Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Terceiro día en branco

Os gandeiros cortan un acceso a Compostela ao impedírenlles sacar os tractores

Axentes antidisturbios impedíronlles aos manifestantes desprazar os seus vehículos para protestar en varios centros comerciais.

Redacción / EP - 14:00 15/07/2009

A terceira xornada da Semana en branco de mobilizacións do sector gandeiro continúa en Compostela e en Lugo. Na capital do país, miles de gandeiros interromperon a circulación viaria nun dos accesos dende o polígono de Costa Vella despois de que axentes antidisturbios e da Policía Local lles impedisen saír cos seus tractores cara aos centros comerciais, como anunciaran.

Os manifestantes prendéronlle lume a un dos sinais viarios e sentaron no medio da estrada, co que quedaron bloqueadas as saídas cada á autoestrada AP-9 e as entradas a Compostela dende as avenidas da Coruña e de Asturias. Responsábeis das organizacións convocantes advertíronlle á delegación do goberno español de que "se non cambia de actitude", radicalizarán as súas protestas.

Os gandeiros anunciaron unha manifestación a pé dende o mercado de Amio, onde están concentrados os seus tractores, até San Caetano, e outra en estabelecementos comerciais da cidade e dos concellos veciños de Oroso e Brión para impedir a venda de leite procedente de fóra ou a prezos que non garanten a supervivencia do sector leiteiro. Neste último caso, manifestaran a intención de levar os tractores ás superficies sen intención de provocar cortes de tráfico.

En Lugo, máis dun milleiro de tractores percorrerán a cidade, saíndo dende a explanada do Palomar até o centro da cidade. Prevese que sobre as tres da tarde regresen para celebrar un xantar de confraternidade, coa presenza de todos os sindicatos e organizacións convocantes no Pazo de Feiras e Exposicións.




4.5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: