido Galeguista e que Domingo sería un gran presidente. A realidade está amosando que o ex presidente Fraga asumía as teses piñeiristas pero o actual case que volveu aos tempos pre-constitucionais. Agora ben, non por iso hai que cargar todo o peso en Ramón. Poida que nós desde América tivésemos unha visión demasiado optimista sobre a forza real do Partido Galeguista. Poida que houbese que xogar outras cartas e nesta partida foi Ramón o que escolleu ir tinguindo de galeguismo por aquí e por acolá. Parecía que o conseguira pero a día de hoxe xa teño as miñas dúbidas.

Meilán: Pensaba que Ramón ía falar da desfeita do Partido Galeguista. Pero supoño que está doído pola polémica que suscitou entre o grupiño de galeguistas porteños. Digo “grupiño” para centrar un pouco as críticas porque case parece que eramos fortísimos e que lle deixamos a Xunta á U.C.D. porque si. Eu fun dos que non apoiei a Ramón na súa teoría de que todos os partidos galegos deben ser galeguistas. Iso está ben nun país normalizado pero no noso aínda hai moitos políticos que son anti-galegos. Non sei… pero quizais a xogada houbese saído mellor se o xenro de Domingo aceptase as propostas de Raventós. Estiven desilusionado e no congreso de Poio chorei bágoas de impotencia pero a historia é así. Temos que avanzar e non limpar as mans no pano do irmán Ramón.

Prada: Ben, amigos. Somos todos da mesma corda: galeguistas e bos e xenerosos. Ademais unha maioría de lucenses ---agás Canabal e eu que navego entre as augas do Miño, do Sil e do Búbal--- que sempre é garantía de boa compañía. Haberá que buscar o consenso e a paz que non tivemos aló embaixo. Non quero ser o defensor de ninguén porque coñecemos de abondo as nosas traxectorias vitais. En Bos Aires o galeguismo era Alfonso e nada mais. Eramos tres gatos aos que se sumou un con guita ---xa sabedes de quen falo--- ao que lle fascinaba o discurso do noso irmán rianxeiro. Digo eu que se fóra eramos poucos non hai razón que sosteña que no interior gañaríamos as eleccións. O noso partido puido ter grupo parlamentario propio no primeiro parlamento ---coido que si--- pero houbese gañado igual a U.C.D. con ampla maioría. Diredes que o futuro de Galicia sería diferente cunha forza galeguista, tamén pode ser, pero foi doutra maneira. Temos que deixar de machucar en Ramón e loitar para que axiña os parlamentarios populares lean un pequeno folletiño que recolle unha conferencia de Ramón titulado “Consideracións sobre a cultura galega”.

3.4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...