Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Hai cincuenta anos en Montevideo

17:45 05/11/2008

Unha daquelas mans era a de meu pai. O fillo máis novo da casa do Rei de Tines era ferreiro pero o choio escaseaba pola Terra de Soneira e non era doado gañar unha pesetiña. Se estaba en América era por mor de Ramón de Alberte que lle escribira dicindo que viñese axiña. Na capital uruguaia os ferreiros comían carne de vaca todos os días que quixesen con só oito horas de laburo.

O paso do tempo fai que moitas imaxes se escurezan pero hai outras que se volven máis luminosas. Non lembro nadiña de cando subín da man da miña nai pola escada do “Cabo de Hornos” o 7 de novembro de 1958 pero si teño moi presente que vinte días despois buscaba entre ducias de mans que abaneaban no porto de Montevideo.

O neno que viña no barco pasárao mal. De mareo en mareo ata terras brasileiras. O tío Xosé do Rico, emigrado en Río de Xaneiro, trouxo ao camarote unha froita amarela moi saborosa chamada banana. Foi a apócema máxica que o repuxo un pouco diante da perda de peso. Non quedaba sinal ningunha da fachendosa barriga que botara na aldea grazas aos folladiños da avoa Concepción.

 O primeiro domingo americano foi unha festa. Pola mañá e aínda adurmiñado escoitou desde a cama os sons dunha gaita. Disque viñan dunha radio chamada “Carve” segundo explicou o pai. Un aparello --da marca “Philco”-- do que saen as voces duns homes que falan máis ou menos coma o facía o avó Evaristo. Parece cousa de maxia. Anos anos despois foi colaborador de Manuel Meilán e Pedro Couceiro que eran os que falaban pola radio desde o programa “Sempre en Galicia”.

Pola tarde foron camiñando ata a casa de Ramón que estaba casado con María do Remixio. Vivían na rúa Santa Ana. Tiñan unha filla que tamén baixara dun barco pero que levaba un par de anos neste lado do mar. Aquela merenda con doce de leite foi a confirmación de que viñera para un lugar único. Antes toleaba co chocolate que a avoa mercaba na feira de Baio pero de agora en diante sería o máis fiel seareiro do doce máis rico do mundo. Quedei totalmente convencido en que se a Mercediñas lle ía tan ben na escola era porque comera moito dóce de leite.

As árbores enchían as beirarúas do barrio de Aires Puros. Eran os paraísos que protexían dun sol que quentaba bastante máis que o de Tines. Ademais de sombra botaban un froito pequeno con forma de oliva que era a munición utilizada no xogo de policías e ladróns. Cando pasaba algún carro cheo de papeis, vidros e latas toda a atención ía ao animal. Lembraba a besta na que uns meses atrás volvía paseniñamente dos Denllos para a casa.

Os meses do verán pasaron voando. Foi o 8 de decembro no xantar cando a nai lembrou que a avoa Concepción estaba de santo aínda que no calendario montevideano non aparecía a Inmaculada Concepción. Poñía en letras vermellas: Día de las playas. O pai afirmou moi convencido que aquí os curas non mandan nada. Unha boa proba foi durante un descanso laboral en Casa Ponti. Pola beirarúa de Yaguarón case Agraciada pasou un crego con sotana que ía cara a veciña parroquia da Aguada e varios compañeiros de traballo ergueron a voz para dicir: ¡cuervo…cuervo!

Os ollos non daban feito. O oído rexistraba ducias de sons e o olfacto arrencedía compracido uns chouriciños na grella. Sen ningún rito iniciático o neno de Tines intégrase no sentimento montevideano. Uns días antes do nadal de 1958 era un membro máis daquel lugar ateigado de alegría. Aínda non sabía o nome do país pero sentíase ben camiñando entre a xente e os vendedores. As voces pregoaban produtos que non coñecía. O acento e a entoación eran raros: Vaamoo… que me queda el último; Yebee… la pichincha hoy; Vea doña… los mejores durasnos Rey del Monte. Estaba na feira de Tristán Narvaja.

Todo era novidoso e os novos nomes fóronse gravando por riba doutros anteriores que axiña se esqueceron. A primeira esquina estratéxica foi a de Propios e Burgues. Había que recordar dous números de tres cifras segundo a viaxe fose ao mar ou ao centro. O mar eran os areais de Buceo e Malvín e no centro traballaba o pai. Para bañarse o “202” e para traballar o “158”. Nesta encrucillada as mantequillas da panadería “La Futurista” eran unha gozada. Levaban de recheo o mesmo dóce de leite que probara na casa de Mercediñas.

4.58/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...