Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Delirios xeorxianos

17:30 06/05/2009

Xeorxia estase convertendo no principal foco de inestabilidade na rexión do Cáucaso. O recente e misterioso intento de golpe militar contra o presidente Mijail Saakashvilii revela incertos sinais sobre a estabilidade política dese país, nun escenario xeopolítico delicado polo pulso que manteñen Rusia e EEUU nesta rexión.

    A controvertida rebelión e posterior rendición de diversas unidades militares na localidade de Mujravani, a escasos 30 km. da capital Tbilisi, así como as posteriores acusacións de Saakashvilii contra Moscova de estar detrás do intento de golpe (con presunta invasión militar rusa) ocorreron nun momento en que a OTAN iniciou manobras militares nese país caucásico.

Mentres cualificaba de “delirantes” as acusacións de Saakashvilii, Moscova denunciaba o desafío occidental que supón a implicación da OTAN nun espazo tan estratéxico como inestable.

    Saakashvilli atópase nunha difícil conxuntura política, cada vez mais dependente da axuda estadounidense. Nos últimos meses son frecuentes as manifestacións populares na súa contra, pouco reflectidas nos medios occidentais. Decenas de miles de xeorxianos saen ás rúas para acusar a Saakashvillii de instaurar un réxime autoritario e corrupto, “traizoando” os ideais democráticos que o levaron ao poder en 2003.

Pola súa banda, o presidente xeorxiano identifica plenamente a súa posición política coa “imperiosa” necesidade de que Xeorxia ingrese na OTAN e na Unión Europea, a fin de afastarse definitivamente da órbita rusa. Cunha rebelión interna in crescendo na súa contra, a tese da “ameaza rusa” pode tamén servir de pretexto a Saahashvilii para amortecer a presión popular.

    Como ocorrera coa “guerra relámpago” de agosto de 2008 en Osetia do Sur e Abxazia, o ronsel de polémica que deixa o recente intento de golpe acrecenta as incertezas sobre o que realmente sucede en Tbilisi. A controversia está servida se consideramos que existen razóns de peso para considerar que Moscova está interesada en acabar co goberno de Saakashvilli, tanto como o propio presidente xeorxiano urxe de argumentos válidos que acusen a Rusia de tentar “desestabilizar” ao país.

Non obstante, pode que o pulso ruso-estadounidense en Xeorxia e as veleidades de Saakashvilli incrementen aínda mais o descontento da poboación xeorxiana, que pode tamén traducirse en rebelión de determinados sectores militares. Todos estes factores colocan a Xeorxia no epicentro da atención xeopolítica no corazón do espazo euroasiático e ex soviético. A inestabilidade xeorxiana pode colocar ao Cáucaso nunha perigosa espiral de tensión e violencia.

4/5 (7 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...