Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Graciñas… eurodeputados Borrell, Obiols e Grau

09:45 04/08/2008

Coincido con Gaspar Llamazares (El País, 30/07/2008) en que “La Directiva de Retorno, también denominada acertadamente Directiva de la vergüenza, convierte la Europa de los valores en la Europa del miedo y esto en un continente que hasta mediados del siglo pasado lo fue de emigrantes, con decenas de millones de europeos que marcharon a las dos Américas huyendo del hambre, la guerra y el fascismo” e cústame aceptar que se estea atentando contra do espírito europeo sen que o goberno central se opoña ao retroceso.

Cómpre agradecer a valente actitude dos tres europarlamentarios cataláns que votaron non á Directiva de Retorno. Sinto unha envexa sa porque estou a pensar nos directivos do Casal Catalá en Montevideo que lles preguntarán aos meus amigos directivos de entidades galegas: ¿Ustedes no tienen europarlamentarios que los defiendan? A verdade é botei en falta aos nosos. Non abriron a boca cando teñen un millón e medio de razóns máis que os cataláns para opoñerse a unha normativa que cando menos pode calificarse de insolidaria.

Non sei se os nosos representantes tiñan présa por coller as vacacións pero coido que o seu silencio non admite ningunha desculpa. Onde non hai sentimento non hai tampouco pensamento. Así o entendo porque se os nosos fosen agradecidos lembrarían que aínda que eles non estivesen fóra son igualmente fillos da emigración. Os pais e os avós da gran maioría puideron cursar os estudos primarios grazas a que desde América enviaron cartos para erguer unha escola e pagarlle o salario ao mestre. Máis de 300 edificios espállanse por Galicia adiante amosando nidiamente que houbo quen non esqueceu .

Se alguén ten a máxima lexitimidade para defender na Unión Europea os dereitos dos inmigrantes son os nacidos neste curruncho atlántico. Aquí somos todos filósofos e comungamos coa idea de que se houbo un camiño de ida haberá outro de volta. Se antes nos abriron as portas non podemos permitir que dous gobernos presididos por conservadores populistas sexan os que pechen unhas portas que non son da súa propiedade. Están a dictar cátedra sobre Inmigración os indocumentados sen currículo sen oír aos especialistas recoñecidos: armenios, galegos, irlandeses e israelís.

Sei que no Río da Prata ---recibo queixas diarias dos meus amigos--- non se entende este procedemento de “novos ricos” que dun día para outro esquecen que onte mesmo íamos nós polos vieiros do mundo intentando atopar un abeiro. A nosa nai Galicia non podía acubillar a todos os seus fillos e víuse obrigada pola necesidade a facer entrega dalgún deles en adopción ás novas repúblicas americanas. As novas nais recibiron aos adoptados coma se fosen fillos biolóxicos xa que os agarimou sen facer ningunha distinción.

Fagamos un exercicio de imaxinación para viaxar aos portos de Bos Aires e Montevideo. Estamos en 1950 e dos barcos descenden cada mes milleiros de emigrantes. Cal sería a cara destes recén chegados se ao desembarcar fosen recibidos no peirao polos funcionarios de Migración coa seguinte ringleira de preguntas: a) A ver…gayego ¿te vas aportar bien?; b) ¿A qué viniste acá?; c) ¿Te comían los piojos, gaita?; d) ¿Tenés algún oficio?; e) ¿Sos laburador?. Pero non foi así senón máis ben deste xeito: ¿Fue jodido el viaje?; ¿Tenés acá algún familiar?; ¿Dejaste allá familia?; ¿Querés un consejo?: ¿Te echo una mano?.

4.76/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...