Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EDUCACIÓN

A loita contra a segregación nas aulas en nove pasos

En xuño de 2007 Vieiros denunciaba que colexios privados recibían fondos públicos malia non permitir a coeducación de nenas e nenos. A Xunta acaba de revogar as axudas.

Redacción - 17:35 25/01/2009

As subvencións: unha herdanza que non se revisa (13/06/2008)
A mediados de xuño Vieiros desvelaba que varios centros educativos da Coruña e Vigo estaban a recibir axudas públicas da Xunta a pesar de non permitir a educación mixta. Noutras comunidades do Estado Español, como era o caso de Castela-A Mancha (gobernada polo PSOE) tíñanse suprimido xa as axudas ao entender que o ensino era discriminatorio e polo tanto non podía ter apoio público.

A Xunta promete estudar o asunto (13/06/2008)
Poucas horas despois de se publicar a nova, fontes da Consellaría de Educación póñense en contacto con Vieiros para asegurar que analizarán a posibilidade de retirarlle os fondos públicos aos centros do Opus Dei que segregaban a nenas e nenos nas clases.

Educación non rectifica
(23/09/2008)
Ao pouco de comezar un novo curso, o 23 de setembro, este xornal volve a denunciar que, un ano máis, persisten as axudas aos cinco centros de Vigo e A Coruña. As subvencións van contra as directrices da Lei Orgánica de Educación (LOE) que recolle a necesidade da “coeducación” dos sexos.

As entidades sociais erguen a voz (24/09/2008)
Logo da denuncia xornalística, os principais sindicatos galegos (CIG, CC.OO, UXT e STEG) posicíonanse abertamente contra as axudas e pídenlle á Xunta que tome medidas. Os representantes dos docentes consideran un anacronismo a pervivencia da segregación.

A CIG recorre ao Tribunal Superior
(26/09/2008)
O 26 de setembro, a CIG anuncia unha batalla legal para rematar coas subvencións. O sindicato nacionalista considera que a consellaría está a ceder á presión “de centros vinculados a posicionamentos retrógrados e con idearios ultraconservadores e reaccionarios”.

O STEG sae á rúa (08/10/2008)
O Sindicato de Traballadores de Ensino de Galiza maniféstanse diante da consellaría. Un dos seus voceiros, Xosé Cabido, denuncia que a Xunta está a promocionar un “ensino ultraconservador”.

Touriño manda parar
(2/10/2008)
Logo dun Consello da Xunta, o presidente da Xunta censura as subvencións. Touriño asegura que “van contra todo modelo de igualdade”.

Adeus ás subvencións
(21/01/2009)
A consellaría publica no DOG unha nova orde que impide que os colexios que separen por sexos poidan a acceder ao concerto coa Administración.

Os colexios do Opus Dei revólvense
(22/01/2009)
O director dun dos centros anuncia que batallarán nos tribunais para que prosigan as axudas.


4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: