Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEMANA EN BRANCO

Tres milleiros de tractores xa protestan nas rúas do país

En Lugo, os gandeiros colapsaron o centro da cidade. Mentres, en Santiago, continúan a chegar vehículos agrarios para a gran tractorada do martes.

Redacción - 18:50 13/07/2009
En Lugo, a primeira das tractoradas celebrouse este luns / Imaxe: SLG

En Lugo, a primeira das tractoradas celebrouse este luns / Imaxe: SLG

Un milleiro de tractores en Lugo e outros dous mil en Santiago de Compostela. Este é o balance de manifestantes que na xornada do luns se mobilizaron por todo o país. A "Semana en branco para a supervivencia do sector" arrincou con éxito de participación, unha mostra do que reiteran os sindicatos: os gandeiros xa non poden máis. Ademais, durante toda a tarde aínda se prevé que cheguen máis vehículos agrarios até o compostelán mercado de Amio, de onde está previsto que saia este martes unha nova tractorada polas rúas de Santiago. 

Os organizadores desta marcha (todos os sindicatos, as cooperativas e Gandeiros Unidos) recordan que o seu futuro está en xogo: exixen "solucións inmediatas que freen a caída do prezo do leite, de xeito que poida cubrir os custes de produción e se poida así evitar o peche das explotacións gandeiras". Subliñan que precisan que a súa protesta sexa visíbel, polo que decidiron optar por esta vía, se ben piden comprensión a todos os cidadáns polo colapso das cidades que poidan ocasionar.

Na cidade de Lugo, os tractores colapsaron o tráfico rodado na Ronda da Muralla, por onde transitaron para dirixirse á explanada do Palomar. A protesta transcorreu sen ningún tipo de incidente, se ben estivo controlada en todo momento por axentes antidisturbios da Policía Nacional e da Policía Local. Xa en Santiago de Compostela, os gandeiros dirixíronse até o polígono comercial Costa Vella, para manifestárense perante as superficies comerciais Maxi Día e Lidl. Uns 700 labregos, fundamentalmente de Gandeiros Unidos, denunciaron así a venda de leite de fóra a prezos máis baixos que o galego. Os supermercados optaron por pechar as súas portas, mentres que un importante dispositivo de antidisturbios vixiaba en todo momento aos manifestantes.

Non hai máis alternativas
Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), Carme Freire exixiu ao goberno español que "cumpra os acordos unánimes adoptados no Congreso con respecto á necesidade de que exista un prezo mínimo fixado por lei que cubra o traballo dos produtores". Ademais, asegura que os gandeiros están dispostos a manter os tractores na rúa, a facer marchas ou "o que faga falta para dicir basta xa a que se xogue co noso futuro".

Na mesma liña se manifestou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), quen asegurou que "esta non é unha mobilización máis" e subliñou que "os gandeiros están a perder a esperanza". Da súa banda, Francisco Bello, de Xóvenes Agricultores (XXAA) coincidiu en sinalar que "a supervivencia do sector está totalmente ameazada".
Tamén dende a Asociación de Cooperativas Agrarias (Agaca), Hixinio Mougán destacou que aos gandeiros "non nos queda absolutamente ningunha alternativa", polo que pediron o apoio da administracións, a gran distribución e a industria: "é necesario que tomemos todos cartas neste asunto", dixo.

O conselleiro solidarízase
Pola súa parte, o conselleiro de Medio Rurual, Samuel Juárez, cualificou de "xustas e xustificadas" as reivindicacións dos gandeiros. Asegurou que "o goberno galego está empeñado en poñer en marcha medidas, dentro do que permita a normativa europea", á que considerou "moi restritiva".

Na súa opinión, a solución ao problema "é a recuperación do prezo do leite", se ben explicou que este extremo depende do mercado e dun marco político que "vén dado dende Bruxelas". Neste sentido, pediu ao goberno español que defenda ao sector na Unión Europea.

No referente ao ámbito de actuación da propia Xunta, Juárez asegurou que xa se reunión coas industrias, os sindicatos e a distribución comercial e garantizou que continuará con liñas de apoio ao sector "a través de axudas económicas". Ademais, comprometeuse a controlar a circulación do leite no mercado e que se cumpran as normas existentes, tanto para o leite galego como para o que vén de fóra.


Ligazóns

4.33/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



En Lugo, a Ronda da Muralla chegou a colapsarse co tránsito dos tractores / Imaxe: SLG
En Lugo, a Ronda da Muralla chegou a colapsarse co tránsito dos tractores / Imaxe: SLG
En Compostela, a gran tractorada celebrarase o martes, cando os vehículos transiten pola cidade / Imaxe. SLG
En Compostela, a gran tractorada celebrarase o martes, cando os vehículos transiten pola cidade / Imaxe. SLG
Segundo os sindicatos, neste luns mobilizáronse un total de tres milleiros de tractores / Imaxe: SLG
Segundo os sindicatos, neste luns mobilizáronse un total de tres milleiros de tractores / Imaxe: SLG
O Conselleiro de Medio Rural dixo que comprendía as mobilizacións / Imaxe:SLG
O Conselleiro de Medio Rural dixo que comprendía as mobilizacións / Imaxe:SLG
Os tractores comezaron a chegar este mediodía ao mercado de gando de Amio, en Santiago / Imaxe: SLG
Os tractores comezaron a chegar este mediodía ao mercado de gando de Amio, en Santiago / Imaxe: SLG