Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CUARTO DÍA

Carta da filla dun gandeiro: "Toda esta xente maniféstase polo seu salario diario"

Cinco milleiros de manifestantes mobilizáronse este xoves a pé polas estradas de Santiago e Lugo exixindo medidas para paliar a crise do sector.

Redacción - 18:06 16/07/2009
"A miña nai traballa de sete da mañá ás doce da noite", dille Paula na súa carta a Feijoo

"A miña nai traballa de sete da mañá ás doce da noite", dille Paula na súa carta a Feijoo

"Queremos vivir do campo. Pido que busquen solucións". Este foi o berro que lanzaron este xoves cinco nenas, fillas de gandeiros, perante a Consellaría de Medio Rural. As pequenas encabezaron a manifestación de Santiago de Compostela, na que tomaron parte tres milleiros de persoas, levando unha pancarta na que se podía ler: "Que será de nós se as explotacións dos nosos pais morren?".

Malia o preacordo anunciado o mércores en Madrid na xuntanza da interprofesional láctea, na que produtores, industria, distribución e Administración acordaron fixar un prezo mínimo de 31 céntimos por litro e xeneralizar os contratos homologados, os sindicatos agrarios decidiron, por unanimidade continuar cos actos desta Semana en Branco. En Compostela, escoltados por máis dunha ducia de funcións policiais, os gandeiros partiron ás doce do mediodía do mercado de Amio, para transitar a pé até San Caetano, onde as nenas deron lectura ás súas cartas explicando que os prezos que lles pagan aos seus pais polo leite non chegan para pagar o seu traballo.

Mentres, en Lugo, outros dous mil manifestantes percorreron a pé a cidade reclamando medidas urxentes para saír da crise que asolaga ao sector. Provocaron un importante colapso na Ronda da Muralla, unha das principais rúas da cidade, ao concentrárense perante o edificio administrativo da Xunta. Alí rexistraron dous escritos dirixidos á Consellaría de Medio Rural e ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), nos que expuxeron as perdas ocasionadas polo baixo prezo abonado polo litro de leite no último mes.

Valoración do preacordo
Os tres sindicatos agrarios valoraron positivamente os avances nas negociacións e a decisión de poñer un prezo mínimo de referencia para o leite, que suporía cobralo a 31 céntimos até decembro. Con todo, subliñaron que, de momento, non hai nada pechado.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) asegurou que, mentres nada se concrete, os gandeiros seguirán coas mobilizacións. Ademais, asegurou que as protestas realizadas até o de agora foron as que "conseguiron que a ministra Espinosa movera ficha" e que se comezase "a falar de prezos".

O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, asegurou que de materializarse o preacordo sobre o prezo acadado onte en Madrid, "unhas 10 mil familias se verían beneficiadas de inmediato", polo que considerou moi importante que se asine e logo se faga cumprir. Con todo, reclamou outra vez axudas directas de até 7.500 euros por explotación, para o que estimou necesario un montante de 60 millóns.

O secretario xeral de Xóvenes Agricultores (XXAA), Francisco Bello, asegurou que o de onte "foi un bo acordo, pero non o mellor". Neste sentido subliñou que "é un avance importante" pero recordou que "non é a nosa aspiración só cubrir os custes de produción".

Medio Rural dá un paso
A Consellaría de Samuel Juárez emprazou para o vindeiro martes aos produtores para explicarlles canto e como se articularán as axudas para as explotacións procedentes dunha partida disposta do plan de choque da Xunta. Así llo trasladou o conselleiro aos responsábeis sindicais ao remate da protesta de Santiago, quen agradeceron a receptividade do político, se ben lamentaron que fosen necesarias mobilizacións deste tipo para acadar unha xuntanza.

Juárez, pola súa parte, asegurou que a solución da crise do sector "só poderá chegar" a través do acordo entre os produtores, a industria e a distribución e, en concreto, pola vía dunha estabilidade garantida polos pactos de mínimos. Así, felicitouse do preacordo de Madrid, e considerou que se abre unha nvoa etapa na que será posíbel a vertebración do sector, ao tempo que informou de que o seu departamento fomentará a sinatura de contratos homologados nos termos que estabeleza o preacordo.

Debate político
Esta semana branca tamén tivo as súas reaccións por parte da oposición política. Dende o PSdeG, Manuel Vázquez exixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que "deixe de botar balóns fora" e poña "enriba da mesa uns 50 millóns de euros para habilitar axudas directas de até 7.500 euros por explotación, como xa fixeron outras comunidades domo Asturias, Cantabria e Castela e León.

Mentres, dende o BNG, a eurodeputada Ana Miranda, asegurou que a coalición na que se inclúe (Europa dos Pobos Verdes) levará ao Parlamento Europeo esta cuestión e defendera que as cotas non se supriman en 2015, senón que sexan redistribuídas. Asegurou que, do contrario, xerarase "aínda máis dumping que agora".

Ao tempo, Miranda preguntouse "que fai a Xunta" para solucionar o problema e criticou que, até o de agora, non se presentase ningunha iniciativa.

Continúan as mobilizacións
Para o venres, a previsión é que os gandeiros se sumen a unha nova tractorada na cidade lucense, co mesmo itinerario que nas protestas do luns e do mércores.

En Santiago de Compostela, celebrarase unha asemblea de traballadores no recinto de Amio e tomaranse decisións sobre a axenda a seguir. Con todo, as accións reivindicativas previstas son as de organizar actos informativos nas rúas da cidade para explicar aos cidadáns cales son os problemas do sector.

Crónica da Semana en Branco

           Un milleiro de gandeiros maniféstanse ante a Eurocámara           Uns dous mil tractores colapsan o centro de Lugo por segunda vez esta semana


4,27/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe das nenas que escribiron as súas cartas ao presidente da Xunta
Imaxe das nenas que escribiron as súas cartas ao presidente da Xunta
Cabeza da manifestación a pé dende Amio até San Caetano
Cabeza da manifestación a pé dende Amio até San Caetano
Os gandeiros continuarán mañá coas mobilizacións
Os gandeiros continuarán mañá coas mobilizacións
Os gandeiros estiveron en todo momento escoltados por furgóns policiais
Os gandeiros estiveron en todo momento escoltados por furgóns policiais
O conselleiro de Medio Rural recibiu aos secretarios xerais dos tres sindicatos /Imaxes: SLG
O conselleiro de Medio Rural recibiu aos secretarios xerais dos tres sindicatos /Imaxes: SLG