Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

O que avisa...

14:57 06/09/2008

Hai máis de vinte anos que participei coma secretario do Patronato da Cultura Galega de Montevideo no nacemento da Unión de Sociedades Galegas nas terras uruguaias. Se lembro aquelas reunións é para avisar sobre que a futura Delegación da Xunta de Galicia no Uruguai deberá ter na axenda ben suliñada en cor vermellada a prioridade de que as entidades de emigrantes acorden unhas bases para o establecemento dunha unidade real. Hai aínda hoxe dirixentes de asociacións que non queren escoitar falar deste tema e ano tras ano seguen a teimar na negación da evidencia de que a nosa loitadora colectividade está esmorecendo.

A partir de 1960 ao porto da capital uruguaia xa non chegaban barcos ateigados de emigrantes e polo contrario volvían para Galicia con aquelas mulleres e homes que non fixeran a América. En Montevideo temos o exemplo do Centro Coruñés que nos informa dun antes e dun despois na emigración galega ao Uruguai. A súa desaparición amosa o peche dun ciclo de máis dun século de emigración e os historiadores do futuro terán que deterse na análise deste feito. Os coruñeses e sobre todo os da capital eran na súa gran maioría empregados e non comerciantes e por iso mesmo foron os primeiros en decatarse que o feliz Uruguai ía camiño da desfeita. Cando falo do Centro Coruñés estoume referindo á entidade que tiña a súa sede social no número 1617 da rúa Ejido e que desapareceu baixo a presidencia do meu vello amigo noiés don Miguel Vázquez Valiño.

Se daquela houbo escasa visión de futuro entre os dirixentes da colectividade foi porque a política era a de pan para hoxe e fame para mañá. Os oídos estaban pechados para escoitar calquera mínima formulación na que se albiscase falar de unirse. As xuntanzas nas que participei son hoxe lembradas polos seus protagonistas coma históricas. Se ben é certo que non serviron de moito foron un primeiro paso para poñer enriba da mesa o asunto do envellecemento da colectividade e por tanto a diminución da masa social e a necesidade de que herdasen os fillos e netos. Nestas reunións soamente se falaba da organización de actividades culturais conxuntas ou concertadas xa que ninguén quería falar do auténtico problema: a venda de bens inmobiliarios para sumar ao patrimonio común. Algúns dos participantes asistían para non quedar mal e outros para intentar meter algún gol ou para que non se lles escapase ningunha viaxe pagada.

Hai agora outra sensibilidade? Penso que si…sobre todo despois da intervención polo goberno uruguaio da Casa de Galicia. Coido que o sucedido coa institución mutualista galega máis grande do mundo fixo que moitos pensasen seriamente no futuro. Pero eu son dos que lembro tamén o pasado xa que a intervención foi unha labazada aos esforzos dos vellos devanceiros que fundaron e mantiveron en pé unha entidade que viña cumprindo unha dobre función: sandar o corpo e o espírito. Hai moito tempo que tres bos amigos meus, Xesús Canabal, Manuel Meilán e Marcelino Martínez, dicían que o verdadeiramente importante non era a derrota da “Lista 26” [a chamada lista oficial que lideraba o pontecesán Luís Andrade Castro] senón quedar sen institución. Aqueles tres vellos galeguistas están agardando con ilusión que os nosos netos collan o temón para o comezo nunha nova singradura da Casa de Galicia. Se os netos non herdan os esforzos dos avós emigrantes foi pola tozudez ao non arranxar as cousas. Non debemos ser cativos de pensamento e deixar só os problemas. Os argumentos de que eles non están integrados na colectividade son falsos. Están dentro porque son os lexítimos herdeiros dos milleiros de galegos que se acubillaron debaixo do sol da bandeira azul e branca. Se deixamos as cousiñas en regra continuarán con entusiasmo o labor porque saben que agora é a súa quenda.


Supoño que no goberno galego están a traballar con seriedade para que a persoa que dirixa a Delegación saiba que “orientales” e “uruguaios” non son sinónimos e que Artigas e máis que un apelido. Haberá que ler todo o que escribiu Carlos Zubillaga Barrera e coñecer algunha das letras que escribiu Vítor Soliño. Non veñamos a “meter a pata” con nomeamentos que só teñen unha boa recomendación. A Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo non é para quen queira gañar un salario. Non… por favor. Alí vaise por compromiso patriótico senón será un fracaso. Se se quere representar axietadamente esta nova Galicia e cumprir cos que deixaron os seus ósos no cemiterio del Norte (temos alí dous panteóns sociais) é mester ter vocación de servizo. Se na Xunta houbo sensibilidade para entender que a colectividade uruguaia ten características propias ---semellantes pero non iguais ás arxentinas--- haberá que escoller con sentidiño aos que estean ao fronte da Delegación porque neles estaremos vendo a Galicia. No meu querido Montevideo contamos con ducias de persoas dispostas para achegar o seu ombreiro sempre e cando sintan que detrás do escritorio teñen alguén que desexa traballar con entusiasmo e sentimento na mellora xeral da colectividade. O que avisa…

4.25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...