Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Manuel González, presidente da asociación PuntoGal

“Coido que o PuntoGal será unha realidade no ano 2009”

A asociación que aspira a acadar o dominio para a nosa cultura participa en Los Angeles nunha reunión da ICANN.

Redacción - 13:15 31/10/2007

Unha delegación da Asociación PuntoGal está a participar no trixésimo encontro internacional da ICANN. A xuntanza, que se desenvolve en Los Angeles (EUA), trata distintos aspectos sobre o funcionamento do sistema de dominios en Internet. O presidente de PuntoGal, Manuel González, parece optimista sobre a consecución dun dominio para a cultura e a lingua galegas, agora que practicamente está asegurada a data da próxima convocatoria.

Vieiros: Como foi o recibimento de PuntoGal en Los Angeles?

Manuel González: O recibimento foi bastante bo. Procuramos ter unha presenza activa nas reunións para que nos coñezan os membros do staff e para ter a maior visibilidade posíbel.

Cando se poderá abrir de novo a convocatoria para novos dominios?

Este foi un dos principais logros desta reunión, porque aínda que non quedaron fixadas as datas fixas, temos xa un calendario aproximativo que, segundo a declaración dos responsábeis, debe resultar bastante fiábel se non aparecen problemas. A primeira ronda de presentación de candidaturas, na que participaremos nós, será no terceiro trimestre do ano 2008. No cuarto trimestre producirase a comunicación das candidaturas aceptadas. E no primeiro trimestre do 2009 probabelmente se aproben xa as solicitudes. Con estes prazos é previsíbel que no curso do ano 2009 quedará asinado o contrato coa ICANN, se non se produce ningún imprevisto non desexábel.

O éxito do .cat influirá na decisión da ICANN? Teñen o apoio doutras comunidades lingüísticas, como a galesa e a bretoa, que tamén aspiran a acadar un dominio?
O precedente do .cat é un dato favorábel para a posición da ICANN con respecto aos dominios de carácter lingüístico e cultural, porque comezou a funcionar francamente ben, e isto disipou certas dúbidas da ICANN con respecto a este tipo de dominios. Coido que o apoio doutras comunidades, como pode ser o caso da galesa ou da bretoa, non inflúe directamente na toma de decisións da ICANN, que se fía, sobre todo, na solidez dos informes, segundo os criterios que eles estabelecen. Pero, non hai dúbida de que a presenza doutras candidaturas de tipo lingüístico-cultural contribúe a crear un ambiente favorábel cara a este tipo de dominios.

O encontro dura até o 2 de novembro. Que temas de interese quedan por tratar?

Hai un tema que se vai tratar, aínda que sobre el non se tome unha postura definitiva, que é o dunha maior apertura da ICANN cara ao multilingüismo. É mesmo posíbel que xa na propia apertura de candidaturas se poidan utilizar outras linguas distintas do inglés. Non se sabe moi ben aínda cales, pero quizais, para comezar, se permitan neste primeiro momento as linguas de traballo das Nacións Unidas.

Podemos concluír que esta xuntanza achega un pouco máis a posibilidade de que sexa unha realidade o dominio .gal?

Eu son optimista e estou contento, porque até este momento sempre nos moviamos nun ruxe-ruxe de datas, criterios..., e agora, por primeira vez, presentouse un documento, aínda que sexa provisional, cos criterios que se van esixir para a concesión de novos dominios, cun avance substancial cara ao estabelecemento de criterios obxectivos. Tamén, por primeira vez, se falou de datas concretas, e os responsábeis, ante unha pregunta de PuntoGal manifestaron publicamente que as datas eran, aínda que non definitivas, bastante fiábeis desde un punto de vista orientativo. Dixeron que non se poden comprometer a datas fixas, porque estas dependen de circunstancias que non están aínda claras, pero que, se non hai imprevistos, os prazos serán os anunciados. Por iso, contestando á túa pregunta, coido que o punto Gal será unha realidade no ano 2009, xa que temos o traballo bastante adiantado, e presentaremos a candidatura na primeira quenda.


3,88/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: