Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN COMPOSTELA

Cargas policiais contra os gandeiros

Hai dous feridos, un de carácter leve e outro que continúa en observación no Hospital de Santiago cun posíbel traumatismo cranoencefálico. Galería.

Redacción - 18:15 15/07/2009
O gandeiro foi trasladado ao hospital / Foto: Zélia Garcia

O gandeiro foi trasladado ao hospital / Foto: Zélia Garcia

No terceiro día da semana branca en defensa do sector leiteiro, as pacíficas tractoradas deron paso á tensión e aos enfrontamentos coa policía. En Santiago de Compostela, a previsión era dirixirse en tractor cara sete puntos da cidade onde se concentran áreas comerciais, mais os vehículos agrarios non puideron saír á rúa por mor da grande presenza de antidisturbios no mercado de Amio. Os gandeiros decidiron entón manifestárense a pé, e distribuíronse entre a zona de Mercagalicia, no Polígono do Tambre, e o propio Amio, no Polígono de Costa Vella.

Con todo, unha forte presenza policial custodiou, durante toda a xornada, as portas dos principais supermercados da cidade, polo que tamén impediron a entrada dos manifestantes nas áreas comerciais. Así as cousas, decidiron cortar o tráfico nas estradas próximas, tanto na do periférico, como na rotonda do aeroporto. Entón foi cando se produciron as primeiras cargas, a primeira delas fronte ao supermercado Maxi Día.

O segundo dos enfrontamentos foi aínda máis tenso: produciuse cando un grupo de manifestantes se dirixiu cara un camión de transporte de Leite Río, que quedara parado na autovía a Lugo por mor dos cortes de tráfico. A carga policial foi tan contundente, que un dos gandeiros mesmo tivo que ser hospitalizado, logo de recibiu un forte golpe na cabeza.

O secretario de Organización de Xóvenes Agricultores, Tomás Díaz, denunciou a "falta de liberdade" dos gandeiros, "retidos polos antidisturbios en Amio e facendo cargas a escopetazo limpo", dixo. "Queriamos saír pacificamente e obstaculizando o menos posíbel, pero de súpeto estamos secuestrados pola Subdelegación do Goberno". Na mesma liña se manifestou Carme Freire, secretaria seral do Sindicato Labrego Galego e Xabier Iglesias, responsábel de acción sindical de Unións Agrarias, quen aseguraron non entender a actitude da Subdelegación do Goberno: "tiñamos os permisos e non puidemos saír", denunciaron.

Comunicado conxunto
Os tres sindicatos lamentaron as molestias causadas aos cidadáns e recordaron que as manifestacións destes días "son froito da desesperación que vive o sector lácteo". Ademais, Carme Freire asegurou que a explicación destas cargas policiais a hai que buscar no Ministerio de Medio Rural, e considerou que a ministra Elena Espinosa "comeza a poñerse nerviosa", porque "as mobilizacións dos gandeiros a poñen contra as cordas".

Mentres, Unións Agrarias solicitou á Delegación do Goberno español unha investigación para aclarar os feitos e presentou unha denuncia ante o correspondente xulgado por coartar o dereito de reunión, circulación e manifestación dunha mobilización que contaba con todos os permisos por parte das autoridades.

Á Xunta pola tarde
Este mércoes á tardiña, centos de gandeiros dirixíanse a pé cara aos edificios administrativos da Xunta para protestar polos incidentes rexistrados durante a xornada. Arredor de dúas ducias de furgóns dos axentes antidisturbios controlaban a marcha dos manifestantes.


Ligazóns

4.73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os antidisturbios non deixaron saír aos tractores do Mercado de Amio / Imaxe: SLG
Os antidisturbios non deixaron saír aos tractores do Mercado de Amio / Imaxe: SLG
Os gandeiros dirixíronse a pé até Mercagalicia e até o polígono Costa Vella / Imaxe: SLG
Os gandeiros dirixíronse a pé até Mercagalicia e até o polígono Costa Vella / Imaxe: SLG
A presenza policial foi moi importante en todas as áreas comerciais de Santiago
A presenza policial foi moi importante en todas as áreas comerciais de Santiago