Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REACCIÓNS

Accións legais contra o financiamento do ensino diferenciado para nenas e nenos

A CIG-Ensino, CCOO e STEG presentarán recurso contencioso-administrativo contra Educación por infrinxir a lei e subvencionar os colexios que segregan por razón de xénero.

Redacción - 11:30 07/08/2009
En Galiza, cinco centros do Opus Dei defenden a educación diferenciada

En Galiza, cinco centros do Opus Dei defenden a educación diferenciada

Logo de que o Consello da Xunta rescatase este xoves os concertos aos colexios que segregan por razón de sexo, a CIG-Ensino xa anunciou que "denunciará esta ilegalidade perante o Tribunal de Xustiza de Galiza". O sindicato nacionalista presentará un recurso contencioso-administrativo contra esta resolución por entender que "contradí a actual lexislación marco vixente" (disposición adicional vixésimo quinta, artigo 84 da LOE; artigo 4 do Decreto 30/2007 e Orde do 9 de xaneiro pola que se ditan as normas para aplicación de concertos educativos en Galiza).

Dende a CIG consideran "un escándalo que o diñeiro de todas e todos os galegos sufrague de maneira ilegal o ensino de centros privados", porque entende que o seu modelo educativo e ideario "son contrarios aos principios mínimos de convivencia social, como é o caso do sexismo e a desigualdade entre homes e mulleres".

Ademais, lamentan que, "nun momento de recortes no ensino público", estes centros "integristas relixiosos, contrarios á igualdade entre homes e mulleres, dispoñan de preto de tres millóns de euros para promover un ensino sexista reaccionario". Finalmente, lamentan "a aposta do actual goberno polo ensino privado en detrimento do público" e critican que "para isto si que non haxa un plano de austeridade".


No mesmo sentido, Comisións Obreiras (CCOO) anunciou que recorrerá a decisión da Xunta, e recordou que o bipartito anulara estas axudas aos centros que segregan alumnado por sexos por seren contrarias á Lei Orgánica de Educación. Ao tempo, o sindicato denuncia que o Goberno destine cartos a estes centros segregadores ao tempo que reduce o investimento no ensino público e suprime a gratuidade universal dos libros de texto. Denuncian ademais "os recortes de persoal, sobre todo en secundaria, e a redución das partidas destinadas á formación do profesorado".

Na mesma liña se pronuncian desde o Sindicato de Traballadores do Ensino (STEG), para os que a decisión da Consellaría de Educación supón a mostra de que a Xunta "non ten reparos e reducir centos de postos de traballo no ensino público, reducir os investimentos no ensino público co argumento da crise, mais non ten reparos en adicar 3 millóns de euros de todas e todos, para subvencionar a unha empresa educativa contraria ao espírito da coeducación".

Anterior: A Xunta rescata os concertos aos colexios que separan a nenas e nenos


4.75/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: