Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

A senda de Correa

19:55 19/04/2007

Un 81,5% dos ecuatorianos votaron a favor da opción constituínte defendida polo seu presidente Rafael Correa. Este contundente triunfo presidencial ven lexitimado por unha baixa abstención, cifrada nun 28%.

Ambas estatísticas dan conta das aspiracións de cambio profundo que esperan os ecuatorianos do actual presidente. A consulta popular do pasado domingo 15 estipulaba a posibilidade de convocar a unha Asemblea Constituínte para outubro próximo, que permita igualmente iniciar un proceso de reforma estrutural dos poderes públicos e o aval para un novo modelo constitucional.

Co respaldo de 5,3 millóns de votos, Correa obtén un histórico triunfo que confirma a posibilidade real dun cambio estrutural no Ecuador dirixido a garantir unha maior participación popular nos esquemas de poder dentro do proceso de  “refundación nacional” que prometera electoralmente Correa.

Tanto como posibilitar a reforma estrutural dos poderes públicos está a aspiración presidencial por construír un sistema político capaz de garantir a necesaria estabilidade institucional que Ecuador ven demandando tras sucesivas crises políticas desde 1997. Correa sae fortalecido neste pulso político coa oposición política, a tenor da lexitimidade electoral e popular que lle outorga este plebiscito.

Con todo, Correa enfróntase a varios retos. A convocatoria do referendo constituínte estivo a piques de renovar a xa tradicional crise política ecuatoriana, ameazando a súa continuidade presidencial.

O pulso entre Correa e o Congreso, trasladado á “política da rúa” con vixilias paralelas entre simpatizantes presidenciais e deputados opositores, deixou claro que a pugna de poderes non semellaba resolverse unicamente nas salas do poder lexislativo e executivo. E que os ecuatorianos esperan un novo modelo, diferente do presentado polos partidos e as elites tradicionais.

Correa deberá agora reforzar as súas alianzas políticas dentro dun marco de reforma estrutural do poder político e lexislativo, tomando en conta que o seu partido, actualmente sen representación parlamentaria, será, con total seguridade, o principal polo de poder na nova asemblea lexislativa que saia do proceso constituínte.

Paralelamente, o triunfo da opción constituínte en Ecuador revela a dinámica dos cambios de orientación que está a vivir a rexión andina e cómo este proceso semella irreversible, aínda que con resultados non necesariamente homoxéneos.

O proceso constituínte pioneiro con éxito que tivo lugar na rexión andina foi realizado por Hugo Chávez en Venezuela en 1999. Posteriormente, Evo Morales en Bolivia continuou con esta tendencia no 2006, con resultados aínda por establecerse.

Precisamente, diversos medios internacionais e gobernos rexionais se apresuraron a amosar a súa preocupación pola presunta “chavización” do Ecuador, tomando en conta a simpatía e amizade entre Correa e Chávez e as similitudes entre as súas ideas políticas. Entre estas razóns se argumentaron o apoio de Correa ao ALBA e o “socialismo do século XXI” impulsado por Chávez, así como a súa oposición ao Plan Colombia e ás políticas hemisféricas de Washington.

Pero os actores internos e externos preocupados pola oferta política de Correa deben notar que a mesma alcanza o seu nivel de lexitimación por medio de procesos electorais con alta participación popular, similares aos casos de Chávez e Morales. Este elemento debe persuadir a calquera factor de poder en Ecuador e fora dese país, á hora de analizar se a opción constituínte convértese nese necesario factor de estabilidade ou noutro factor de confrontación sociopolítica.

Haberá que notar ata onde será capaz Correa de garantir a estabilidade que Ecuador necesita e se terá éxito na súa idea de “refundar Ecuador”. Se a súa senda é a adecuada, pódese intuír na lexitimación electoral da súa oferta política. Todo isto sen esquecer que as experiencias recentes no Ecuador obrigan, calquera que sexa o seu presidente, a prestar atención ao poder da mobilización popular e a canalizar as  frustracións sociais.

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...