Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Semana en branco

Os tractores levan o berro das granxas até a capital

Produtores leiteiros concentráronse xa en Santiago na tarde do luns diante de superficies comerciais. Este martes asolagarán a cidade en defensa do sector.

Redacción / EP - 08:00 14/07/2009

Para este martes agárdase a principal tractorada en Santiago de Compostela. Os gandeiros xa chegaron na xornada do luns á capital do país, concentrándose na explanada do mercado de gando de Amio. Posteriormente, un amplo grupo de produtores desprazouse até as grandes superficies comerciais próximas, obrigándolles a pechar as portas desde as 18 horas.

Na xornada do luns, arredor de tres milleiros de tractores desprazáronse desde dúas ducias de poboacións do país até Lugo e Santiago, para participar nas protestas que se celebrarán durante toda a semana. O obxectivo é esixir "solucións urxentes" que freen a caída do prezo do leite, de forma que este cubra os custos de produción, e eviten o peche de granxas. Insisten os granxeiros en que a situación é "dramática" e de "extrema dureza". Así coinciden en avalialo os promotores destas mobilizacións: Unións Agrarias (UUAA.), Xóvenes Agricultores (XXAA.), Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) que fixeron un chamamento aos cidadáns e, sobre todo, dos consumidores a que avalen os actos da "Semana en branco para a supervivencia do sector".

En Lugo, máis de 1.000 tractores, segundo fontes da organización, colapsaron o tráfico durante tres horas e media ao circular dende a explanada do Pombal, onde permanecerán os vehículos toda a semana, até o centro da cidade entre as 14h30 e as 18 horas. Malia que os gandeiros non impediron o tránsito de vehículos e o seu acceso a través da Rolda da Muralla ao casco histórico, a circulación dos seus tractores provocou retencións.

Supervivencia "gravemente ameazada"
"Esta non é unha mobilización máis", advertiu o secretario xeral de UUAA., Roberto García, "é a mobilización do desespero, da desesperanza, a que só un acordo pode permitir resolver". Unha cuestión na que coincidiu cos responsábeis das outras tres organizacións convocantes. "A supervivencia do sector está gravemente ameazada", insistiu o seu homólogo de XXAA., Francisco Bello.

"Non queda absolutamente ningún tipo de alternativas neste momento para dar unha solución ás explotacións", alertou o xerente de Agaca, Hixinio Mougán, quen solicitou o apoio da sociedade para que as administracións, gran distribución e industria "tomen cartas" no asunto".

Unha reclamación na que afondou García (UUAA.) ao esixir que o goberno español, a distribución comercial e a industria leiteira "arbitren unha mesa de negociación indefinida da que ninguén se poida levantar" até que haxa un acordo que permita cubrir os custos de produción". Nesta liña, demandou que os produtores lácteos endebedados despois de facer grandes investimentos na modernización das súas granxas poidan manter a súa actividade. Á parte, a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, urxiu ao goberno español a "cumprir" os acordos unánimes adoptados no Congreso en abril respecto á necesidade de que exista un "prezo mínimo fixado por lei para o leite" e que "cubra os custos de produción" dos gandeiros.

"O esforzo dos gandeiros é tan extremo que conduce directamente ás perdas", reiterou Mougán (Agaca), en referencia a que o produtor lácteo percibe unha media de 24 céntimos por litro de leite aínda que lle custe obtela 34 céntimos. "Non se pode seguir perdendo sobre 800 mil euros que é o que estimamos que se perde a diario nesta situación", aseverou.

En xogo milleiros de postos de traballo

Ante a situación derivada da constante caída de prezos dende hai máis dun ano --un 20% cento de media no Estado fronte á media do 2 por cento na UE--, o responsábel de Agaca pediu que se impulsen axudas directas aos produtores lácteos como as xa concedidas noutras comunidades autónomas --en Asturias concedeuse 7.500 euros de axuda directa a cada gandeiro-- ou as que, como sinalou, estudan implantar outras autonomías. "Están en xogo miles de postos de traballo e miles de millóns de euros en investimentos das explotacións", afirmou, para sinalar que, polo momento, non hai "previsións de recuperación do mercado".

Nesta liña, Bello (XXAA.) criticou o goberno español, do que asegurou que "segue sen dar un paso adiante", e esixiu que se produzan "avances" esta semana para recuperar o prezo do leite, de forma que "sexa estábel e cubra os custos de produción", así como "estea referenciado" –situándose nun determinado abano-- e permita os gandeiros "chegar co fin de ano coa supervivencia garantida" das súas explotacións.


4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: