Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Potencias emerxentes

13:31 25/11/2007

Brasil, India, Sudáfrica, México...son algúns dos exemplos máis nomeados de “potencias emerxentes”, unha nova caracterización das nacións e rexións que, hipoteticamente, lograrán configurar a orde global do século XXI.

Neste sentido, un paso significativo foi a creación do Foro de Diálogo IBSA en setembro de 2003, tralo fracaso do cumio da OMC en Cancún (México). O IBSA reflicte as iniciativas de India, Brasil e Sudáfrica, e creouse como un foro de cooperación Sur-Sur destinado a formalizar unha relación de peso e influencia nas relacións internacionais e na ecuación Norte-Sur.

O Foro IBSA, cun primeiro cumio que foi celebrado en Brasilia no 2006, corresponde a unha visión multilateral que mantén unha continuidade cara a conformación dun mundo multipolar. Un exemplo tamén é o G-22, igualmente liderado por Brasil, India e Sudáfrica no seo da OMC.

Neste sentido, a diplomacia do presidente Lula da Silva manifesta un impulso decisivo dende os países do Sur para a conformación dese mundo multipolar. Varios destes exemplos están contidos na celebración en Porto Alegre do Foro Social Mundial e o seu impulso á alterglobalización, no acercamento entre Brasil e o mundo árabe a través do cumio de Brasilia de 2005, un incremento das relacións brasileiras con África e Asia Oriental, un papel líder no mundo lusófono e a consolidación como “socio estratéxico” da Unión Europea e o Grupo das Oito grandes potencias económicas.

O goberno de Lula actúa cunha política cada vez  mais global que semella orientada a reflectir como unha especie de “faro” para os países en desenvolvemento do Sur. En cinco anos de goberno trala súa reelección no 2006, Lula realizou 18 viaxes ao continente africano.

Mediadora e pacificadora de conflitos rexionais, Brasilia é tamén un firme impulsor do proceso de reforma estrutural da ONU, especialmente como candidato á ampliación do seu Consello de Seguridade, que incluiría tamén á India, Sudáfrica, Xapón ou Alemaña.

Quen é unha “potencia emerxente”?

Agora ben, qué significado ten o termo “potencias emerxentes”? O concepto posúe unha clara orixe económica, explicado dende a perspectiva dos países desenvolvidos e, especificamente, de diversas consultoras de mercados a futuro, que manexan este concepto baixo criterios primordialmente macroeconómicos.

A comezos dos anos setenta denomináronse “economías emerxentes” aos países do sudeste asiático, mellor coñecidos como os “tigres asiáticos”, sendo os casos de Corea do Sur, Taiwán, Hong Kong, Tailandia ou Singapur. Estes países eran tamén denominados os NIC´s: New Industrialized Countries, ou Novos Países Desenvolvidos.

As súas principais características estaban determinadas por ser sociedades orixinalmente rurais que, cun rápido crecemento económico e a industrialización do seu parque produtivo, experimentaron un decisivo impulso exportador. Outros factores “apreciados” son o baixo custe laboral e salarial, a estabilidade política e social, a baixa presión sindical e o apoio frontal aos investimentos estranxeiros.

A ampliación do concepto de “economía emerxente” a “potencia emerxente” na década dos oitenta e noventa, permitiu incluír na lista a outros países, como Turquía, China, Brasil, México, Sudáfrica, Arxentina, Indonesia, etc, nun momento no que a economía global avanzaba sen restricións. Pero os resultados, nalgúns casos, foron contraditorios en canto ao nivel de desenvolvemento e implicación da tese impulsada dende o Primeiro Mundo.

Unha análise da consultora global Goldman Sachs, subscrito polo economista John O´Neill, permitiu a consolidación do termo de “potencia emerxente” trala noción de BRIC, iniciais de Brasil, Rusia, India e China. Para esta consultora, o impacto global do grupo BRIC de cara ao ano 2050 estará traducido na conformación dun foro que reunirá ao 40% da poboación mundial, un 10% do PIB global e con enormes recursos naturais: ferro e soia no caso brasileiro, petróleo e gas natural no caso ruso ou coñecemento informático no caso indio. 

Incluso, resulta frecuente atopar nos medios de comunicación a noción de “Chindia”, acrónimo de China e India, como o verdadeiro polo xeopolítico de poder global para o século XXI.

Renace o espírito de Bandung?

Para afastar o marcado carácter economicista do concepto de “potencias emerxentes”, os países do Sur e impulsores do foro IBSA tentan ampliar as súas perspectivas cara a cooperación política, tecnolóxica, social e cultural.

Non obstante, a pesar da súa potencialidade económica, estes países deben afrontar diversos problemas crónicos internos como a pobreza e a elevada desigualdade socioeconómica que, en determinados aspectos, dificultan a estabilidade dos seus modelos de desenvolvemento.

Sudáfrica posúe elevados niveis de infección do virus de HIV/SIDA; o auxe da criminalidade urbana e rural en Brasil coloca en determinados niveis a este país entre os “Estados fracasados”; unha potencia nuclear como a India posúe relacións delicadas cos veciños Paquistán e China.

A pesar disto, o foro IBSA evidencia unha decidida aposta pola configuración do mundo do século XXI dende o Sur para afrontar os retos do multilateralismo e da multipolaridade. Tanto como Brasil, India e Sudáfrica, outros países como Venezuela, Irán e Turquía afrontan tamén este reto, aínda que con perspectivas e modelos de desenvolvemento diferentes.

Estas iniciativas estratéxicas dende o Sur, nalgúns casos como manifestacións de resistencias á globalización estritamente económica, semellan recoller o espírito de Bandung e do Movemento dos Non Aliñados, tentando adecuarse aos retos e ás realidades do novo século.

4,14/5 (14 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...